Kathryn Bigelow e o 8 de marzo

7 marzo, 2010 (13:25) | Cinema, Premios | 1 comentario

Empezarei cunha obviedade: a gala dos Oscar é o espello no que se miran todas as entregas de premios, sexa para imitala ou para escapar dela, en xeral con pouca fortuna. Por aquí o habitual é repetir o tópico de que as cerimonias hollywoodenses son sempre un aburrimento, mais eu levo gozado moito con elas, cousa lóxica en alguén que suma á súa natural mitomanía o gusto polas listaxes -e a fin de contas os Oscar están cheos das dúas cousas-. Os mitos van a menos, iso si; e máis agora que tomaron a decisión de homenaxear os vellotes ás agachadas, fóra do prime time televisivo, coa entrega dos premios honoríficos a Lauren Bacall, Gordon Willis, John Calley e Roger Corman nunha cea alá polo mes de novembro. Na procura dun público máis novo a Academia confía máis -e con razón- en Hannah Montana que na viúva de Bogart, e por iso a coloca sobre os escenarios xunto a un dos actores da saga Crepúsculo, Taylor Lautner, e o líder da triloxía High School Musical, Zac Efron. Os protagonistas dos filmes de maior éxito do ano pasado terán o seu minuto de gloria como presentadores no Kodak Theatre de Los Angeles: Sam Worthington (Avatar), Chris Pine (Star Trek) ou Bradley Cooper (Resacón en Las Vegas). Non me parece mal, mais así non hai maneira de ter unha standing ovation como é debido. Desta volta, o patio de butacas posto en pé ao completo só cabe imaxinalo cando Jeff Bridges recolla o premio ao mellor actor por Crazy Heart, máis polos servizos prestados que polas virtudes dunha interpretación sen tacha nunha película francamente anódina. Outro momento épico viría cun Oscar para Christopher Plummer como actor de reparto, mais todo apunta a que o austríaco Christoph Waltz (Inglorious Basterds) se vai encargar de que tal cousa non aconteza.

Non é un ano especialmente glorioso, non. Cun espanto coma Precious e o discreto Up in the air ocupando posicións de privilexio, non é estraño que o interese fique reducido ao amistoso duelo entre James Cameron e Kathryn Bigelow, Avatar vs The hurt locker (En terra hostil). Os números de Avatar son colosais: é o filme que máis cartos recadou na historia do cinema, con máis de 2.500 millóns de dólares en todo o mundo. As contas de En terra hostil son cento trinta veces máis modestas: para que se fagan unha idea, tivo máis espectadores Celda 211 en España que o (excelente) filme da Bigelow nos Estados Unidos. O seu máis que probábel triunfo nos Oscar débese en boa parte á influencia das asociacións de críticos norteamericanas, que a resituaron na primeira liña ao concederlle un premio tras outro a finais de 2009. The hurt locker foi o mellor filme do ano para os críticos de Austin, Boston, Chicago, Denver, Houston, Kansas, Las Vegas, Los Angeles, Nova York, Oklahoma ou San Francisco. Os profesionais do cinema americano non deixan tampouco moito espazo para a dúbida: a película foi premiada polas asociacións de guionistas, produtores, directores, directores de arte e montadores. É case unha aposta segura: Kathryn Bigelow será a primeira directora que reciba un Oscar, e cando iso suceda nós estaremos xa no luns oito de marzo, Día Internacional da Muller. Xornalistas do mundo, ide afiando os titulares!

Publicado o sábado 6 de marzo na edición dixital de Xornal de Galicia.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A miña quiniela para os Oscars

22 febreiro, 2009 (21:44) | Cinema, Premios | Sen comentarios

Aí vai a miña quiniela para os Oscars. Entre paréntese, a miña opción preferida entre as candidatas naqueles casos en que non coincide co que creo que vai saír:

Mellor filme: Slumdog Millionaire (The Curious Case of Benjamin Button)
Mellor director: Danny Boyle por Slumdog Millionaire (Gus Van Sant por Milk)
Mellor actor: Sean Penn por Milk (Frank Langella por Frost/Nixon)
Mellor actriz: Kate Winslet por The Reader (Meryl Streep por Doubt)
Mellor actor de reparto: Heath Ledger por The Dark Knight (Philip Seymour Hoffman for Doubt)
Mellor actriz de reparto: Penélope Cruz por Vicky Cristina Barcelona
Mellor guión orixinal: Dustin Lance Black por Milk
Mellor guión adaptado: Simon Beaufoy por Slumdog Millionaire (buff... Eric Roth, Robin Swicord por The Curious Case of Benjamin Button)
Mellor fotografía: Anthony Dod Mantle por Slumdog Millionaire (Claudio Miranda por The Curious Case of Benjamin Button)
Mellor montaxe: Chris Dickens por Slumdog Millionaire (Elliot Graham por Milk)
Mellor dirección artística: Donald Graham Burt, Victor J. Zolfo por The Curious Case of Benjamin Button
Mellor vestuario: Jacqueline West por The Curious Case of Benjamin Button
Mellor maquillaxe: Greg Cannom por The Curious Case of Benjamin Button
Mellor música orixinal: A.R. Rahman por Slumdog Millionaire (Thomas Newman por WALL·E)
Mellor canción orixinal: A.R. Rahman, Sampooran Singh Gulzar por Jai Ho de Slumdog Millionaire
Mellor son: Ed Novick, Lora Hirschberg e Gary Rizzo por The Dark Knight
Mellor montaxe de son: Richard King por The Dark Knight
Mellores efectos visuais: Nick Davis, Chris Corbould, Timothy Webber e Paul J. Franklin por The Dark Knight
Mellor filme de animación: WALL·E de Andrew Stanton
Mellor filme estranxeiro: Vals Im Bashir de Ari Folman, Israel (Entre les murs de Lauren Cantet, Francia)
Mellor longametraxe documental: Man on Wire de James Marsh (Encounters at the End of the World de Werner Herzog)

actualización: gañou na categoría de filme estranxeiro a xaponesa Okuribito, unha das semi-sorpresas da noite (onte pola tarde díxenlle a Brétemas que Entre les murs tiña posibilidades mínimas, que a favorita era a israelí e que a segunda opción era o filme de Yojiro Takita, do que por certo me falaron moi ben e que terá distribución en España). Os efectos visuais foron para Eric Barba, Steve Preeg, Burt Dalton e Craig Barron por The Curious Case of Benjamin Button e o son para Ian Tapp, Richard Pryke e Resul Pookutty por Slumdog Millionaire. O deseño de vestuario foi coma nos BAFTA para Michael O'Connor por The Duchess. Os outros acerteinos todos.

dos arquivos estranhos: O cinema de verdade está aí fóra, artigo de Xornal de Galicia do 17 de xaneiro (antes do anuncio das candidaturas).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Candidatos aos Oscars 2008

22 xaneiro, 2009 (15:50) | Cinema, Premios | Sen comentarios

Xa temos candidatos aos Oscars, cun quinteto finalista que só se diferencia do que contei hai uns días en Xornal de Galicia no filme The reader, dirixido por Stephen Daldry, que ocupa o posto que apuntabamos para The Dark Knight e Christopher Nolan. As dúas principais favoritas son as xa anunciadas The curious case of Benjamin Button e Slumdog millionaire, que reciben 13 e 10 candidaturas respectivamente. Penélope Cruz ponse á cabeza das favoritas á mellor actriz de reparto polo seu almodovariano personaxe en Vicky Cristina Barcelona. Na categoría masculina as previsións apuntan ao Heath Ledger de The Dark Knight, mais non esquezamos que a Academia non adoita dar premios póstumos. Entre os actores protagonistas teremos un intenso combate entre Sean Penn por Milk, o espléndido Frank Langella de Frost/Nixon e o resucitado Mickey Rourke de The wrestler (aínda que neste filme a que está verdadeiramente ben é Marisa Tomei, oscarizada hai anos por My cousin Vinny). E Kate Winslet levará este ano o Oscar polo que xa competiu antes en cinco ocasións, aínda lonxe das quince candidaturas que Meryl Streep acada coa desta edición.

Para rematar este repaso apresurado, dúas cousas que me alegran moito: que Entre les murs de Lauren Cantet estea entre os finalistas de mellor filme en lingua non inglesa; e que o xenial Werner Herzog opte por primeira vez a un Oscar pola súa última obra mestra, Encounters at the end of the world, que tivemos o pracer de estrear en Galiza en outubro ao abeiro da Mostra de Ciencia e Cinema. Xa era hora.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O cinema de verdade está aí fóra

20 xaneiro, 2009 (15:45) | Cinema, Filmes, Premios, Xornal de Galicia | Sen comentarios

A cerimonia de entrega dos Globos de Ouro deixou o pasado domingo un claro gran triunfador: Slumdog millionaire, que venceu nas categorías de mellor filme, director, guión e música orixinal. Nestes casos adoita repetirse o tópico xornalístico segundo o cal os Globos de Ouro son “a antesala dos Oscar”, aínda que basta revisar a historia recente destes galardóns para decatarse de que no que atinxe ao premio gordo, o de mellor película, os gustos da asociación de correspondentes estranxeiros en Los Angeles non coinciden co dos académicos de Hollywood desde 2004. Si hai unha correspondencia moi alta nos apartados de dirección, guión e interpretación polo que cabe pensar que, en efecto, a noite do 11 de xaneiro supuxo un paso decisivo para a fita de Danny Boyle, cuxa triunfal carreira arrancou unhas semanas antes ao ser elixida a mellor do ano polas asociacións de críticos de Washington, Phoenix, Dallas, San Diego ou o National Board of Review. O papel dos colectivos de críticos americanos é realmente moi importante pois son eles os que ao salientaren uns filmes e non outros van restrinxindo a lista de títulos e profesionais con opcións aos premios.

A selección dos candidatos aos Oscars é gremial; non votan todos os académicos en todas as categorías, senón que os actores elixen aos actores, os guionistas aos guionistas e así sucesivamente, coa única excepción do apartado de mellor película no que emiten a súa opinión todos os membros. É unha vez que están definidos os finalistas en cada apartado, na segunda ronda de votacións, cando participa xa a Academia en pleno. Este procedemento xustifica que a mellor pista sobre os Oscars nola dean as candidaturas aos premios dos distintos sindicatos profesionais da industria do cinema americano. As asociacións de directores e produtores escolleron exactamente o mesmo quinteto finalista, no que ademais de Slumdog... aparecen The curious case of Benjamin Button de David Fincher, The Dark Knight de Christopher Nolan, Frost/Nixon de Ron Howard e Milk de Gus van Sant. Estes cinco títulos atópanse tamén entre os finalistas aos premios dos guionistas e catro deles -todos menos a nova entrega de Batman- compiten polo premio ao mellor reparto nos da unión de actores. Boa parte do peixe parece estar, pois, vendido. O único filme capaz de abrirse un oco nesa lista case pechada sería Gran Torino de Clint Eastwood, que está tendo unha cifra de espectadores a priori inimaxinábel para un proxecto coma este de dimensións máis ben modestas.

Non é, desde logo, un ano para recordar. O máis valioso de todos os filmes citados é Milk, mais non deixa de ser unha obra feita por Gus van Sant desde e para a industria na que apenas se albisca a radical xenialidade do autor de Last Days e Paranoid park. The curious case of Benjamin Button é un produto tipicamente oscarizábel, un filme longo que exhibe un notábel esforzo de produción e conta cunha ancianiña lembrando amores do pasado (coma en Titanic), unha historia que se estende ao longo dos anos e permite reconstruír o século XX ianqui (coma en Forrest Gump) e as sacrificadas actuacións de Brad Pitt e Cate Blanchett, maquillados até resultar case irrecoñecíbeis durante boa parte da metraxe. Mais Benjamin Button non é unha obra sinxela e exultante, desas que deixan bo corpo, e quizais por iso os académicos acaben optando polo romanticismo adolescente e a caduca modernidade de Slumdog millionaire, cunha estética que remite a Cidade de Deus e unha concepción perralleira do multiculturalismo. O cinema de verdade está aí fóra, para quen o queira ir buscar.

(Publicado o sábado 17 de xaneiro en “Nós”, suplemento de cultura do Xornal de Galicia)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A clase, Tres monos e Valse con Bassir, preseleccionados para o Oscar

14 xaneiro, 2009 (02:41) | Cinema, Premios | 1 comentario

Acaba de facerse pública a lista de nove títulos preseleccionados para o Oscar na categoría de mellor filme de fala non inglesa, da que sairá o quinteto finalista definitivo. Estes son os nove elixidos:

Der Baader Meinhof Komplex de Uli Edel (Alemaña) [Vídeo]

Revanche de Gotz Spielmann (Austria) [Vídeo]

Ce qu'il faut pour vivre de Benoit Pilon (Canadá) [Vídeo]

Entre les murs (A clase) de Laurent Cantet (Francia) [Vídeo]

Waltz with Bashir de Ari Folman (Israel) [Vídeo]

Arráncame la vida de Roberto Sneider (México) [Vídeo]

Maria Larssons eviga ögonblick [Everlasting Moments] de Jan Troell (Suecia) [Vídeo]

Üç maymun (Tres monos) de Nuri Bilge Ceylan (Turquía) [Vídeo]

Okuribito [Departures] de Yojiro Takita (Xapón) [Vídeo]

Quedaron fóra entre outros Leonera de Pablo Trapero (Arxentina), Tony Manero de Pablo Larrain (Chile), Gomorra de Matteo Garrone (Italia), Tulpan de Sergei Dvortsevoy (Casaquistán), Aquele querido mes de agosto de Miguel Gomes (Portugal) e Los girasoles tiesos Los girasoles ciegos de José Luis Cuerda (España).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A antesala dos Oscars?

12 xaneiro, 2009 (15:51) | Cinema, Premios | 2 comentarios

Nos próximos días leremos e escoitaremos moitas veces ese tópico de que os Globos de Ouro son "a antesala dos Oscars", e por iso resulta útil facermos unha comparación dos premiados nos últimos cinco anos. Vexamos que pasou na categoría de mellor filme:

2008 GLOBOS DE OURO: Atonement (Drama), Sweeney Todd (Comedia ou Musical). OSCARS: No country for old men
2007 GLOBOS DE OURO: Babel (Drama), Dreamgirls (Comedia ou Musical). OSCARS: The Departed
2006 GLOBOS DE OURO: Brokeback Mountain (Drama), Walk the line (Comedia ou musical). OSCARS: Crash
2005 GLOBOS DE OURO: The Aviator (Drama), Sideways (Comedia ou Musical). OSCARS: Million Dollar Baby
2004 GLOBOS DE OURO: The Return of the King (Drama), Lost in translation (Comedia ou Musical). OSCARS: The Return of the King

Como ven no que atinxe á categoría principal non coinciden desde 2004, e iso que nos Globos de Ouro o premio está dividido en dúas categorías (drama dunha banda, e por outra comedia ou musical), o que duplica o número de galardoados. Nese período Oscars e Globos concordaron sempre no premio ao mellor director agás o ano pasado, cando os correspondentes estranxeiros en Hollywood tiveron a ocorrencia de honrar a Julian Schnabel (o Oscar tivo máis sentidiño e foi para os Coen, aínda que a boa era a de Paul Thomas Anderson). Hai tamén unha case total coincidencia nos premios de interpretación e guión, e xusto o contrario acontece nos de música, canción e filme de fala non inglesa. Nesta última categoría a diverxencia é lóxica pois o conxunto de filmes de que parten é distinta: nos Globos de Ouro os votantes elixen os filmes non falados en inglés que lles parece (en 2007 mesmo votaron por Letters from Iwo Jima), mentres que a Academia de Hollywood escolle entre os que propón cada país. Sospeito que entre os Globos de Ouro entregados a noite pasada e os Oscars que se repartirán a finais de febreiro tamén vai haber diferenzas significativas. Estrañaríame moito que os académicos optasen por un filme tan fraco e mediocre coma Slumdog millionaire tendo enfronte un traballo tan tipicamente oscarizábel (e igualmente mediocre) coma The curious case of Benjamin Button.

O que máis me sorprende da información que están dando os medios do estado sobre os Globos de Ouro é o escaso entusiasmo ante o premio ao mellor filme no apartado de comedia ou musical para Vicky Cristina Barcelona, que a fin de contas é de produción española. Que non aplaudan moito en El País o éxito coma produtor de Jaume Roures entra dentro do previsíbel; máis raro é que non saquen peito nin sequera nos medios de Mediapro, onde destacan máis a derrota de Penélope Cruz que o triunfo do filme.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

And the Oscar goes to…

24 marzo, 2003 (15:22) | Cinema, Premios | Sen comentarios

Mellor película, mellor actriz de reparto (Catherine Zeta-Jones), mellor montaxe, mellor dirección artística e decorados, mellor vestiario e mellor sonido

Chicago é un excelente musical de Kander e Ebb, gozosamente cínico e amoral, cun certo toque de perversidade e de incorrección. Rob Marshall adaptouno ao cine con sentidiño, beneficiándose dun espléndido reparto encabezado pola magnífica parella de asasinas formada por Renee Zellweger e Catherine Zeta-Jones. Técnicamente irreprochábel, Chicago é unha película que deixa un agradábel sabor de boca no espectador, e seguramente por iso, nun ano complicado no que había entre as candidatas dúas obras mestras de moi superior calidade, foi ela quen se converteu na grande gañadora dos Oscars deste ano.

Mellor director (Roman Polanski), mellor guión adaptado (Ronald Harwood) e mellor actor (Adrian Brody)

Non puido ser Scorsese, pero polo menos foi Polanski. O seu triunfo nos Oscars deste ano é unha das mellores noticias dunha cerimonia demasiado tibia. Non soe ser o de Polanski, contodo, un nome no que un repare ao pensar nos seus directores preferidos. E non sei a razón, en verdade, pois a súa cinematografía, en liñas xerais, é altamente proveitosa. Desde a gozosa Rosemary's baby, unha lección de malsana perversidade, até a sublime The death and the maiden, con Sigourney Weaver recobrando a memoria de pasadas torturas e debatíndose entre a vinganza, o perdón ou o esquecemento; e polo medio un thriller coma Frenético, moito mellor do que pode parecer a primeira vista, ou esa xoia do cine negro que é Chinatown.

O pianista, Palma de Ouro no Festival de Cannes do pasado ano, narra a odisea persoal do pianista Wladislaw Szpilman durante a ocupación alemana de Varsovia: o tempo vivido no gueto xudío e a súa angustiosa fuxida da barbarie nazi. Roman Polanski opta por unha sobriedade exemplar; non pretende convertir a traxedia de Szpilman nun paradigma do sufrimento do pobo xudío: limítase, con acerto, a contala con obxectividade, entendendo que ela mesma é elocuente de seu e non precisa ningunha clase de subraiado emocional. Nesa só aparente frialdade radica o maior acerto dunha película chea deles de principio a fin. A posta en escea é modélica, o cal non pode sorprendernos nun director que coñece o seu oficio coma poucos, ben apoiado esta vez pola excelente fotografía de Pawel Edelman. Hai quen podería achacarlle un excesivo clasicismo, consideración que non comparto en absoluto; antes polo contrario, Polanski aposta por certos elementos de audacia, con movementos de cámara ousados tanto no forma coma no fondo (véxase, por exemplo, a escea da inspección alemana nun edificio do gueto, coa cámara ascendendo planta a planta mentres se van encendendo ou apagando luces, e que remata cun terrible asesinato). Nin sequera nas esceas máis brutais fai concesión algunha ao dramatismo, e ás veces mesmo se permite dotalas dun certo aire granguiñolesco, algo nada alleo a un cineasta que nos ten ofrecido pezas de humor negro coma O baile dos vampiros. Ese intento expreso de non cargar nunca as tintas fai que sexa case imposíbel verter unha soa bágoa vendo O pianista, pero ao mesmo tempo é innegábel o profundo impacto emocional que nos provoca ao longo de toda a súa metraxe. Boa parte do seu éxito nese aspecto radica na absoluta credibilidade de todo o reparto, do que só pode resultarnos familiar o protagonista, Adrien Brody. Con intelixencia, o actor déixase levar tamén pola sobriedade e foxe de histerismos innecesarios: o único tic interpretativo do que fai uso, ese pequeno xesto de medio-morderse o labio, mesmo resulta apropiado, ousaría dicir que necesario para dotar dunha certa corporeidade a un personaxe que no treito final da película fica convertido nun ser físicamente acabado, case cadavérico. O seu triunfo nos Oscars pode ter sorprendido a moitos, pero en ningún caso pode ser considerado un feito inxusto.

Non quixera acabar sen dicir que aínda que poida parecer raro a min no fondo paréceme unha película optimista. A peripecia de Szpilman non deixa de ser un fermoso canto ao ser humano e á capacidade de supervivencia; á necesidade de superar o horror, sen esquecelo nunca. É, tamén, un recoñecemento á "bondade dos descoñecidos", á xente que nun momento ou noutro pasa por unha vida salvándote literal ou metafóricamente, e á que non sempre tes posibilidade de agradecer ou devolver o xesto. A ese fío común que nos mantén unidos, pese a todo.

Mellor actriz (Nicole Kidman)

The hours é unha cinta moi literaria e moi culta, desas que soen levar ao cine a xente que habitualmente non vai ao cine, e que crean unha sensación de que un está vendo unha película "importante". Nela todo é moi correcto, e desde logo paga a pena vela, aínda que me pareza a menos interesante das cinco candidatas ao mellor filme. Nicole Kidman está ben, non mellor nin peor que os restantes membros do reparto, e a súa presenza en pantalla cronómetro en man non creo que supere á das outras dúas protagonistas. Supoño que os académicos decidiron premiala a ela e non a Renee Zellweger ou á case sempre perfecta Julianne Moore por aquilo da nariz postiza.

Mellor guión orixinal (Pedro Almodóvar)

Gustará máis ou menos, pero tendo en conta que a Víctor Erice non lle deixan rodar, Almodóvar é o único autor con maiúsculas que temos no cine español. As súas películas case nunca son totalmente satisfactorias, pero non se pode negar que ten un enorme talento e que é dono de magníficas ideas. Hable con ella é a súa mellor obra, a máis perfecta de todas as súas. Despois do éxito de Todo sobre mi madre, Almodóvar tiña moi fácil seguir na súa liña habitual pero facendo uso das súas cada vez máis depuradas capacidades. Porén, optou por facer algo ben distinto, unha producción enormemente arriscada tanto polo seu tema como polo seu tratamento estético. Almodóvar aposta por solucións brillantes, coma a de intercalar unha inventada cinta muda para evitar unha escena especialmente complicada; ou a inclusión dos dous ballets de Pina Bausch e a canción de Caetano Veloso, exercicios de estilo un puntín pedantes pero que quedan fantásticamente ben na película. Benvido, pois, este segundo Oscar da súa carreira.

Bowling for Columbine (Michael Moore): Mellor longametraxe documental
Frida: Mellor maquillaxe, mellor banda sonora (Elliot Goldenthal)
The lord of the rings, The Two Towers: Mellores efectos visuais e sonoros
Adaptation: Mellor actor secundario (Chris Cooper)
Road to Perdition: Mellor fotografía (Conrad L. Hall, póstumo)
8 Mile: Mellor Canción
A viaxe de Chihiro: Mellor película de animación
Nowhere in Africa (Alemaña): Mellor película estranxeira

And the loser is...: Gangs of New York

Quedou sen recompensa para ningunha das súas dez candidaturas, malia ser, xunto a The pianist, e con moita diferencia, a mellor película entre as candidatas. Colosal, abrumadora, espectacular. Todos os adxectivos quédanse curtos para describila. Gangs of New York é visualmente deslumbrante: a dirección artística de Dante Ferretti, o vestiario de Sandy Powell e o traballo na fotografía de Michael Ballhaus son memorábeis, un luxo para os ollos. Recrean con descomunal talento a miseria dunha época e dun lugar escasamente tratados polo cine. A cámara paséase por escenarios marxinais de recargada sordidez, apoiada ás veces na potencia dunha banda sonora portentosa. Así sucede no extraordinario arranque da película, sostido por unha apabullante percusión nun perfecto matrimonio entre imaxe e son do cal Scorsese xa fixera gala nun dos seus títulos que máis me gustan, o moi pouco visto Kundun, no que sacaba un inmenso partido da música de Philip Glass, a priori non demasiado axustada para o cine.

Non me gusta como está rodada a primeira escena de enfrontamento entre bandas; cinematograficamente falando é o momento máis pobre do filme, pero para compensar ofrécenos outros 160 minutos inesquecíbeis, que pasan coma nun suspiro. Entre eles, por exemplo, un plano secuencia que só pode nacer da lucidez dun xenio: sitúanos no porto, contemplando a chegada dun feixe de emigrantes irlandeses. Ao pouco de pisar terra xa adquiren a nacionalidade americana e na mesma mesa son alistados para a guerra; uns metros máis alá dánselles os uniformes, que visten axiña para embarcar novamente nun navío que os levará cara o seu destino na defensa da súa nova "patria". O plano remata amosándonos como son baixados dun barco, ao mesmo tempo, os ataúdes cargados coas víctimas da guerra. Unha secuencia que equivale a un editorial.

A película pode resultar algo desconcertante no aspecto ideolóxico. Vendo Gangs of New York un non acaba de ter moi claro se Scorsese é un facha cavernícola ou un revolucionario irredento. Pensándoo ben, Scorsese ten pinta de posuír un espírito vagamente anarquista, que manifesta nun profundo desprezo cara a autoridade. O personaxe central, "Bill o Carniceiro", o sanguinario xefe dese lumpen neoiorquino de mediados do XIX, posúe un certo código de honra, algo do que, pola contra, carece por completo o poder oficial que sempre acaba saíndose coa súa.

A película faise grande, entre outras moitas cousas, pola arrolladora presencia de Daniel Day Lewis, sen discusión un dos máis grandes actores dos nosos días, capaz de estar ben mesmo cando sobreactúa. A súa interpretación irradia unha poderosa enerxía, e nótase en todo momento que gozou coma un neno afiando coitelos e manoseando filetes. Ao seu carón, é razoábel que os outros protagonistas brillen menos; sendo xustos, hai que salientar en todo caso as fantásticas actuacións de Leonardo di Caprio, un actor que é excelente cando se esquece de querer ser unha estrela; e de Cameron Díaz, á quen se lle nota moi cómoda no papel de golfa: só perde brío na parte final da metraxe, cando o seu personaxe deixa de resultar interesante. O resto do reparto é igualmente excelente, con mención especial para Brendan Gleeson e o sempre soberbio Jim Broadbent, por quen eu sinto gran aprecio desde que o descubrín encarnando en The crying game ao estupendo camareiro do bar onde Stephen Rea caía fascinado por Jaye Davidson.

Non vou rematar sen citar a Thelma Schoonmaker, a sufrida montadora habitual de Scorsese, e que intúo tivo desta vez bastante traballo extra. Eu daba algo por saber cantas versións se editaron ao longo do último ano destes Gangs of New York ata dar con esta montaxe case definitiva. Ou mellor dito: definitiva ata que dentro duns meses a edición en DVD nos permita descubrir un feixe de minutos con escenas engadidas.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google