Dickens en Senegal: A vida e a obra de Ousmane Sembène

11 agosto, 2008 (20:41) | Cinema, Directores, Escritores, Filmes, Literatura | Sen comentarios

Aquí lles deixo a versión completa do epílogo que escribín para a edición galega d’O xiro postal, a novela do escritor e cineasta senegalés Ousmane Sembène, publicada por Rinoceronte no mes de febreiro.

Dickens en Senegal: A vida e a obra de Ousmane Sembène

“Un director de filmes de África é como o griot, semellante ao bardo da Europa medieval, un home con cultura e sentido común que é o historiador, o contador, a memoria vivente e a conciencia do seu pobo. O director debe vivir no seo da súa sociedade e dicir o que non funciona nela. Por que o realizador debe desempeñar ese papel? Porque, como moitos artistas, é talvez máis sensíbel que outras persoas. Os artistas coñecen a maxia das palabras, dos sons e das cores, e empregan estes elementos para ilustrar o que os demais pensan e senten. O director non debe vivir recluído na súa torre de marfil; ten unha función social concreta a desempeñar”. Nestas declaracións a Françoise Pfaff, Ousmane Sembène facía explícita a súa visión da creación cultural e artística, da responsabilidade do autor cara a sociedade á cal pertence. Nada máis natural nun home que entendeu o seu traballo de escritor e cineasta como unha misión pedagóxica, destinada a expoñer diante dos ollos dos seus compatriotas as inxustizas pasadas e presentes.

Figura patriarcal na historia do cinema africano, Ousmane Sembène foi un home revolucionario que cría no ilimitado poder de comunicación das palabras e das imaxes. Foi un home valente que non deixou nunca de criticar coas súas armas de creador -as únicas lexítimas- a corrupción do poder, os abusos da burocracia, o racismo e o desprezo padecido polos seus concidadáns, contemplados sempre pola Europa rica como individuos de segunda a seren tratados no mellor dos casos con caridade e benevolencia. Ousmane Sembène foi tamén un home optimista, que estaba convencido da capacidade que a xente ten para saír adiante e resolver os seus problemas. Un humanista no sentido clásico, posuidor desa grandeza dickensiana que lle facía ver con claridade que ningún ser humano merece sufrir e que todos deben por igual aspirar á felicidade. Sembène, coma Dickens, defende as vítimas do sistema e os esquecidos pola fortuna, e emprega todos os seus recursos contra aqueles que negan “a voz do tempo”, esa maquinaria que segundo contaba o inglés nun dos seus libros de Nadal, “As campás", nos esixe avanzar e mellorar sobre a memoria dos incontábeis millóns de persoas que sufriron, viviron e morreron para sinalarnos o camiño. A obra de Sembène, igual que a de Dickens, non é compracente: describe un mundo cruel e enfermo onde o individuo debe loitar por non ser esmagado. Mais esa loita é irrenunciábel, e por iso se burla con sarcasmo da indolencia esmoeira daqueles que pasan a vida a agardaren que un bo porvir lles caia do ceo. Porque a gran transformación virá de dentro ou non virá.

Ousmane Sembène naceu o 1 de xaneiro de 1923 na vila de Ziguinchor, ao sur de Senegal, nunha familia de pescadores musulmáns. Na súa primeira infancia, e cos cartos que lle daba o seu pai, comezou a ir ao cinema para ver os filmes de Charles Chaplin. Con apenas catorce anos foi expulsado dunha escola francesa por indisciplina, ao enfrontarse co director por mor dunha acusación inxusta. Un mareo crónico impedíalle traballar co pai no barco, así que marchou a Dakar para exercer como mecánico e carpinteiro; as tardes e as noites dedicábaas a ler libros, ver películas e escoitar sesións de contacontos que marcarían a súa maneira de narrar. Como cidadán francés, e igual que moitos outros mozos da súa quinta, entrou no exército colonial para combater na fronte europea na Segunda Guerra Mundial e participar na liberación de Francia; Sembène explicaría máis adiante que foi aí onde coñeceu “o verdadeiro significado do colonialismo e o racismo”. Ao rematar a guerra volveu a Dakar e formou parte activa do movemento sindical: a folga de ferrocarrís que paralizou o país en 1947 foi decisiva na súa definitiva toma de conciencia.

Sen emprego nun país devastado polas consecuencias dunha economía de guerra, Sembène embarcou cara a Francia como polisón en 1948. Atopou traballo como estibador portuario en Marsella, onde residiu até 1960. Afiliouse ao Partido Comunista e á Confederación Xeral dos Traballadores, o máis poderoso dos sindicatos franceses na posguerra, e participou en diferentes accións de apoio á Fronte Nacional de Liberación Alxeriana e de protesta contra as guerras de Indochina e de Corea ou contra a execución do matrimonio Rosenberg nos Estados Unidos. Foron uns anos de formación -de “aprendiz na escola da vida”, nas súas propias palabras- que lle serviron para estudar a obra dunha morea de escritores e artistas ideoloxicamente próximos, de John dos Passos a Pablo Neruda, e por suposto ás grandes figuras da “Negritude”, Aimé Césaire entre eles, mais tamén o puxeron en alerta ante a alarmante ausencia de intelectuais e artistas a reivindicaren en África os cambios radicais que o continente precisaba. Foi por iso que se botou a escribir, e para empezar decidiu contar a súa experiencia como traballador e inmigrante en Francia. Le docker noir apareceu en 1956, e un ano despois Oh pays, mon beau peuple. A súa terceira novela, Les Bouts de bois de Dieu, inspirada na folga do 47, reportoulle eloxios e apoios por parte da intelectualidade francesa de esquerdas (Sartre, Aragon, Simone de Beauvoir). Nesa altura, e despois de doce anos en Europa, Sembène regresou a África e contactou con líderes demócratas coma o político independentista congoleño Patrice Lumumba, asasinado poucos meses despois co beneplácito ou o silencio de Occidente.

Na súa viaxe Sembène decatouse de que os seus libros non chegaban á poboación do continente a causa do alto grao de analfabetismo e do seu prezo, inalcanzábel para o sempre mermado poder adquisitivo dos cidadáns africanos. Nese intre comprendeu que o mecanismo máis eficaz para transmitir a súa mensaxe era o cinema, unha arte máis popular e directa coa que ademais podía falarlle ao pobo na súa propia lingua. Sembène marchou á Rusia -daquela URSS- para aprender cinema co director Mark Donskoi. En tan só un ano e sen saber nin unha soa palabra de ruso, Sembène adquiriu os rudimentos necesarios para facer películas. A súa primeira curtametraxe, L’Empire Songhay, foi un encargo do Goberno de Malí que nunca chegou a ser distribuída. A seguinte, Borom sarret, gañou en 1963 o Primeiro Premio do Festival de Cinema de Tours. A peza describe un día na vida dun carreteiro que traslada pasaxeiros polos suburbios de Dakar. O que empeza sendo un retrato de corte neorrealista da vida cotiá deriva en cinema de denuncia cando o último cliente, vestido cun traxe elegante e que aparenta ser un home acomodado, lle promete unha importante cantidade de cartos a cambio de que o leve a unha zona na que ten prohibido o acceso: un policía deteno e quítalle a carreta -o seu medio de vida: imposíbel non lembrar o Ladrón de bicicletas de Vittorio de Sica- e o cliente aproveita para marchar sen pagar.

La Noire de… é un fito por ser a primeira longametraxe da historia rodada por un director subsahariano. Diouana é unha moza contratada en Dakar por un matrimonio francés co fin de que coide os seus fillos. A familia trasládase á Riviera e ela inicialmente acepta a oportunidade de vivir en Francia con entusiasmo, mais axiña descobre que a súa nova función é exercer de asistenta e soportar desprezos; nunha escena especialmente ferinte, un convidado da familia dalle un bico coa escusa de que “nunca bicara a unha negra”. Humillada e soa, Diouana decide poñerlle un desenlace tráxico ao seu inferno e suicídase na bañeira cortando as veas. O xefe de Diouana vai a Senegal e intenta entregarlle cartos á nai da defunta, que os rexeita. Nos memorábeis minutos finais, o home é seguido polos arrabaldes de Dakar por un neno que leva unha máscara africana. La Noire de… levou en 1966 o prestixioso premio Jean Vigo.

Dous anos despois, Sembène marcou outro fito ao rodar a primeira longametraxe falada nunha lingua africana, o wolof: Mandabi, baseada na novela que antecede estas páxinas. Non está fóra de lugar acordarnos máis unha vez de Dickens ao pensar na peripecia de Ibrahim Dieng para cobrar un xiro que lle envía desde París o seu sobriño. O filme non difire demasiado do texto escrito, mais leva eficazmente o relato ao medio cinematográfico e acada momentos de notábel altura, por exemplo coa lectura da carta do sobriño desde Francia, montada sobre imaxes del varrendo as rúas. Mandabi foi exhibida no Festival de Cinema de Venecia, o mesmo no que triunfaría vinte anos despois con Camp de Thiaroye, codirixida con Thierno Faty Sow, unha brillante crítica ao imperialismo que recibiu o Premio Especial do Xurado. O filme revisita un feito histórico: o motín dun grupo de soldados africanos que participaran na Segunda Guerra Mundial en protesta polas pésimas condicións de vida que tiñan no campamento do título, onde foran provisionalmente refuxiados á espera do seu traslado definitivo, e o posterior masacre perpetrado polas tropas francesas.

En 1970 Sembène rodou Emitaï, outro berro contra a crueldade do réxime colonial que foi premiada no Festival de Berlín, ao que lle seguiu Xala (1974), sátira que ironiza sobre a nova clase media africana, despreocupada polo ben alleo, a través da figura dun burgués musulmán que na noite do seu terceiro matrimonio se ve afectado de impotencia sexual. Obsesionado polo asunto, descoida os seus negocios e a súa prosperidade vai a pique; a escena final é dificilmente esquecíbel. Ceddo (1976) foi prohibida en Senegal durante oito anos por razóns en teoría ortográficas: o goberno de Leopold Senghor aseguraba que o título debía escribirse cun só “d”. A realidade de fondo era outra ben distinta: o filme é unha poderosa crítica ao imperialismo relixioso, nomeadamente o islámico, mais non é difícil establecer paralelismos. Foi iso, e non unha letra, o que lle meteu medo ao presidente.

Ningún destes filmes, e tampouco Guelwaar (1992) nin Faat Kiné (2000) coñeceron distribución comercial no noso país. Grazas ao seu exitoso paso polo Festival de Cannes de 2004, onde levou o premio “Un certain regard”, Moolaadé chegou a acadar unha mínima difusión nos circuitos de versión orixinal. A súa derradeira obra mestra arranca cando catro nenas escapan do rito da ablación refuxiándose na casa de Colle Ardo, unha muller que varios anos atrás impedira que a súa propia filla Amsatou fose sometida a esa brutal práctica. Coa súa decisión de acoller e axudar as nenas Colle Ardo provoca unha crise na vida da aldea e fai que entren en conflito dous valores tradicionais: dunha banda a salindé, a "purificación" pola vía da mutilación xenital, e doutra o moolaadé, o dereito ao asilo e á protección. Colle Ardo -personaxe que interpreta con bravura unha espléndida Fatoumata Coulibaly- mesmo deberá pasar polo sufrimento do castigo e a humillación pública antes de que a súa postura saia triunfante: o seu comportamento desencadea unha auténtica revolta de mulleres que esixen que nunca máis unha nena sexa mutilada.

Nun artigo no “Entertainment Weekly” Lisa Schwarzbaum dixo que Moolaadé tiña “o potencial para cambiar o mundo”. A frase vale realmente para describir a obra toda de Ousmane Sembène, falecido en Dakar o 9 de xuño de 2007. Un dos grandes mestres do cinema, e tamén un dos meus heroes.

Martin Pawley

para saber máis: comentarios e reseñas d'O xiro postal no blog dos pelachos, no de Ferdinand von Galitzien, apocalipse do porco, como pam da boca, kasumai, as túas balas, o blog de Manuel Jabois, o de Ana Bande e no Cartafol de libros. A nova da publicación, en El País e Vieiros. Artigo en Nova Xove. Reportaxe sobre o cabodano de Ousmane Sembène n'A Nosa Terra. <a href=Vídeo do programa Libro aberto da TVG.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Ousmane Sembène

21 maio, 2008 (11:14) | Cinema, Directores, Revista AG | Sen comentarios

Mañá xoves 22 de maio ás 19:30 na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), tertulia sobre a obra de Ousmane Sembène por mor da edición en galego da súa novela O xiro postal. José Manuel Sande e máis eu falaremos dos filmes do director senegalés e do insuficientemente coñecido cinema africano en xeral.

Ousmane Sembène

Falar de cinema africano é falar de Ousmane Sembène. Non me refiro xa á súa condición pioneira como autor dos primeiros filmes nos que a África negra falou coa súa propia voz; falo máis ben da súa vontade explícita de usar o cinema como vehículo para transmitir mensaxes á poboación de todo o continente, non só a do Senegal onde naceu, pasando por riba das fronteiras debuxadas con regra polas potencias coloniais. A figura de Ousmane Sembène ten, si, unha evidente connotación patriarcal, mais trátase dun patriarca revolucionario e valente, que criticou con audacia as estruturas caciquís que coutan toda posibilidade de progreso e se enfrontou ao poder político, económico e relixioso que se atopa sempre detrás delas.

Decidiuse a facer películas nos anos sesenta, nunha viaxe de volta a África que para el tivo moito de iniciático. Naquela altura xa desenvolvera unha importante carreira como escritor, e o seu nome gozaba do respecto e o recoñecemento dos máis valiosos intelectuais do seu tempo, mais o que el procuraba non era o eloxio da esquerda francesa, senón que o seu pensamento chegase da maneira máis eficaz posíbel aos seus compatriotas. “O meu primeiro obxectivo é chegar ao público africano”, explicaría logo. “Europa e América non son as miñas referencias -non son o centro do mundo. Sei que existen, e estou moi feliz de que os europeos vexan os meus filmes, aínda que sei que eles só comprenderán a metade do que contan”. Esa visión utilitaria xa estivera presente na súa decisión de empezar a escribir. Autodidacta e cunha permanente curiosidade polo coñecemento, Sembène foi un usuario entusiasta das bibliotecas do Partido Comunista e da Conferencia Xeral dos Traballadores, e lendo nelas as grandes obras do seu tempo comprendeu que ningunha falaba da súa terra. O único que había sobre África era un mapa, dixo algunha vez, e por iso deu en escribir el mesmo os libros que até ese intre ninguén fixera.

Nunha entrevista na revista Cinema-Scope por mor da estrea de Moolaadé, que Sembène acabou con oitenta e un anos, Ray Pride dicíalle que seguía parecendo un mozo optimista. “Non creo que haxa nada máis fermoso que a vida”, respondeu, “mais tes que ser quen de compartila”. Así era Ousmane Sembène: solidario e combativo, mais tamén alegre e esperanzado, un creador extraordinario en cuxa obra sempre asoma a pegada do seu profundo compromiso cívico.

Ousmane Sembène en galego

Até a publicación d'O xiro postal por parte da editorial Rinoceronte, a obra literaria de Ousmane Sembène permanecía inexplicabelmente inédita en España. A tradución ao galego de Le mandat feita por Isabel García Fernández é, pois, a única vía para achegármonos a un autor que xa era aclamado como novelista antes de botarse a facer filmes. O xiro postal do título é o que lle envía un inmigrante senegalés en París ao seu tío que vive en Dakar. As dificultades para cobrar o xiro do protagonista, vítima do rigor e as paradoxas dos procedementos burocráticos, e a cobizosa presenza da veciñanza, á espreita duns cartos nos que ve a saída de todos os seus males, son os eixos argumentais dunha novela que foi levada ao cinema polo propio autor (Mandabi, 1968), co recentemente falecido Makhouredia Gueye como actor principal.

Cronoloxía

1923: Nace o 1 de xaneiro na vila de Ziguinchor, no sur de Senegal.
1936: É expulsado do colexio francés no que estudaba despois dun altercado co director.
1938: Chega a Dakar, onde traballa como albanel e carpinteiro.
1944: Incorpórase ao exército francés como tirador. Loita na liberación de Francia da ocupación alemá.
1947: De volta a Dakar, participa na folga do camiño de ferro Dakar-Níxer e toma aínda máis conciencia da inxustiza do réxime colonial.
1948: Embarca a Francia como polisón. Traballa en Marsella como estibador portuario.
1956: Edita a súa primeira novela, Le docker noir (O estibador negro).
1960: Publica Les Bouts de bois de Dieu, que o converte nunha figura valorada polos intelectuais de esquerda da época.
1963: Dirixe Borrom sarret, curtametraxe de estilo neorrealista que recibe un premio no Festival de Tours.
1964: A curtametraxe Niaye é premiada no Festival de Locarno.
1966: La noire de... obtén o Premio Jean Vigo.
1968: A Mostra de Venecia proxecta Mandabi, o primeiro filme rodado nunha lingua africana.
1971: Emitai é premiado no Festival de Cinema de Moscú.
1974: Estréase un dos seus maiores éxitos, Xala, unha sarcástica crítica á nova burguesía que triunfa grazas a un sistema corrupto.
1977: Dirixe Ceddo, crítica ao imperialismo relixioso que permaneceu oito anos prohibida en Senegal.
1989: Camp de Thiaroye, co-dirixida por Thierny Faty Sow, leva o Premio Especial do Xurado no Festival de Venecia.
1992: Premio en Venecia para Guelwaar, sátira sobre o enterramento por erro dun líder cristián de acordo aos preceptos do Islam.
2000: Explora a situación da muller no Senegal contemporáneo en Faat Kiné.
2004: Moolaadé obtén o premio Un certain regard no Festival de Cannes. É o único filme de Ousmane Sembène distribuído comercialmente en España.
2007: Morre o 9 de xuño en Dakar.

Artigo para o número 5 da Revista do Audiovisual Galego

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Bamako (Abderrahmane Sissako, 2006)

12 febreiro, 2008 (12:55) | Cinema, Directores, Filmes | Sen comentarios

O xoves 8 de novembro de 2007 presentei no CGAI o filme "Bamako", de Abderrahmane Sissako, dentro do ciclo "Cine e dereitos humanos" organizado polo grupo local de Amnistía Internacional. Isto é máis ou menos o que contei daquela.

Hoxe pola mañá merquei nun quiosco o exemplar de novembro da revista Investigación e Ciencia, un monográfico que leva por título "Saciedad y hambruna". O artigo que fala de malnutrición -"Hambre, todavía"- ten este encabezado: "A oitava parte da poboación mundial carece de alimento suficiente". Se extrapolamos o dato a esta sala, se facemos desta sala unha representación a escala do mundo, catorce persoas das aquí presentes estarían pasando fame, unha fila e media completa. Permitan que parafrasee o comezo desa reportaxe para dicirlles que durante as dúas horas que investiremos en ver o filme que pasará a seguir, 1440 nenos de idade preescolar terán morto no mundo de fame e malnutrición.

Non, non quero amargarlles o visionado de Bamako, a espléndida película de Abderrahmane Sissako, director nacido en Mauritania (o país da súa nai) aínda que afincado en Mali (o país do seu pai) xa desde neno. Non sería lóxico, ademais, pois se de algo non se pode acusar a Bamako é de compracencia, de deterse a lamentar de maneira pasiva a traxedia africana. Bamako toma posición de maneira vehemente e rotunda levando literalmente a xuízo ás grandes institucións financeiras que esmagan as posibilidades de desenvolvemento do continente. Nun xenial xogo de representación, o proceso celébrase nun patio de veciños, con xuíces e avogados vestidos con toga mentres a vida transcorre ao seu redor. O tribunal acolle como testemuña a Aminata Traoré, escritora e política de Mali, ministra de cultura e turismo entre 1997 e 2000, e coordinadora do programa de desenvolvemento das Nacións Unidas, unha das voces máis potentes contra os efectos perniciosos da globalización e as políticas económicas do primeiro mundo; e entre os avogados veremos a William Bourdon, grande activista a prol dos dereitos civís, as vítimas da mundialización e en casos de crimes contra a humanidade, que fará un poderoso alegato final. A débeda externa, a farsa da mundialización, a alarmante escasez de infraestruturas esenciais (estradas, camiños de ferro), a necesidade de que na sociedade africana xurda unha masa crítica de cidadáns verdadeiramente conscentes da súa situación, o drama da inmigración e o feito moitas veces esquecido de que ademais dos que chegan, son moitos, demasiados, os seres humanos que morren polo camiño, cruzando o deserto; todos eses temas son explorados durante o xuízo, probando que a explotación escravista doutrora deu paso hoxe a formas talvez máis sutís, pero desde logo non menos perversas. Pero Bamako é un filme, non un discurso. O que o fai grande é a prodixiosa convivencia dunha mensaxe ideolóxica poderosa e a representación da vida cotiá; a xeopolítica da fame e da miseria en paralelo ao retrato costumista, o que nos descobre á cantante Melé e o seu marido Chaka. Dous planos que se mesturan e mesmo interrompen, e así é que un cortexo nupcial atravesa literalmente o escenario do xuízo e detén por un intre a súa celebración. Guiado pola súa liberdade como creador, Abderrahmane Sissako mesmo insire na película unha parodia de spaghetti-western, Morte en Tombuctú, na cal se lían a tiros algúns amigos e compañeiros do director, entre eles Elia Suleiman e o actor estadounidense Danny Glover -produtor executivo da película-; un segmento quizá desconcertante, pero en ningún caso gratuíto, e que por si só daría para alimentar un coloquio completo.

Filme elocuente e necesario, cheo de verdades incómodas, tan incómodas que a ningún ministerio se lle dará por mercar milleiros de copias para repartilas nos colexios, como aconteceu recentemente cun coñecido documental, Bamako é un documento impagábel para entender o mundo que vivimos, para comprender por que África segue, recollendo o título do anterior traballo de Sissako, agardando pola felicidade.

Empecei dando uns datos, e quixera rematar con outros. En Francia esta película foi vista por 217.410 espectadores. Nas salas de cinema dos Estados Unidos recadou algo máis de cen mil dólares. En España, e segundo datos do Ministerio de Cultura, o número total de entrada vendidas non chega a 900.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Ciclo de cine ao aire libre Realidade’07

23 xullo, 2007 (12:52) | Ciclos, Cinema, Directores, Filmes | Sen comentarios

Ante a crecente uniformización das salas de cinema, ocupadas maioritariamente por producións comerciais deseñadas para o éxito, os afeccionados estamos xa afeitos a buscar na periferia do sistema as pezas menos convencionais, aquelas que exploran outros temas e linguaxes e nos amosan olladas e voces diferentes. O ciclo Realidade'07 camiña este ano ao extrarradio na procura doutras maneiras de entender o cinema.

Dise de moitos filmes que son "necesarios", pero poucas veces ese adxectivo foi tan certo como con Bamako, unha das máis grandes películas estreadas nos últimos anos. O director e guionista Abderrahmane Sissako escenifica un xuízo contra as institucións financeiras internacionais que afogan a nación africana e constrúe un discurso crítico absolutamente irreprochábel, posuidor dunha inusual capacidade reveladora mesmo para aqueles que xa coñezan os argumentos expostos. Lonxe dos vicios mitineiros doutros cineastas máis coñecidos pero non tan valiosos, Sissako mestura a xeopolítica da fame co retrato costumista; o resultado transpira sinceridade para situarnos diante dunha verdade, esta si, decididamente incómoda.

La hamaca paraguaya é unha extraordinaria sorpresa, empezando xa pola súa propia procedencia, Paraguai, un país que carece de industria cinematográfica e no cal non chegou a producirse ningún filme en 35 mm nas últimas tres décadas. Paz Encina elabora a súa primeira longametraxe a partir de tomas fixas de moi longa duración e sen apenas movemento interno; as imaxes non están ademais estritamente sincronizadas coa banda de son, que nos descobre as conversas cotiás dunha parella de anciáns a agardaren pola volta do fillo. Ese deliberado distanciamento convértese, porén, na solución idónea para encher de verdadeira emoción un relato fermosísimo, guiado por unha dolorosa melancolía.

Afastándose dos hábitos verborreicos do peor cinema español, José María de Orbe aposta en La línea recta pola subtileza e o valor expresivo do silencio. A súa protagonista, unha repartidora de publicidade lacónica e algo desorientada, é a perfecta encarnación do noso tempo: alguén que tira para adiante sen se facer grandes preguntas e que non quere e/ou non sabe comunicarse coa multitude urbana que a rodea. Obra elegante e depurada, La línea recta é a proba de que en España se están a encetar novos e estimulantes vieiros fílmicos.

O cinema producido en Romanía leva tres anos seguidos destacando no Festival de Cannes. A Palma de Ouro recibida recentemente polo filme de Cristian Mungiu 4 meses, 3 semanas e 2 días tivo un antecedente no triunfo da espléndida e aquí aínda inédita A morte do señor Lazarescu de Cristi Puiu, premio "Un Certain Regard" no 2005. Entre unha e outra houbo oco e tamén galardón para a precisión e a ironía demostradas por Corneliu Porumboiu en 12:08 Ao leste de Bucarest, unha estupenda sátira social e política conducida por un memorábel trío de actores que obtivo o recoñecemento do xurado da FIPRESCI na edición do 2006.

Cando Bertrand Tavernier veu ao Festival de Donostia para presentar Holy Lola -proxectada no ciclo Realidade'06-, un xornalista preguntoulle na rolda de prensa por algún filme recente de que gostase especialmente. A película que recomendou o mestre francés foi Keane, de Lodge Kerrigan, filme que ben axiña escapa do angustioso drama que semella ser nun primeiro momento para moverse cara a territorios máis complexos e ambiguos. A esforzada e contida interpretación de Damian Lewis dá credibilidade a un personaxe que o actor consegue facer atractivo e inquietante a un mesmo tempo.

Fichas dos filmes

As proxeccións terán lugar na Praza da Estrela de Vigo, ás 23 horas:

Bamako [25 de xullo]
Mali-Francia-EEUU, 2006.
Selección Oficial Festival de Cannes 2006
Dirección: Abderrahmane Sissako. Guión: Abderrahmane Sissako. Fotografía: Jacques Besse. Montaxe: Nadia Ben Rachid. Duración: 115 minutos. Reparto: Aïssa Maïga (Melé), Tiécoura Traoré (Chaka), Hélène Diarra (Saramba), Habib Dembélé (Falaï), Danny Glover, Elia Suleiman, Jean-Henri Roger, Zeka Laplaine, Abderrahmane Sissako (cow-boys). Estrea en España: 18 de maio de 2007. Sinopse: No patio dunha casa de Bamako celébrase un xuízo. Diferentes representantes da sociedade africana acusan o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional como responsábeis do subdesenvolvemento do continente. Ao tempo que se suceden as declaracións e testemuños a vida continúa no barrio, en particular para unha cantante chamada Melé e para o seu marido, Chaka.

Convertido xa nunha das figuras esenciais do cinema contemporáneo, o mauritano Abderrahmane Sissako (Kiffa, 1961) deuse a coñecer internacionalmente cunha fermosa película ambientada nos últimos días de 1999, A Vida sobre a Terra. A excelente Heremakono (Agardando a felicidade) gañou o Premio FIPRESCI no "Un certain regard" de Cannes 2002, e o Premio Especial do Xurado no Festival de Xixón. En Francia o seu filme Bamako levou máis de douscentos mil espectadores ás salas de cinema.

La hamaca paraguaya [26 de xullo]
Arxentina-Paraguai-España-Francia- Holanda-Austria-Alemaña, 2006.
Premio FIPRESCI ("Un certain regard", Cannes 2006). Seleccionada na bolsa de proxectos "New Crowned Hope"
Dirección: Paz Encina. Guión: Paz Encina. Fotografía: Willi Behnisch. Montaxe: Miguel Sverdfinger. Duración: 78 minutos. Estrea en España: 15 de xuño de 2007. Reparto: Ramón del Río (Ramón), Georgina Genes (Cándida). Sinopse: Xuño de 1935. Nalgún lugar de Paraguai dous anciáns, Cándida e Ramón, agardan o regreso do seu fillo, que marchou da casa para loitar na Guerra do Chaco. Entre a esperanza e o pesimismo o tempo transcorre mentres falan da calor que non desaparece, da chuvia que non cae, dunha cadela que non deixa de ladrar. O fin da guerra e a chegada das primeiras noticias provocará neles un cambio de actitude.

O debut na longametraxe de Paz Encina (Asunción, 1971) é tamén o primeiro filme rodado en 35 mm no seu país desde que en 1978 o goberno ditatorial de Alfredo Stroessner apoiase a produción de "Cerro Corá". "La hamaca paraguaya" está falada en guaraní, que é a lingua de uso maioritario en Paraguai con trinta puntos de vantaxe sobre o español e coñecida polo 90% da poboación. O guaraní é cooficial desde 1992.

La línea recta [27 de xullo]
España, 2006
Sección Oficial do Festival de Xixón 2006
Dirección: José María de Orbe. Guión: José María de Orbe e Daniel Villamediana. Fotografía: David Valldepérez. Montaxe: Nuria Esquerra. Duración: 95 minutos. Estrea en España: 27 de abril de 2007. Reparto: Aina Calpe (Noelia), Alejandro Cano (Lucas), Blanca Apilánez (Rosa), Ferrán Madico (Xefe), Sergi Ruiz (Nico). Sinopse: Noelia, unha moza que non chega aos trinta anos, vive nun barrio na periferia de Barcelona. Traballa polas noites nunha gasolineira e polo día repartindo publicidade nos buzóns. Apenas fala; non ten amigos, nin os procura. Camiña polo mundo sen rumbo claro e sen apenas deixar pegada de si. Só un compañeiro de traballo, Lucas, parecerá abrir fisuras na súa vida gris e illada.

José María de Orbe naceu en Donostia en 1958, aínda que desde hai vinte anos reside en Barcelona, onde se dedica á realización publicitaria. La línea recta é a primeira longametraxe que dirixe. Exerceu como produtor no primeiro filme dirixido por Jaime Rosales, Las horas del día, feito desde a empresa que os dous fundaron no ano 2000, Fresdeval Films.

A fost sau n-a fost? (12:08 Ao leste de Bucarest) [28 de xullo]
Romanía, 2006
Premio "Cámara de Ouro" (Cannes 2006)
Dirección: Corneliu Porumboiu. Guión: Corneliu Porumboiu. Fotografía: George Dascalescu e Marius Panduru. Montaxe: Roxana Szel. Duración: 89 minutos. Estrea en España: 18 de maio de 2007. Reparto: Mircea Andreescu (Emanoil Piscoci), Teodor Corban (Virgil Jderescu), Ion Sapdaru (Tiberiu Manescu). Sinopse: No décimosexto aniversario da caída de Ceaucescu, o dono dunha televisión local convida a un debate a dous cidadáns que aseguran ter vivido intensamente aquel momento revolucionario: un vello retirado que de cando en cando fai de Papá Noel improvisado, e un profesor de historia abafado polas débedas do alcool. Algúns espectadores que están a ver o programa nas súas casas empezan a chamar para daren unha versión ben diferente da que alí se conta.

12:08 Ao leste de Bucarest é a primeira longametraxe do director romeno Corneliu Porumboiu (Vaslui, 1975), que contaba apenas catorce anos cando aconteceron os acontecementos aos que alude o seu filme: "Lembro moi ben ese día. Eu estaba xogando ao ping pong fóra e os meus pais estaban pegados diante da televisión. Volvín a casa xusto despois do momento crucial examinado na película, pois o certo é que ás 12:08 onde nós viviamos todo o mundo estaba observando en directo como Ceacescu fuxía".

Keane [29 de xullo]
EEUU, 2004
Premio Especial do Xurado e Premio da Crítica (Festival de Deauville, 2005)
Dirección: Lodge Kerrigan. Guión: Lodge Kerrigan. Fotografía: John Foster. Montaxe: Andrew Hafitz. Duración: 99 minutos. Estrea en España: 11 de maio de 2007. Reparto: Damian Lewis (William Keane), Abigail Breslin (Kira Bedik), Amy Ryan (Lynn Bedik). Sinopse: William Keane vive atormentado pola perda dunha filla. Talvez desapareceu nunha estación de autobuses. Talvez a nena nunca existiu e tan só é real na súa imaxinación. Sexa dun xeito ou doutro, o caso é que William Keane escapa da súa paranoia cando coñece unha muller, Lynn, e a súa cativa, Kira, dous seres necesitados de agarimo e axuda.

Neoiorquino do 64, Lodge Kerrigan debutou na dirección con Clean, Shaven, premiado en 1995 no Fantasporto. O seu seguinte filme, Claire Dolan, formou parte da sección oficial do Festival de Cannes en 1998. Antes de rodar Keane traballou na realización dunha película protagonizada por Peter Sarsgaard e Maggie Gyllenhall, In God's Hands, pero o negativo orixinal sufriu danos irreparábeis e o proxecto houbo de ser abandonado.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Ousmane Sembène (1923-2007)

13 xuño, 2007 (13:55) | Cinema, Directores, Obituarios | Sen comentarios

"Na África non se fan filmes para vivir, senón para comunicar, para militar". Desaparece o cineasta colosal, o patriarca, o humanista comprometido e valente. De cativo, o seu pai traía á casa o pan envolto en papel de periódico; ao desenvolvelo, pedíalle ao fillo que lle lese as novas. A escena parece sacada dun libro de Manolo Rivas, pero acontecía en Senegal, alá polos anos trinta. Anos despois, cando se alistou no exército para combater na Segunda Guerra Mundial, un soldado branco achegouse a el para pedirlle que escribise unha carta: "Foi unha revelación para min. Eu pensaba que todos os europeos sabían escribir".

Se hai unha persoa da que nunca deixaremos de falar neste blog, esa é Ousmane Sembene, poden estar ben seguros.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google