Cineuropa: os filmes son o importante
O meu artigo sobre Cineuropa no número 7 da Revista do Audiovisual Galego:
Cineuropa: os filmes son o importante
Consolidada desde hai moitos anos como a principal referencia do calendario festivaleiro galego, Cineuropa segue apostando sobre seguro para ofrecerlle ao público compostelán unha boa escolma de filmes avalados polo seu éxito de crítica. A diferencia doutras citas nas que as películas non parecen ser o importante, o valor fundamental de Cineuropa é a súa programación, cos seus numerosísimos acertos e tamén, para que negalo, con algunha que outra discutíbel ausencia. O saldo, en calquera caso, é sempre positivo, e fai de Santiago no mes de novembro un lugar de parada recomendábel para todos os cinéfilos do país.
Como é habitual, o programa estivo inzado de títulos procedentes dos festivais máis prestixiosos. De Cannes chegou Tres monos, do turco Nuri Bilge Ceylan; o documental de animación Valse con Bashir de Ari Folman; Gomorra, de Mateo Garrone e Leonera, de Pablo Trapero, director arxentino honrado cun dos dous premios Cineuropa desta edición (o outro foi parar a Jaime Rosales, que presentou Tiro en la cabeza, un filme que fixo correr moitísima máis tinta da que realmente merece). Tamén pasou por Cineuropa a obra mestra de Terence Davies "Of time and the city", o lúcido e divertidísimo repaso pola memoria sentimental do cineasta que é xa un dos títulos do ano, e a gañadora da Palma de Ouro, Entre les murs, unha excelente película de Lauren Cantet escrita e protagonizada por François Begaudeau, autor ademais da novela na que se inspira que vén de ser editada en galego por Xerais. Escasa calidade tivo porén o lote procedente do Festival de Donostia, e iso vale tanto para Genova de Michael Winterbottom, coas súas feituras de telefilme, como para a absurdamente cruel e indigna O cabalo de dúas patas de Samira Makhmalbaf ou o novo delirio do coreano Kim Ki-duk, Alento. Algo máis de interese ten a tan agradábel como inofensiva A caixa de Pandora de Yesim Ustaoglu, inesperada e excesiva Cuncha de Ouro dun certame que ignorou os méritos da moi superior Aruitemo aruitemo de Hirokazu Koreeda, que se de algo peca é de ser "demasiado bonita". Doutro xaponés, Masahiro Kobayashi, é a gran triunfadora do Festival de Locarno en 2007, The rebirth; formou parte da sección "Mundo Asia", que tamén ofreceu a maxistral e elegante Sparrow do hongkonés Johnnie To.
Cineuropa reservou un oco para a produción latinoamericana que nos deixou ver en Galicia traballos tan estimulantes como Intimidades de Shakespeare y Víctor Hugo, da moi nova directora mexicana Yulene Olaizola, ou El cielo, la tierra y la lluvia de José Luis Torres Leiva, premiado en Rotterdam. O cineasta canadiano Guy Maddin ocupou tres sesións con outras tantas das súas singularísimas e esgotadoras longametraxes: Dracula: pages from a virgin's diary, unha versión do clásico de Bram Stoker con forma de ballet; The saddest music in the world, un musical fascinante e excesivo, e a máis valiosa de todas, My Winnipeg, docu-fantasía chea de humor e retranca.
O ciclo dedicado ao francés Olivier Assayas permitiu revisar a obra dun dos autores europeos máis importantes das últimas dúas décadas. Da súa creatividade fértil e versátil naceron películas magníficas como Irma Vep, Demonlover ou a máis recente As horas do verán, sublime retrato familiar realizado con exquisito gusto e intelixencia.Outra marabilla dun programa que acabou por incorporar unha obra mestra máis, El cant dels ocells de Albert Serra, a confirmación do talento dun home que xa nos deslumbrara con Honor de cavalleria.






















