Admirado e odiado case a partes iguais, o mexicano Carlos Reygadas é un dos cineastas que máis tinta fixo correr no que vai de século. Japón primeiro e Batalla en el cielo despois descubríronnos a un director capaz de fabricar planos secuencia de incríbel virtuosismo e de desacougarnos cun cinema nada compracente, que pasa por riba de toda sorte de tabús e que ás veces parecía obsesionado por amolar de maneira deliberada ao espectador. A sorpresa foi aínda maior co seu terceiro filme, radicalmente distinto aos anteriores e ao mesmo tempo revelador da súa nidia voz autoral. Luz silenciosa é unha obra feita en estado de graza que parece estar fóra deste tempo e deste mundo. Ambientada nunha comunidade menonita no norte de México e falada na súa lingua, o plautdiesch, Luz silenciosa conta o dilema dun home que se debate entre a obriga de permanecer fiel á esposa e á familia e o amor que sente por outra muller. Reygadas aposta desta volta pola contención e o lirismo para producir un resultado de extrema paz e beleza; un filme sobre a redención e o ben que na súa parte final homenaxea con inesperada valentía ao Dreyer de Ordet.
Reygadas é o principal expoñente que hoxe ten a cinematografía mexicana, unha das máis activas no ámbito da fala hispana. O outro gran foco de atención en América é Arxentina, onde agromaron nos últimos dez anos unha morea de interesantes directores coma Israel Adrián Caetano, Lucrecia Martel, Pablo Trapero ou Lisandro Alonso. Un dos títulos fundacionais do que se deu en chamar “novo cinema arxentino” é Picado fino, rodado en 1996 por Esteban Sapir. O bonaerense seguiu traballando na industria como director de fotografía, mais botou once anos sen desenvolver ningún proxecto propio até que en 2007 escribiu e dirixiu a marabillosa La Antena, que adopta a estética expresionista do cinema mudo dos anos vinte para tecer unha orixinal fábula sobre o poder e a comunicación.
Luz silenciosa e La Antena son dúas das fitas que poderemos ver na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano no mes de febreiro no ciclo Alén do mar, que se completa coa cubana El cuerno de la abundancia de Juan Carlos Tabío (co-director de Fresa y chocolate), e coa uruguaia El baño del Papa de César Charlone e Enrique Fernández, premiada nos festivais de Huelva e Donostia.
Sala Fernando Rey: Febreiro de 2009
5, 6 e 7: Luz silenciosa, de Carlos Reygadas
12, 13 e 14: La antena, de Esteban Sapir
19, 20 e 21: El cuerno de la abundancia, de Juan Carlos Tabío
26, 27 e 28: El baño del Papa, de César Charlone, Enrique Fernández.