Cinema no Fórum: Colleita española

4 Marzo, 2010 (18:00) | Sen clasificar |

O cinema español parece gozar boa saúde. A recente cerimonia dos Premios Goya foi a máis vista da historia con case quince millóns de televidentes que conectaron coa gala nalgún momento e uns cinco millóns de media pendentes do duelo entre Ágora e Celda 211 que se saldou con vitoria (máis cualitativa que cuantitativa) para o filme de temática carceraria. A película de Daniel Monzón leva xa recadados doce millóns de euros e xerou arredor de si unha poderosa corrente de simpatía; o seu contrincante Amenábar, pola súa parte, venceu algúns malos agoiros e conseguiu que a súa superprodución histórica supere amplamente a cifra de tres millóns de entradas vendidas.

Non son os dous únicos filmes dos que se falou, abofé que non. Unha película de animación, Planet 51, leva recadados uns cen millóns de dólares en todo o mundo. Isabel Coixet e Pedro Almodóvar colocaron os seus novos traballos, Mapa de los sonidos de Tokio e Los abrazos rotos, a concurso na sección oficial do Festival de Cannes, o certame que marca a axenda cinematográfica do ano. Los abrazos rotos tivo unha acollida desigual, mais non é nin moito menos o fiasco que a moitos lles gustaría e demostra unha vez máis que Almodóvar é un dos poucos directores en España que ten asegurada a repercusión internacional das súas obras. A coprodución arxentina El secreto de sus ojos foi acumulando seareiros aquí e acolá e Juan José Campanella acabou por competir cos traballos de Michael Haneke e Jacques Audiard nos Oscars ao mellor filme en lingua non inglesa, unha categoría na que ademais achou un oco un título modesto pero modélico de Claudia Llosa, La teta asustada, tamén con participación española. Consecuencia destes bos sinais é o feito de que certa prensa tradicionalmente belixerante co cinema feito en España pareza ter asinado duns meses para acá un pacto de non agresión coa industria e algunhas das súas institucións máis destacadas, por exemplo a Academia del Cine.

Coma sempre, nin tanto nin tan pouco. Máis alá de éxitos puntuais vencellados con certos nomes e certas fórmulas segue habendo unha morea de filmes con severas dificultades para facerse notar e que pasan de maneira efémera polas salas. Filmes acollidos con entusiasmo por programadores e críticos do estranxeiro que aquí pelexan por reunir uns poucos miles de espectadores. Sabemos que hai outro cinema español e tamén sabemos que hai outro público, e por iso no Fórum Metropolitano insistimos en crear oportunidades para que se encontren. Baixo a etiqueta Colleita española a Sala Fernando Rey ofrécenos no mes de marzo os últimos filmes de Cesc Gay e Marc Recha e o debut na longametraxe de dúas directoras, Roser Aguilar e Mar Coll.

Sala Fernando Rey
Xoves 4, venres 5 e sábado 6: V.O.S. (Cesc Gay, 2009)
Xoves 11, venres 12 e sábado 13: Petit indi (Marc Recha, 2009)
Xoves 18, venres 19 e sábado 20: Tres dies amb la família (Mar Coll, 2009)
Xoves 25, venres 26 e sábado 27: Lo mejor de mí (Roser Aguilar, 2009)

HAMMER!

16 Febreiro, 2010 (23:17) | Sen clasificar | 3 comments

A miña amiga Paula Gómez del Valle fixo este fermoso retrato de Barbara Hammer o pasado mes de outubro na Coruña, con ocasión da inesquecíbel visita da cineasta no marco da Mostra de Ciencia e Cinema. A imaxe aparece agora na contracapa do primeiro libro publicado pola directora de Bent time ou Tender fictions: HAMMER! Making Movies Out of Sex and Life, editado por The Feminist Press e que se presenta con este texto:

“HAMMER! is the first book by influential filmmaker Barbara Hammer, whose life and work have inspired a generation of queer, feminist, and avant-garde artists and filmmakers. The wild days of non-monogamy in the 1970s, the development of a queer aesthetic in the 1980s, the fight for visibility during the culture wars of the 1990s, her search for meaning as she contemplates mortality in the past ten years—HAMMER! includes texts from these periods, new writings, and fully contextualized film stills to create a memoir as innovative and disarming as her work has always been”.

Premendo nesta ligazón podedes descargar en PDF (730 KB) a introdución do volume, na que repasa a súa infancia e mocidade, o matrimonio temperán con Clayton Henry Ward, o descubrimento do cinema nas aulas de pintura de William Morehouse, a súa primeira relación cunha muller e a traumática enfermidade e morte da nai; e todo isto en apenas vinte frenéticas páxinas ilustradas con fotos do seu arquivo persoal. Non o vou negar: para min é moi emocionante ler nesas páxinas cousas que lle escoitei á propia Barbara os días que compartín con ela na Coruña.

A autora presentará o libro ao longo dun completo tour que a levará durante os meses de marzo e abril por estas cidades:

03.03.10 : Los Angeles, CA : West Coast Launch at the Hammer Museum
03.06.10 : NYC : Launch Party at the Elizabeth Sackler Center for Feminist Art at the Brooklyn Museum
03.11.10 : Ann Arbor, MI : Screening and Signing at Dept of Screen Arts & Culture, University of Michigan
03.16.10 : NYC : Discussion with Hilton Als at KGB Nonfiction Series
03.17.10 : NYC : Event with CLAGS at Performance Studies Studio, NYU
03.27.10 : London : Launch Party at British Film Institute
03.28.10 : London : Screening/Talk at Queer Surrealists Series at Tate Modern
04.10.10 : Toronto : Book Launch/Performance/Panel at the Experimental Film Congress & Images Festival
04.15.10 : San Diego, CA : Presentation at UCSD VAF Performance Space
04.17.10 : San Francisco, CA : Screening/Talk, SF Cinematheque Crossroads Festival at the Victoria Theatre
04.21.10 : Portland, OR : Reading at Reading Frenzy
04.23.10 : Portland, OR : Screening and Reading at NorthWest Film Center
04.24.10 : Seattle, WA : Screening and Reading at NorthWest Film Forum
04.26.10 : NYC : Presentation in the Queer/Art/Film Series at IFC Center

Podedes adquirilo xa no sitio web da editorial. Alén do seu debut literario, 2010 será moi importante para a Hammer pola ampla retrospectiva que lle vai dedicar o MOMA á volta do verán. O ciclo visitará logo a Tate Modern de Londres e o Museo Reina Sofía de Madrid; agardo que isto sirva para que a súa obra acade en España o nivel de (re)coñecemento que merece.

Agustín, Xabier

12 Febreiro, 2010 (11:53) | Sen clasificar | 2 comments

Ao abeiro do I Congreso Iberoamericano de Lingua e Literatura Infantil e Xuvenil que se desenvolverá en Chile a finais de mes un grupo de expertos acordou algo que eu xa sabía: que a obra de Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo forma parte do canon imprescindíbel da literatura para nenos e mozos feita no século XX en España. Dos once títulos destacados dous son deles; unha proporción que non parece a esperábel nun sistema literario “ensimesmado e acomplexado”, os desafortunados adxectivos que perseguirán mentres siga no cargo ao conselleiro imprudente e pouco diplomático que os soltou. Os libros elixidos son os máis célebres, Contos por palabras e Cando petan na porta pola noite; mais teño para min que podería valer calquera outro: dunha banda Bolboretas, Víchela, víchela? ou O libro das viaxes imaxinarias no caso de Xabier, e da outra O único que queda é o amor, o recentísimo Valados ou mesmo Fantasmas de luz, a vindeira novela do mestre vilalbés, unha lección de amor ao cinema e de amor á vida.

Na listaxe de referencias que cita a miúdo Agustín hai un filme que eu detesto, A vida é bela. O curioso é que ese filme de Roberto Benigni inaugurou a miña amizade con Xabier, que ten un punto de inicio ben concreto: a mañá do domingo 21 de marzo de 1999, unhas horas antes de que o histrión italiano acadase a súa consagración con dous Oscars desmedidos. Desde aquel día e ao longo destes case once anos Xabier e máis eu compartimos infinidade de cafés, libros e películas, un feito favorecido pola nosa condición de veciños.

A miña relación con Agustín é cento sesenta kilómetros menos fluída, mais igual de intensa e emocionante. A falta de cafés houbo un feixe de correos electrónicos e chamadas de teléfono. De maneira moi especial lembro as ocasións que falamos el desde Vigo e eu en Xixón, no seu para min xa irrenunciábel festival de cinema. Cantas veces lle dixen a Agustín que algún ano quería velo no festival, paseando pola cidade que marcou a súa adolescencia, a cidade na que agromou de verdade a súa cinefilia?

Agustín, Xabier: sinto coma un privilexio cada minuto que pasei con vós os dous, e os que seguirei pasando no futuro. E aínda que sei que ningunha cousa que diga estará nunca á altura da vosa xenerosidade, do voso mérito como escritores e do voso compromiso co país e coa lingua, non por iso vou deixar de intentalo.

Texto publicado na portada de Blogaliza

Cinema no Fórum: Alén mar

10 Xaneiro, 2010 (00:27) | Sen clasificar |

A América Latina é desde hai anos un dos focos de interese prioritario da programación cinematográfica do Fórum Metropolitano, e así o demostra unha vez máis a Sala Marilyn Monroe este mes de xaneiro co ciclo Alén mar. A primeira escala desta viaxe transoceánica lévanos a Uruguai co filme Gigante, dirixido por Adrián Biniez e gañador do Gran Premio do Xurado no Festival de Berlín de 2009. O austero e conmovedor relato do (enorme) garda de seguridade namorado dunha limpadora é o penúltimo froito de Control Z, unha pequena e modélica produtora que conta no seu historial con media ducia de películas de amplo percorrido internacional, como La perrera ou Acné, sen esquecer as dúas películas da parella creativa que formaron Pablo Stoll e o prematuramente desaparecido Juan Pablo Rebella, 25 watts e a extraordinaria Whisky, un dos títulos de referencia da última década.

Despois de dirixir a prescindíbel Un año sin amor, a bonaerense Anahí Berneri presentou no Festival de Donostia de 2007 a maxistral Encarnación, con Silvia Pérez na pel da súa impagábel protagonista, Erni Levier, unha starlette cuxo mellor momento xa pasou. Á espera de que lle cheguen bos papeis traballa facendo anuncios publicitarios e promociónase en Internet co desexo de manterse en activo. Ernie recibe o convite para asistir á festa de aniversario da súa sobriña Ana, feito que a obriga a regresar á súa vila natal para reencontrarse cunha familia conservadora que despreza o seu modo de vida. A relación entre Ernie e Ana, unha adolescente fascinada polo glamour que cre ver na profesión e actitude da súa tía, é o eixo desta alfaia a medio camiño entre a comedia e o drama na que Anahí e os seus coguionistas -entre eles, Sergio Wolf, actual director do BAFICI- acertaron a construír un dos retratos femininos máis potentes e menos convencionais do cinema recente.

Filla do director Luís Puenzo, o de Gringo viejo, Lucía Puenzo deuse a coñecer en todo o mundo con XXY, delicado e elegante retrato dunha adolescente hermafrodita (Inés Efron) que medrou cos seus pais (Ricardo Darín e Valeria Bertucelli) nunha cabana illada do mundo para manterse á marxe dos prexuízos sociais. Un filme exhibido e premiado na Semana da Crítica do Festival de Cannes 2007 e que acabou levando tamén o Goya ao mellor filme de fala hispana. Pecha o ciclo e o mes El Otro, de Ariel Rotter, Gran Premio do Xurado e Premio ao mellor actor (o excelente Julio Chávez) na Berlinale de 2007. Unha película minimalista cun protagonista en crise que decide suplantar a personalidade dun home morto na procura de novos camiños que lle axuden a entender o sentido da súa existencia.

Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano (A Coruña)
7, 8 e 9 de xaneiro: Gigante (Adrian Biniez, 2009)
14, 15 e 16 de xaneiro: Encarnación (Anahí Berneri, 2007)
21, 22 e 23 de xaneiro: XXY (Lucía Puenzo, 2007)
28, 29 e 30 de xaneiro: El otro (Ariel Rotter, 2007)

Cinema no Fórum: Animación

10 Xaneiro, 2010 (00:20) | Sen clasificar |

Hai sete anos, en 2002, o Festival de Berlín sorprendeunos ao incluír dentro da programación a concurso un filme xaponés de animación dirixido por Hayao Moyazaki, A viaxe de Chihiro. Unha valente aposta que foi logo respaldada polo xurado do certame, que acordou concederlle o premio principal, o Oso de Ouro, ex-aequo con Bloody Sunday de Paul Greengrass. Era a primeira vez que un gran festival aplaudía os valores estéticos e narrativos dunha película de animación, e facíao da man dun dos seus mestres máis recoñecidos, a quen naquela altura xa coñeciamos en España grazas á imaxinativa e densa A princesa Mononoke, que acadara en Xapón recadacións estratosféricas. Os números de Chihiro foron aínda mellores en todo o mundo, e o filme acabou por recibir o Oscar á mellor longametraxe de animación en 2003, o único até o momento recibido por unha obra feita con técnicas de debuxo tradicional nunha categoría case sempre dominada polas imaxes xeradas por ordenador.

Nacido en Tokyo o 5 de xaneiro de 1941, Hayao Miyazaki comezou a traballar aos vinte e dous anos nos estudios Toei, onde moito tempo despois nacerían series de televisión tan coñecidas como Mazinger Z, Candy Candy ou Dragon Ball. Deixou a Toei pola produtora A Pro en 1973, e alí coñeceu a Isao Takahata, que se convertiría nun dos seus principais colaboradores. Con el fundou en 1985 os Estudios Ghibli, motivado polo éxito da súa segunda longametraxe, Nausicaa do Val do Vento; a primeira, O castelo de Cagliostro, fixéraa cinco anos antes, en 1979. Aí arranca o seu verdadeiro triunfo internacional, con títulos coma Castelo no ceo, Porco Rosso e as antes citadas Chihiro e Mononoke, e tamén os tres que proxecta a Sala Fernando Rey ao longo do mes de xaneiro: O Castelo Ambulante (Howl’s moving castle), O meu veciño Totoro e o seu polo de agora último traballo, Ponyo no acantilado, que competiu na Bienal de Venecia en 2008, tres anos despois de que o festival lle outorgara a Miyazaki o León de Ouro honorífico.

O ciclo dedicado á animación complétase con Persépolis, a adaptación do comic de culto da autora iraniana Marjane Satrapi, que exerce na versión cinematográfica de codirectora xunto a Vincent Paronnaud.

Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano (A Coruña)
7, 8 e 9 de xaneiro: O castelo ambulante
14, 15 e 16 de xaneiro: O meu veciño Totoro
21, 22 e 23 de xaneiro: Ponyo no acantilado
28, 29 e 30 de xaneiro: Persépolis