Premios Goya: O cinema de autor fóra da Academia

1 febreiro, 2009 (15:54) | Cinema, Premios, Xornal de Galicia | 1 comentario

Temos que recoñecelo: os Premios Goya foron un gran invento. A súa utilidade como mecanismo de promoción e difusión da industria cinematográfica do estado é a estas alturas innegábel e fica demostrada pola crecente atención que os medios de comunicación lle prestan. Vinte anos atrás era impensábel imaxinar que unha gala coma a dos Goya acabaría ocupando as capas das revistas do corazón e hoxe porén xa estamos afeitos a ver no papel couché as fotos dos artistas españois máis glamurosos. Os rostros de moitos directores e intérpretes resultan familiares para o gran público e iso por definición é bo para un audiovisual sempre necesitado de espectadores. O efecto dos premios mesmo é medíbel nas billeteiras, pois os filmes galardoados experimentan un significativo aumento nas súas recadacións e nalgúns casos, como aconteceu na pasada edición con La soledad de Jaime Rosales, adquiren unha segunda vida escapando da invisibilidade na que se moveran até ese intre. Nada que obxectar nese sentido. Tampouco teño nada en contra das decisións dos académicos, aínda que case nunca as comparto, pois penso que en liñas xerais si serviron para caracterizar certas tendencias do cinema español, ás veces máis ben desafortunadas. Sospeito que o paso do tempo non vai ser xeneroso con Fernando León, Alejandro Amenábar, Icíar Bollaín e Benito Zambrano, mais o certo é que os catro fixeron filmes dos que se falou moito na súa altura e os Goya sancionaron a súa relevancia sentenciando ao seu favor.

O historial dos premios describe ben unha parte da produción española contemporánea, mais tamén demostra como foron sistematicamente ignoradas as propostas afastadas deses modelos que pretenden ser comerciais e logo resultan non selo tanto. A produción española máis arriscada, que é xustamente a que acaba por abrirse un oco nos certames de todo o mundo e nos circuitos paralelos do “cinema de autor”, non lle dá entrado polo ollo aos académicos e por iso nas nominacións quedan sempre fóra obras coma El cant dels ocells de Albert Serra, a única película española presente na última edición do Festival de Cannes, En la ciudad de Sylvia de José Luis Guerín ou O silencio antes de Bach de Pere Portabella. Documentais de éxito internacional coma El cielo gira de Mercedes Álvarez ou La casa de mi abuela de Adán Aliaga foron desbotados por uns académicos que antes esqueceran El Sol del membrillo de Víctor Erice e deixaron tres anos seguidos sen premio ao defunto Joaquim Jordà. Tradicionalmente pobre é a escolma de filmes de fala hispana, que non reflicte a singular vitalidade de cinematografías coma a arxentina ou a mexicana; e convencionais, cando non abertamente delirantes, as seleccións de películas europeas e curtametraxes, que sempre parecen elixidas ao chou. Se nuns apartados nos que debían ser audaces non o son, que podemos agardar nos principais?

(Publicado o sábado 31 de xaneiro en “Nós”, suplemento de cultura do Xornal de Galicia)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cineuropa: os filmes son o importante

7 xaneiro, 2009 (02:53) | Cinema, Festivais, Revista AG | 1 comentario

O meu artigo sobre Cineuropa no número 7 da Revista do Audiovisual Galego:

Cineuropa: os filmes son o importante

Consolidada desde hai moitos anos como a principal referencia do calendario festivaleiro galego, Cineuropa segue apostando sobre seguro para ofrecerlle ao público compostelán unha boa escolma de filmes avalados polo seu éxito de crítica. A diferencia doutras citas nas que as películas non parecen ser o importante, o valor fundamental de Cineuropa é a súa programación, cos seus numerosísimos acertos e tamén, para que negalo, con algunha que outra discutíbel ausencia. O saldo, en calquera caso, é sempre positivo, e fai de Santiago no mes de novembro un lugar de parada recomendábel para todos os cinéfilos do país.

Como é habitual, o programa estivo inzado de títulos procedentes dos festivais máis prestixiosos. De Cannes chegou Tres monos, do turco Nuri Bilge Ceylan; o documental de animación Valse con Bashir de Ari Folman; Gomorra, de Mateo Garrone e Leonera, de Pablo Trapero, director arxentino honrado cun dos dous premios Cineuropa desta edición (o outro foi parar a Jaime Rosales, que presentou Tiro en la cabeza, un filme que fixo correr moitísima máis tinta da que realmente merece). Tamén pasou por Cineuropa a obra mestra de Terence Davies "Of time and the city", o lúcido e divertidísimo repaso pola memoria sentimental do cineasta que é xa un dos títulos do ano, e a gañadora da Palma de Ouro, Entre les murs, unha excelente película de Lauren Cantet escrita e protagonizada por François Begaudeau, autor ademais da novela na que se inspira que vén de ser editada en galego por Xerais. Escasa calidade tivo porén o lote procedente do Festival de Donostia, e iso vale tanto para Genova de Michael Winterbottom, coas súas feituras de telefilme, como para a absurdamente cruel e indigna O cabalo de dúas patas de Samira Makhmalbaf ou o novo delirio do coreano Kim Ki-duk, Alento. Algo máis de interese ten a tan agradábel como inofensiva A caixa de Pandora de Yesim Ustaoglu, inesperada e excesiva Cuncha de Ouro dun certame que ignorou os méritos da moi superior Aruitemo aruitemo de Hirokazu Koreeda, que se de algo peca é de ser "demasiado bonita". Doutro xaponés, Masahiro Kobayashi, é a gran triunfadora do Festival de Locarno en 2007, The rebirth; formou parte da sección "Mundo Asia", que tamén ofreceu a maxistral e elegante Sparrow do hongkonés Johnnie To.

Cineuropa reservou un oco para a produción latinoamericana que nos deixou ver en Galicia traballos tan estimulantes como Intimidades de Shakespeare y Víctor Hugo, da moi nova directora mexicana Yulene Olaizola, ou El cielo, la tierra y la lluvia de José Luis Torres Leiva, premiado en Rotterdam. O cineasta canadiano Guy Maddin ocupou tres sesións con outras tantas das súas singularísimas e esgotadoras longametraxes: Dracula: pages from a virgin's diary, unha versión do clásico de Bram Stoker con forma de ballet; The saddest music in the world, un musical fascinante e excesivo, e a máis valiosa de todas, My Winnipeg, docu-fantasía chea de humor e retranca.

O ciclo dedicado ao francés Olivier Assayas permitiu revisar a obra dun dos autores europeos máis importantes das últimas dúas décadas. Da súa creatividade fértil e versátil naceron películas magníficas como Irma Vep, Demonlover ou a máis recente As horas do verán, sublime retrato familiar realizado con exquisito gusto e intelixencia.Outra marabilla dun programa que acabou por incorporar unha obra mestra máis, El cant dels ocells de Albert Serra, a confirmación do talento dun home que xa nos deslumbrara con Honor de cavalleria.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

46 Festival Internacional de Cinema de Xixón: a crónica

30 novembro, 2008 (21:30) | Cinema, Festivais | Sen comentarios

Prólogo

Levo cinco anos asistindo ao Festival de Cinema de Donostia, o maior dos que se celebran en España. Para min forma parte xa da rutina anual, unha cita obrigada que cada mes de setembro me proporciona unhas cantas boas películas e o reencontro con benqueridos amigos e amigas. Disfruto moito alá, mais sempre chego á Coruña coa convición de que o ano seguinte non volverei ao festival, farto da súa pobre programación e do seu glamour perralleiro, canso de que a esperanza de cambio que cada nova edición parece apuntar sobre o papel ao final nunca acabe de verificarse. Donostia é unha marabillosa cidade e o seu festival unha estupenda experiencia, mais eu xa hai tempo que perdín a ilusión.

Fun por primeira vez ao Festival de Xixón en 2006: agora sei que tardei demasiado. Teño o entusiasmo dos conversos: fago proselitismo sempre que podo e síntome satisfeito por ter convencido xa a varios amigos para iren. Ningún deles quedou decepcionado. O Festival de Xixón presenta unha programación cinematográfica rigorosa e coherente, que como é obvio non sempre compartimos, mais que responde a un criterio ben fundamentado. Podería poñerlles exemplos do contrario para que se fagan unha idea, mais hoxe estou de bo humor. Alén dos filmes, a oferta de cultura e lecer de Xixón é completísima, con festas e concertos a diario e exposicións de enorme interese. Preparar unha digna axenda de actos está ao alcance de calquera que teña boas ideas e os cartos necesarios; a maxia de Xixón, porén, vai moito máis alá. O grande deste festival, o verdadeiramente difícil de imitar, é o magnífico ambiente que nel se vive, con todos os seus participantes a convivir con abraiante normalidade. Os organizadores e os cineastas, a prensa e o público, todos coinciden (coincidimos) nos bares polo día e nos concertos á noite, na cola para entrar nos cines e nas escaleiras mecánicas do Centro Comercial San Agustín. En Xixón non é estraño atopar na rúa a un Carlos Reygadas que che pregunta onde está a delegación de Radio Nacional, porque ten unha entrevista, ou a José Luís Guerín falando das infinitas horas de autobús que hai entre Santiago e a cidade asturiana. E todo nun ambiente relaxado e distendido, sen alfombras vermellas nin convidados separados por categorías. Por iso deben ir a Xixón sempre que poidan, e tamén ao IndieLisboa, que vén sendo o mesmo só que cambiando o Teatro Jovellanos polo Cinema São Jorge, a Sala Albéniz polo Cabaret Maxime e os temporais de novembro por unha primavera luminosa.

Cinco días, cinco noites

O principio é sempre o mesmo: chegas ao hotel, no meu caso o Celuisma Pathos, e alí agarda por ti a bolsa coa acreditación e as publicacións do festival. Son ás tres da tarde do venres 21 de novembro e en dúas horas comeza na sala 3 dos Cines Centro a proxección de Z32 de Avi Mograbi, cineasta israelí que foi obxecto dunha retrospectiva hai dous anos en Las Palmas que eu seguín sen especial emoción logo no CGAI. Z32 ofrece a testemuña dun soldado de elite israelí que explica a súa participación no asasinato de dous palestinos nunha acción de vinganza despois dun atentado terrorista; para non seren identificados, o seu rostro e o da súa moza aparecen permanentemente cubertos por unha máscara dixital. Resulta certamente fascinante asistir ás conversas deles dous, co soldado contando polo miúdo a súa brutal experiencia para a seguir pedirlle a ela que lla conte “igual que lla contaría a outro” nun exercicio descarnado e estraño de arrepentimento e confesión. Máis interesantes aínda son as aparicións do propio Avi Mograbi, que explora a ritmo de canción os seus sentimentos cara a alguén que acatou a orde de matar un ser humano sen cuestionala en absoluto. Tralas intencións sarcásticas e paródicas desas bizarras escenas musicais agáchase tamén a incapacidade de dar respostas definitivas diante de feitos que desafían os nosos principios.

Preseleccionada para os Oscars á mellor longametraxe documental, Trouble the water parte dun material moi potente, as gravacións orixinais que unha parella afroamericana fixo da catástrofe do Katrina, mais o resultado é un produto televisivo e convencional ao estilo dos que se ven en La noche temática. Moito máis interesante é Je veux voir, dos homenaxeados Joanna Hadjithomas e Khalil Joreige, aínda que todo nela produza unha intensa sensación de déjà vu. Os directores retratan o Líbano posterior á guerra de 2006 a través de dous personaxes, unha icona do cinema coma Catherine Deneuve, que acode ao país para participar nunha gala benéfica e expresa a súa vontade de “querer ver”, e o actor Rabih Mroué, que a acompaña nunha viaxe con ecos a Kiarostami e incluso a Amos Gitai. O filme camiña por un punto intermedio entre a ficción e o documental, e os saltos entre un plano e outro non sempre resultan afortunados; en calquera caso é unha proposta moi recomendábel que só falla nas escenas finais da cea, que parecen sacadas dun anuncio de perfumes.

Tralo pase de Je veux voir Ángel Santos e mais eu facemos a primeira incursión á taberna Lizarrán, que polo seu amplo horario adoita convertirse nun dos puntos de reunión nocturna do festival. Mentres os meus compañeiros de tertulia cultureta no Extrarradio Grial Parga e María Yáñez disfrutan do concerto de Remate e The Ladybug Transistor na Sala Albéniz, eu lercheo sobre Facebook con Elena Oroz. Entre unhas cousas e outras, son as catro e pico da madrugada cando collo o sono.

O sábado acordo cedo; pouco despois das dez xa estou no Antiguo Instituto, desde onde faremos en directo a tertulia para a Radio Galega que nesta ocasión ten como convidado ao director do festival José Luis Cienfuegos, de quen me declaro seguidor incondicional. Despois de facer o programa e de recoller todo, imos a unha das salas do centro que está ocupada pola exposición dos libaneses Hadjithomas-Joreige, Círculo de confusión, unha xigantesca foto aérea de Beirut pegada sobre un espello e repartida en tres mil anacos. Os visitantes poden arrancar un deses fragmentos e levalo para a casa, de maneira que co andar dos días vai quedando cada vez máis á vista o espello posterior e a imaxe orixinal vaise diluíndo para caer na pura abstracción. Ao saír, perdemos tempo inutilmente facendo cola para sacar entradas -desistimos ao cabo dunha hora- e optamos por ir xantar á sidrería El Globo, onde degustamos unha formidábel fabada e encontramos a Alfonso Pato, que de madrugada coñeceu a un (insólito) fan de Andrés Dobarro (se queren detalles, pregúntenlle a el). Despois diso non viña mal unha soneca, mais eu resisto a tentación e asisto no Jovellanos á proxección de Adoration, o novo filme de Atom Egoyan que conta o mesmo que os vellos. O filme non me deslumbra, mais tampouco me parece tan malo como algúns aseguran; o mellor é o que vén despois, un coloquio co director e o músico Mychael Danna conducido por Roberto Cueto.

Non consigo butaca para ningún filme que me interese na segunda quenda da tarde, así que vou tomar unha(s) cervexa(s) con Grial, María, Berto e Mourullo (Yáñez & Cía, para abreviar). Escapo deles un pouco antes das dez: teño entrada para a segunda sesión de Cameron Jamie. O que vemos é unha verdadeira trapallada, mais aínda dá para botar unhas risas con Marta Gómez, de Planeta Cine. Fago unha parada brevísima no Lizarrán para tomar uns pinchos e marcho ao show de Lilí Films no Savoy, un ruidoso local que non resulta ser o máis apropiado para o que eles fan. No medio do balbordo consigo manter unha conversa razobelmente ben enfiada con José Manuel Sande, que acaba de desembarcar en Xixón. Lucía e mais el van ir cuns amigos ao concerto de Miss Kittin, e eu subo a Cimadevilla camiño da Folixa para atopar a Grial, que anda con Alejandro Marzoa e Marta; tomámoslle unha alí e outra en La Plaza e acaban dándonos as catro ou as cinco, para non perder o costume. No hotel eu aínda aproveito para mirar o correo; cheo de boas intencións, poño o despertador para as nove por se teño ánimo de erguerme e ir ver Tulpan. Non é o caso. Saio do Pathos a iso das doce para despedirme de Yáñez & Cía e despois vou facer cola ao Jovellanos para pillar entradas para o domingo e o luns, pois non é plan perder máis filmes. Durante a espera atopo a Pilar Comesaña e Félix Díaz, de Planeta Cine, e mais a Alberto Casal; comemos por segundo día na sidrería El Globo, e desta vez toca fabes con ameixas. Pola tarde ás cinco hai sesión no Antiguo Instituto, Red Hollywood de Thom Andersen e Nöel Burch, un filme correcto mais non especialmente inspirado que documenta a pegada dos cineastas próximos ao ideario comunista no Hollywood dos anos 30 e 40 e a infame Caza de Bruxas posterior. Aínda que xa a vira en Lisboa, recunco na arrebatadora Profit motive and the whispering wind, na miña opinión un dos dous ou tres filmes máis importantes deste último ano. Pecho a xornada con Wendy and Lucy de Kelly Reichardt, que me molesta un pouco menos que a anterior Old joy.

Durante a enésima parada no Lizarrán falámoslle a Gonzalo de Pedro de París #1 e xestionamos o préstamo a varias bandas de material audiovisual. No Gato tuerto toca Julio de la Rosa, así que alá vou. Saúdo a Álvaro Arroba, a quen non coñecía en persoa, a Albert Serra e tamén a Lisandro Alonso, ao que encontrara na rúa pola tarde, ao pouco de el chegar a Xixón. Peque Varela coméntame que na presentación de 1977 José Luis Cienfuegos dixo que Martin Pawley era algo responsábel de que a súa peza estivese en Xixón, pois fora eu quen lla dera a coñecer hai un par de meses, durante o Festival de Donostia. Peque e mais eu seguimos de palique no Sono-Tone; fálame do que quere facer e o que non, cóntolle unha e outra vez as moitas cousas que me gustan da súa curta e cando nos damos conta xa son as catro da mañá, unha boa hora para retirarse.

O luns o tempo deixa de ser regular para convertirse en malo ou moi malo. Tócame entrar no Diario Cultural; o que digo é máis ou menos isto:

"Vivimos días de chuvia e frío en Xixón a conta do temporal, e tamén é baixa até o momento a temperatura do Festival de Cinema que en calquera caso segue sendo e por moitísimas razóns o mellor dos que se celebran no estado. En Sección Oficial o filme mellor acollido foi Wendy and Lucy de Kelly Reichardt, que contén todos os tópicos do cinema independente americano disfrazados, iso si, coa melancolía e un bo gusto que a conectan con certas estéticas contemporáneas. O máis apetecíbel -Liverpool de Lisandro Alonso ou 35 shots of rum de Claire Denis- está aínda por vir. Mentres tanto un pode refuxiarse nas sempre interesantes retrospectivas, desta volta dedicadas ao indescriptíbel Cameron Jamie, aos libaneses Joanna Hadjithomas e Khalil Joreige, que ocupan ademais o Antiguo Instituto cunha instalación fascinante, “Círculo de confusión”, e a arxentina Lucrecia Martel, ademais dos ciclos A utopía ianqui, que pasará polo CGAI e inclúe obras mestras coma Motivo de lucro e murmurios do vento de John Gianvito, un dos títulos do ano do que xa falamos na pasada edición do IndieLisboa, ou Una parte del cielo, que amosa unha escolma de traballos feitos nos últimos anos por directoras europeas, entre elas Patricia Ferreira ou a ferrolá Peque Varela que presenta aquí a súa aclamada curta 1977".

Despois de xantar en El Jamonar na compaña da xente de Lilí Films, La mujer rubia proporcionou o primeiro gran momento do festival. A película de Lucrecia Martel explora o sentimento de culpa que experimenta a protagonista a conta dun suceso inaclarado, o atropelo dun can e quizá tamén o dun neno; unha perversa combinación de mala conciencia e irresponsabilidade burguesa que a directora resolve maxistralmente ao presentar o personaxe -unha sublime María Onetto- en primeiros planos que a manteñen illada dun mundo real que queda fóra de campo en sentido estrito e metafórico. Incomprensibelmente mal acollido no Festival de Cannes, La mujer rubia é un filme tenso e turbador que agacha ademais un poderoso discurso sobre as relacións de poder.

Aínda que Jim Finn crea o contrario, o coloquio posterior ao visionado de La trinchera luminosa del presidente Gonzalo foi certamente memorábel. O cineasta cambiou continuamente do inglés ao español -que fala con fluidez- até o punto de que chegou un momento que nin el nin o tradutor sabían en que lingua falaban. O intérprete acabou repetindo en español frases que Jim Finn dixera tamén en español, nun glorioso caos babélico que a min polo menos me pareceu moi divertido. O filme é unha intelixente sátira do fanatismo que recrea co formato de video-reportaxe a vida cotiá e o adoctrinamento permanente dun grupo de reclusas de Sendero Luminoso.

Quedo para cear con Marta Gómez no Jamonar, e acabamos compartindo mesa con Sergio Wolf e Mauro Andrizzi. Pola noite hai concerto no Casino de Doctor Explosion e Los Tiki Boys, e alí encontro a Camilo Franco e mais á miña xefa no Extrarradio, Belén Regueira. Hai tempo de tomar un par de gin-tonics e de facer tertulia coa xente que trasnoita, mais por unha vez retírome relativamente cedo pois o martes hai película ás dez e non quero perdela: Liverpool, a cuarta marabilla feita por Lisandro Alonso, quizá máis accesíbel que as outras, máis chea de emocións e máis narrativa que Los muertos aínda que estea chea de cousas sen contar, de cousas que non sabemos e que non importan. O protagonista de Liverpool, Farrel, regresa á súa vila en Tierra del Fuego despois de moitos anos de ausencia e moitos litros de alcol para atopar unha nai enferma e coa cabeza perdida e unha rapaza con retraso mental que vive con ela e a coida. Farrel regresa ás orixes para saldar débedas, mais para el non hai redención: é incapaz de reintegrarse nesa vida, en ningunha vida. A súa imposibilidade para comunicarse, para reaccionar e tomar partido, fica materializada nese chaveiro que é o único que quedará del como recordo; un chaveiro que xamais significará nada para quen o recibe e seguramente tampouco para quen o entrega.

Na rolda de prensa -a primeira á que acudo en Xixón nestes tres anos- Lisandro Alonso insinúa unha certa sensación de decepción: a frustración pola limitada acollida do seu traballo e o fastío ante as repetidas acusacións de que fai filmes lentos, destinados unicamente a festivais. Sabe que non elixiu un vieiro cómodo e que non está disposto a traizoarse, e amosa a súa faciana máis explicitamente humanista, a de alguén que quere facer obras inxenuas, que non firan a ninguén, e que non se atreve a rodar imaxes que lle parezan crueis. Ao saír da rolda dígolle que me parece a súa mellor película. “Eu tamén o creo”, responde, “mais parece que non somos demasiados os que o pensamos”. Vai e vén atendendo a diferentes xornalistas, e mentres tanto Sande e mais eu facemos tertulia con Emilio Oliete, de Sagrera, distribuídor de Liverpool en España, e logo con Peque Varela, que se achega ao Antigo Instituto para gravar unha entrevista para Planeta Cine (se non fose tan parvo coma son acordaríame de sacar fotos para inmortalizar esta clase de encontros, que quedan unicamente rexistrados na memoria). Á hora do xantar marchamos cara a Tasca de Cabrales onde nos xuntamos un grupo de quince persoas entre as que están Antonio Campos, Sandro Aguilar e un ex-bailarín de Butō. A comida e a conversa prolónganse case até as cinco, con tempo de ir ao cinema ou durmir unha soneca, segundo os casos. Eu non teño plan até as oito, que é cando vou ver La vie moderne, o terceiro dos Profils paysans de Raymond Depardon, un deses filmes que se recomendan sós. Despídome das películas en Xixón vendo Construcción de una ciudad de Néstor Frenkel, non sen antes parar a tomar unhas sidrines. Gardo mellor recordo da sidra que dese inofensivo documental arxentino.

Co concerto de Manos de Topo no Casino -ao de Russian Red non demos chegado- comezou a conta atrás da miña estancia en Xixón. Ese é o momento en que todo empeza a ir como a cámara rápida. Véxome falando con Luis Miñarro sobre o filme do vellote, preguntándolle a Sergio Wolf polos ciclos do BAFICI, recomendándolle a Elena Oroz os filmes de Ousmane Sembène, falando con Dario Oliveira das curtas galegas que deberían estar en Vila do Conde, despedíndome “até o sábado” de toda a xente. Porque, en efecto, eu marchaba o mércores pola mañá, mais tiña intención de voltar. Ben que volo dixen eu a todos, que había de voltar.

Epílogo

O sábado estaba en pé ás cinco e cuarto da mañá: non recordo cando foi a última vez que me erguín da cama a esa hora. Ás seis e media quedara con Xabier P. Docampo e Xosé Cobas para irmos a Oviedo, onde eles participaban nunha mesa redonda. Logo eu collería o autobús de Oviedo a Xixón e ao mediodía estaría no Antigo Instituto, disposto para escoitar o palmarés. Non puido ser: o temporal de chuvia e neve encargouse de alterar os meus plans. Despois dun inútil traxecto en coche de dúas horas, a forte nevarada que estaba a caer obrigounos a parar á altura de Abadín e emprender camiño de volta a casa.

Sentín moito non chegar a Xixón para a clausura, mais a tristeza de non estar presente ficou mitigada pola alegría do triunfo de Liverpool. Alegreime pola película, porque é magnífica, e por Lisandro Alonso, o mellor dos cineastas aparecidos no século XXI. Alegreime por el porque parece un bo home, e porque despois de telo escoitado nunhas cantas ocasións xa estou por xurar que, en efecto, é un bo home. Alegreime tamén por Luis Miñarro, polo que o premio ten de recoñecemento para un produtor valente, e polo impulso que supón para os distribuidores que confían en que hai un espazo modesto, mais imprescindíbel, para outro tipo de cinema que vai na procura da calidade e non unicamente do éxito nas billeteiras. Alegreime, en resumo, porque é un premio xusto, e porque, como diría William Shakespeare, ben está o que ben acaba.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Algúns filmes importantes que poderían estar en Cineuropa (e que seguramente non estarán)

29 outubro, 2008 (22:02) | Cinema, Directores, Festivais | Sen comentarios


La question humaine, de Nicholas Klotz (Francia, 2007). Distribúe Intermedio.

El cant dels ocells, de Albert Serra (España, 2008). Distribúe Sagrera.

Liverpool, de Lisandro Alonso (Arxentina-España, 2008). Distribúe Sagrera.

Un conte de Noel, de Arnaud Desplechin (Francia, 2008). Distribúe Alta Films.

Tokyo Sonata, de Kiyoshi Kurosawa (Xapón, 2008). Distribúe Baditri.
Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Honor de cavalleria, esta semana no Fórum Metropolitano

31 marzo, 2008 (11:16) | Sen clasificar | Sen comentarios

O mes de abril é o mes do libro, e o Fórum Metropolitano dedica un ciclo na Sala Fernando Rey ás adaptacións literarias. Para comezar, o filme español máis difundido polo mundo e louvado dos últimos anos, Honor de cavalleria, dirixido polo cineasta de Banyoles Albert Serra. A entrevista que acompaña estas liñas dá un exemplo das súas ideas e a maneira de expresalas, que dificilmente poden deixarnos indiferentes. Coñecín a Albert hai cousa de ano e medio no CGAI; presentou a súa película con tanta contundencia que non houbo ninguén que se movera da sala, aínda que a súa aparente condición de enfant terrible aconsellase gardar as distancias. Poucos meses despois falei con el dúas ou tres veces por teléfono, coa idea de que aparecera no Extrarradio dentro do típico resumo do mellor do ano. Ao final non foi posíbel que entrase no programa na mañá prevista, certamente complicada, mais o que quería contarlles é que falando con el todas as miñas reservas iniciais desapareceron: pareceume un home amabilísimo e encantador, coa cabeza moi ben armada e con ideas claras sobre o que está disposto a facer e o que non. Un home que traballa con absoluta liberdade, que toma o tempo preciso para facer os filmes coma el quere. O seu novo traballo, El cant dels ocells, formará parte da programación dalgún gran festival, o de Cannes se para maio está acabado e se non, o de Venecia. Eu teño moitísima curiosidade por saber que dará de si a súa reconstrución da viaxe dos Reis Magos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Todos cineastas?

10 xaneiro, 2008 (16:05) | Cinema, Internet, Revista AG | Sen comentarios

O meu artigo no terceiro número da Revista do Audiovisual Galego:

Todos cineastas?

Talvez non o pareza á luz dos orzamentos medios que se manexan no cinema estatal, mais o certo é que as novas tecnoloxías están a abaratar a creación de contidos audiovisuais. Algunhas das propostas máis estimulantes feitas en España nos últimos anos, e que acadaron ademais unha importante repercusión internacional, caso de Honor de cavalleria de Albert Serra ou de La línea recta de José María de Orbe, teñen un custo total inferior ao medio millón de euros, aínda dentro dun sistema de produción máis ou menos convencional. Un par de ordes de magnitude por debaixo (no entorno dos tres ceros, tres) atópase o excelente documental do músico e director portugués Gonçalo Tocha, Balaou, un dos grandes triunfadores do festival de cinema independente de Lisboa do pasado mes de abril. Os dous premios outorgados por un exixente xurado de que formaban parte entre outros Mark Peranson, editor da revista Cinemascope, Hans Hurch, director da Viennale, e o cineasta xaponés Shinji Aoyama, serviron de tarxeta de presentación para un documental que logo viaxou polos festivais de Vancouver e Viena e que pasará na primavera polo BAFICI bonaerense; curiosamente, non reuniu méritos abondo para formar parte da programación do de Ourense, no que si houbo espazo dentro da sección oficial para obras procedentes do “prestixioso” Festival de Málaga. Outro bo exemplo ofréceo o díptico presentado neste último trimestre por José Luis Guerín. Dunha banda, a excepcional En la ciudad de Sylvia, un dos títulos de referencia de 2007, que contou cun orzamento non mínimo pero si axustado; doutra, o proxecto Unas fotos en la ciudad de Sylvia, descrito non sen razón polo propio Guerín como unha “fantasía fotográfica” (e mesmo o de “fotográfica” é xeneroso), e que quizá non pase de ser unha presentación tipo powerpoint con ínfulas, máis que unha película en sentido estrito, pero que en calquera caso proba que hoxe o límite dos cartos gastados na fabricación dunha obra fílmica pode tender a cero.

A redución de custos alenta a aparición de obras máis arriscadas, que non teñen que ser vistas por unha morea de espectadores para poderen recuperar parte do investimento. Isto é especialmente válido no mundo da curtametraxe, que debera ser terreo abonado para a experimentación, para o ensaio e o erro, e para o nacemento de toda sorte de pezas autoxestionadas que respondesen unicamente á vontade e á imaxinación dos seus autores, sen impedimentos de ningunha clase. O que vemos máis a miúdo, porén, son filmes que imitan con descaro uns modelos repetidos até a saciedade e cos que dificilmente resisten a comparación. As curtametraxes parecen concibidas moitas veces como unha demo das posibilidades dos que as fan máis que como un produto pechado con valor de seu; como unha fase inicial, e case de formación, que ten como destino soñado a produción posterior de longametraxes, consideradas de maneira implícita “máis importantes”. Á marxe das calidades, que de todo hai, por suposto, o maior problema das curtametraxes segue a ser a súa dificultade para acceder ás xanelas de exhibición tradicionais, aínda que no noso caso contamos coa vantaxe dun programa específico na televisión galega, Onda curta. A súa habitualmente escasa presenza pública quedará tamén paliada grazas á estratexia emprendida pola Axencia Audiovisual Galega ao constituír as redes Cinemas Dixitais e RedEstreas, co fin de favorecer a presentación e estrea de curtas nas grandes cidades e vilas galegas.

Máis estraño é que os autores de curtametraxes non teñan desembarcado aínda de xeito masivo en Internet, alén de puntuais excepcións. Internet é unha plataforma magnífica para a difusión de contidos, incluídos os audiovisuais, aínda que é innegábel que as diferenzas entre unha obra maior e unha simple arroutada en imaxes se dilúen perigosamente nunha pantalla de 400 píxels de largo. Na era de YouTube, até a mítica Cahiers dedica páxinas e páxinas ao cinema na Rede, e non hai certame de curtas que se resista a incluír unha sección para as creacións “meu dito meu feito” que se consideran rematadas unha vez que se preme o botón de off da cámara. Hai quen mesmo fala a serio das cousas gravadas con teléfono móbil e ve nelas unha alternativa de futuro, como se a naturalidade e o verismo fosen incompatíbeis cos travellings e a boa iluminación. A Rede despreocúpase pola calidade formal e recoñece o vigor da inmediatez; admite actitudes máis combativas e voluntariamente marxinais, pero tamén premia de maneira desmedida a ocorrencia graciosa. A tecnoloxía dixital democratiza a creación cinematográfica e multiplica o ruído de fondo. Iso non é bo nin é malo, mais é.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Atlètic Club Banyoles

22 xuño, 2007 (23:10) | Cinema, Directores | Sen comentarios

Elvis, Godard e o futebol, todo xunto por xentileza de Albert Serra e Ángel Martín.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Albert Serra

11 marzo, 2007 (02:53) | Cinema, Directores | Sen comentarios

Xa lles fixen saber no seu momento o meu entusiasmo polo filme de Albert Serra Honor de cavalleria, proxectado no CGAI o pasado verán apenas dous meses despois de que se presentase, e con magnífica resposta por parte da crítica menos adormentada, na Quincena de Realizadores de Cannes. Ao longo do 2006 a película foi sendo exhibida en festivais de todo o mundo, de Seul a Vancouver pasando por Londres ou São Paulo, e recolleu premios en certames tan prestixiosos como a Viennale ou Torino, neste último caso co gran Lisandro Alonso nun xurado que recompensou tamén o (excelentísimo) traballo actoral de Lluís Carbó e Lluís Serrat. Neste 2007 as cousas seguen pintando moi ben: estivo en Rotterdam, vén de pasar pola Seccion Oficial do Festival Internacional de Cine Contemporáneo da Cidade de México, o FICCO, que por certo ten unha programación literalmente deslumbrante; e estes mesmos días participa a competición no Festival do Mar do Prata, e axiña viaxará a Hong-Kong e Bos Aires. En Francia a película estréase este mesmo mes, e por ese motivo o número de marzo de Cahiers du Cinema dedícalle ao director unha entrevista.

Albert Serra foxe de temáticas e formas repetidas até a extenuación, e a súa aposta está recollendo froitos. Fixo un produto intelixente, moderno e exportábel, e para iso non lle fixeron falta millóns de euros nin unha morea de subvencións. Por sorte para nós, en poucos meses volverá rodar: unha longa viaxe en avión serviu para que o seu guión sobre os Reis Magos vaia collendo a forma necesaria.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Honor de cavalleria

19 xullo, 2006 (08:00) | Cinema, Directores, Filmes | Sen comentarios

Castelao definía a Pedriño e Rañolas, os dous personaxes protagonistas da súa novela Os dous de sempre, dicindo que miraban o mundo un desde a perspectiva da ra e o outro desde a perspectiva alta do paxaro. O primeiro é o pragmático que sería quen de comer ao seu pai polos pés, mentres o segundo é o idealista que andaría sempre nun cabalo branco se fose rico dabondo. Son dous tipos humanos característicos, que se atopan ao longo de toda a historia da literatura. Como Sancho e o Quijote, claro, salvando as (xigantescas) diferenzas de calidade, manifestamente favorábeis ao manchego.

Exhibida na Quincena de realizadores de Cannes, Honor de cavalleria, de Albert Serra, emprega a arquetípica parella cervantina para construír unha obra repousada e contemplativa, case sen estrutura. Rodada en escenarios naturais practicamente imposíbeis de identificar, paraxes e campos cataláns sen a máis mínima presenza de construcións humanas, un espazo de fascinación austero e abstracto equivalente ás espesuras selváticas da segunda metade de Tropical malady ou ao río (rulfo)quiroguiano de Los muertos, a película recréase na representación non narrativa das paisaxes e na cotidianeidade dos tempos mortos, cun Quijote rosmón e metafísico, máis terminal que decadente, e un Sancho que parece posuído polo estrañamento, como se non soubese ben que fai acompañando a ese home que de cando en cando fala para o ceo. Para Miguel Marías é un western; eu diría que é un western de Sergio Leone feito por Robert Bresson, unha proposta extraordinaria e insólita tan afastada deste tempo e deste mundo que necesariamente ten que provocar simpatía e mesmo entusiasmo en calquera cinéfilo que non padeza miopía.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google