Unha maneira de vida
Werner Herzog volve estar nos medios: acaba de estrear un novo filme, magnífico e retranqueiro, e axiña chegará ás librerías o diario da tortuosa rodaxe de Fitzcarraldo. Ningún cineasta vivo a non ser Abbas Kiarostami pode presumir dunha carreira tan brillante, ampla e diversa: moveuse con idéntica fortuna nas distancias curtas e nas longas, no cinema e na televisión, na ficción e no documental; fronteiras estas, as da ficción e a non ficción, que desafiou a pracer con títulos coma Fata morgana ou The wild blue yonder. Nos (carísimos) seminarios que imparte na Rogue Film School non se fala nada da técnica da dirección; para iso, avisa, “apúntense na escola de cinema local”. A súa escola é sobre “unha maneira de vida, sobre poesía, filmes, música, imaxes, literatura”, e de aí nace a súa recomendación de lermos certas obras de Virxilio e Hemingway. A espiritualidade perralleira e esotérica fica desterrada: “Non haberá charlas de xamáns, nin clases de ioga, de valores nutricionais, tés de herbas, o descubrimento dos teus límites e o crecemento interior“. Grande, moi grande o Herzog. Eu téñoo sempre presente, e máis aínda trala lectura dunha entrevista que lle fixeron hai quince meses Hervé Aubron e Emmanuel Burdeau, publicada no número de xaneiro de Cahiers du Cinema-España. Estas frases, aquí e agora, están de máxima actualidade:
"Un dos meus proxectos a longo prazo é a realización dun filme sobre as linguas que están a punto de morrer, linguas das que hoxe en día só existe un único representante. Hoxe en día hai censadas aproximadamente 6500 linguas no planeta. Posto que vós os dous sodes novos, ao final da vosa vida o 90% delas terá desaparecido. Agora mesmo están desaparecendo a un ritmo extraordinariamente rápido. Debe haber entre doce e catorce linguas que só teñen un único falante. Como se só quedara un galego capaz de falar a súa lingua, e xa non puidera comunicarse con ninguén. Ao morrer esa persoa, a súa lingua morrerá, e con ela a cultura galega, a literatura galega, as cancións galegas, a visión galega do mundo. Undocumented. Nin rastro nin documento algún para poder lembrala.
(...) A opinión pública amosa preocupación constante pola desaparición ou a disminución do número de baleas ou leopardos das neves, mais nunca escoito a ninguén falar publicamente da desaparición das culturas e das linguas humanas, e porén esa desaparición acontece a un ritmo máis vertixinoso que calquera outra na natureza.
Cando rodei Onde soñan as verdes formigas (1984) atopei un aborixe nun asilo de Port Augusta, ao sur de Australia. Debía ter uns oitenta anos. Era o derradeiro falante da súa lingua. O equipo púxolle de alcume “o mudo” porque non dicía nada. Sinxelamente non tiña a quen falarlle: era o único e o derradeiro ser vivo en falar a súa lingua. Entoaba sen parar unha canción para si mesmo (...) Foi a comezos dos anos oitenta, seguramente hoxe estará morto. Non sabemos cal era a súa lingua. Ninguén a documentou. E ninguén podía falar con el porque só sabía falar a súa lingua. A lingua non é só unha ferramenta de comunicación. É unha forma de ver o mundo, de comprendelo e de atribuírlle un sentido. É un mundo en si mesma. Un xeito de organizarse como ser humano no interior dese mundo. Toda esa riqueza, todas esas culturas están a piques de desaparecer".
Publicado na portada de Blogaliza
Post scriptum 1: na entrevista orixinal Werner Herzog non puña como exemplo a desaparición da lingua galega. Agardo que non me tomen a mal esa pequena licenza.
Post scriptum 2: na I Mostra de Ciencia e Cinema tivemos a concurso un interesantísimo documental presentado aquel mesmo ano no Festival de Sundance, The linguists (Os lingüistas), que seguía os pasos de dous profesores estadounidenses mentres documentaban polo mundo adiante linguas en perigo de extinción. Levou ex-aequo con Terra incognita o premio outorgado polo xurado da mocidade, feito que fixo moi felices aos directores, Seth Kramer, Daniel A. Miller e Jeremy Newberger: a edición ianqui en DVD loce con orgullo na carátula as follas de loureiro que recoñecen o filme como un dos gañadores da nosa humilde Mostra. O privilexio foi noso, por termos exhibido o seu excelente traballo.



“Foi unha noite de premios anunciados cunha única sorpresa relevante na categoría de película de fala non inglesa, o premio para 











