Cannes 2010: unhas fotos

29 Maio, 2010 (14:36) | Sen clasificar | 1 comment

Camiño a Cannes fixemos parada en Lisboa, onde se notaba (e moito) a pegada do pastor alemán: había carteis con mensaxes cristiás en todas as rúas. Este é o escenario que lle montaron á rock star no Torreiro do Paço.


Tiñamos sete horas libres en Lisboa antes de coller o voo a Niza, tempo máis que suficiente para dar unha voltiña pola cidade e comportarnos coma turistas.

Felipe Lage Coro, Herr Producer. Á hora do almoço, viño galego. Non é que xa tiveramos morriña, simplemente cadrou así.


A Casa do Alentejo é un espazo ben bonito e céntrico, a poucos metros da Avenida da Liberdade. Hai un mes, durante o Indielisboa, comín aquí con Peter Taylor, Claudia Maci, Ilaria Gomarasca, Magdalena Kielbiowska e Tamaki Okamoto.

De Lisboa a Niza coa TAP, e logo de Niza a Cannes en autobús. O primeiro paseo pola Costa Azul xa nos fixo entender de que vai a cousa.

Isto é Cannes, máis ou menos.


E isto é o que se ve desde a terraza do Palais des Festivals, onde parabamos de cando en cando a tomar unha copiña de champagne valéndonos do noso accès privilégié.


O Palais Stephanie é o espazo central da Quinzaine des Realisateurs; os filmes proxéctanse no Théâtre Croissette. No quinto andar está a terraza, que ten estas magníficas vistas.

A fachada do Palais des Festivals cuberta pola imaxe de Juliette Binoche, protagonista este ano do cartel.

Un dos rituais nocturnos: parar na boulangerie xusto enfronte da nosa casa para mercar croissants recén feitos.


A festa do Doha Film Institute na praia do Majestic. Disque estivo Scorsese, mais nós non o vimos.

Nesta furgoneta trouxeron a copia de Todos vós sodes capitáns desde París.

Fun con Ines Thomsen á proba de proxección de TVSC o mércores 19 ás oito da mañá. Cando saímos xa había xente facendo cola para entrar no pase de prensa, que comezou ás nove en punto.

Aquí tedes fotos do encontro co público que mantiveron Oliver Laxe e Ines Thomsen xusto despois do pase de prensa. Para a posteridade queda como foto oficial esta que tedes enriba.

Como podedes ver, acabamos compartindo parede con Agnès Varda e Frederick Wiseman.



O gran momento do festival chegou o sábado 22 na Plage des Palmes, coa entrega do Premio FIPRESCI a Oliver.

A impagábel Conchita Casanovas entrevistando a Oliver Laxe. Detrás, Alejandro G. Calvo, Gonzalo de Pedro, Jaime Pena e un servidor.

Os Laxe brothers con Usúe Vázquez e Vicente Arrieta.

Álvaro Redondo, auxiliar de cámara de TVSC, que disfrutou do festival máis que ninguén.

Alejandro G. Calvo aprendeulle a dicir “Laxe” a unha xornalista xaponesa, que tomou boa nota para lembralo.



O sábado pola noite fun á praia para ver Le monde du silence, dirixida por
Jacques-Yves Cousteau e Louis Malle, Palma de Ouro en Cannes 1956. Unha experiencie moi moi agradábel.

O último que fixemos en Cannes foi ir de festa, claro. Moito nos alegramos da Palma de Ouro a Apichatpong, sobre todo por Luis Miñarro, produtor valente que está detrás dos mellores filmes españois dos últimos anos (El cant dels ocells, En la ciudad de Sylvia, Liverpool). A altas horas de madrugada houbo ocasión de pisar a alfombra vermella,

De retirada. A iso das seis da mañá xa estaban empezando a recoller até as flores que adornaban o paseo. Por certo, ese que vai aí adiante é o mellor actor europeo da actualidade, o gran Mathieu Amalric.

Settecento

2 Maio, 2010 (01:48) | Sen clasificar | 1 comment

Hai grandes obras de arte que son resultado da xenialidade, da chispa dun autor en estado de graza. Hai outras que son fillas do esforzo, do labor sistemático e teimudo dunha persoa que se toma en serio o seu oficio. As obras verdadeiramente importantes, as que nos explican o mundo e nos transforman para sempre, nacen da combinación deses dous factores, o talento e o traballo, a agudeza e a dedicación, o enxeño e máis o tempo. Marcos Calveiro pertence a esta estirpe de creadores. Os seus textos presentan sempre un acabado exuberante, cun abraiante dominio da construción de personaxes e o deseño de elaboradas estruturas dramáticas que sabe pechar con mestría pouco común, mais ese acabado non aparece ao chou como froito feliz da inspiración, senón a forza de alimentar o xenio con horas e horas de escrita, de sachar no folio en branco, de peneirar o dicionario até dar coa palabra xusta. Tamén de procurar a información necesaria, un exercicio de documentación multidisciplinar propio dun letraferido que ama a música e ten no cinema o xermolo do seu imaxinario.

Marcos é un ourive con vocación de taberneiro (dos de outrora), un fabricante de alfaias e un coleccionista de historias que goza escribindo tanto coma nós lendo a súa prosa máxica, elaborada con precisión de poeta. Teño a sorte de que para min non é só un gran escritor, senón tamén un gran amigo, e por iso conto co privilexio de ser lector das súas novelas moitos meses antes de que vexan a luz. Onte presentei na Feira do Libro de Santiago un novo libro seu, Settecento (Edicións Xerais), na miña opinión o mellor que fixo nunca sen contar ese prodixio insuficientemente valorado que é Rinocerontes e quimeras. Amor, paixón, traizón, esplendor e decadencia nunha novela musical con personaxes obrigados a reinventarse que nos atrapa desde as súas arrebatadoras primeiras páxinas:

“Venecia é unha fraga. Unha fraga húmida e vizosa. Durante séculos, os seus alicerces construíronse coas árbores carrexadas dende as carballeiras das esgrevias ribeiras de Istria e os piñeirais das terras altas de Belluno, á sombra dos negros rochedos dos Dolomitas. Sobre milleiros de espeques e puntais desta madeira, chantados nos cento dezasete illotes do inmenso esteiro lamacento que formaban as augas lixeiras do Brenta, o Piave e o Sile, os vénetos trazaron calellas, pontes, escaleiras e campos. E alzaron pazos, igrexas, escolas e hospicios, de fachadas almofadadas ou recebadas con morteiro cinsento ou vermello, e incluso con ouro e pedras preciosas. E enfeitáronos con molduras, grilandas, frisos, volutas, glifos e grecas de mármore, de pórfido e de alabastro, compoñendo unha extraordinaria sonata de infinitos arcos, ventás, frontóns, obeliscos e fornelas… [Descargar o primeiro capítulo en PDF]

A Audiencia Nacional apunta posíbeis casos de tortura en España

12 Abril, 2010 (21:19) | Sen clasificar |

“Por último, en la valoración de las declaraciones de los procesados tiene especial relevancia que las denuncias de estos sobre malos tratos y torturas sufridos durante la detención incomunicada –que fueron relatadas con detalle en la vista oral y antes ante el instructor y objeto de denuncia en los tribunales- son compatibles con lo expuesto en los informes médico-forenses emitidos tras ser reconocidos en el centro de detención, si bien el Tribunal no puede llegar a conclusiones jurídico penalmente relevantes sobre el particular salvo constatar que no hubo un control judicial suficiente y eficiente de las condiciones de la incomunicación…”

Punto 4.1. dos Fundamentos de Derecho da sentencia (PDF, 183 KB) do Caso Egunkaria, que remata coa absolución dos cinco directivos do xornal acusados de pertenza á ETA.

Nada novo

21 Marzo, 2010 (22:58) | Sen clasificar |

A Ley General de la Comunicación Audiovisual (PDF, 699 KB) responde a dúas necesidades: achegar a normativa aos tempos que corren, marcados pola substitución da tecnoloxía analóxica pola dixital e a consecuente multiplicación da oferta en radio, televisión e Internet coa certeza de que o importante son os contidos e non o sistema que nolos trae ou o aparello a través do cal os consumimos; e crear un marco xeral completo que acabe coa dispersión e os ocos lexislativos dun regulamento cheo de parches, coa pretensión declarada de “dar seguridade xurídica á industria e posibilitar a creación de grupos empresariais capaces de competir no mercado europeo”.

Máis alá das declaracións que a Lei fai en favor do pluralismo ideolóxico, político, cultural e lingüístico e contra toda sorte de discriminación e incitación ao odio -que a programación diaria das diferentes plataformas se esforzará en esquecer-, o que importa dela na práctica son as normas de funcionamento cotiá referidas á protección dos menores, a promoción de contidos accesíbeis para persoas con discapacidade, a fixación de tempos máximos de publicidade (doce minutos por hora), a definición dos acontecementos “de interese xeral”, todos eles deportivos e precisados até extremos ridículos (Roland Garros si, Wimbledon non), a obriga (ma non troppo) de investir na produción de películas cinematográficas ou os límites á participación en máis dunha empresa audiovisual. Nada novo, en suma; o que se pretende é simplemente pasar a limpo o que xa había para poñer en orde o escenario no que operan os grandes “filántropos” da comunicación.

Artigo publicado no número de marzo de 2010 da revista Tempos Novos

Cinema no Fórum: Retallos de muller

4 Marzo, 2010 (18:30) | Sen clasificar |

A finais de febreiro a University of Southern California presentou un estudo sobre a presenza de personaxes femininas no cinema actual, cuns resultados tan demoledores como previsíbeis. O equipo liderado pola profesora Stacy L. Smith colleu como referencia os cen filmes de máis éxito de 2007 -o ano de Spider-Man 3, No country for old men ou There will be blood– para descubrir que non só o equipo creativo que hai detrás deles é maioritariamente masculino (o 83% dos directores, guionistas e produtores son homes), senón que dos 4379 personaxes con frase que hai neses filmes só o 29,9% eran mulleres.

A proporción cambia radicalmente cando as mulleres teñen un papel destacado na produción do filme. Nas películas dirixidas ou co-dirixidas por unha muller a porcentaxe de actrices medra quince puntos até acadar un 44,6%; un dato non concluínte por seren contados os exemplos de películas de directoras que acadan un percorrido exitoso nas billeteiras (só tres nesa serie de cen), mais que coincide co resultado dun informe anterior elaborado polo mesmo equipo de investigadores que revisaba as películas candidatas ao Oscar no período 1977-2006. O progreso percíbese tamén nos casos de mulleres guionistas (a porcentaxe de personaxes femininas avanza case sete puntos, até un 34,9%) e produtoras (un 30,8% de actrices fronte ao 26,4% das películas producidas por homes).

A cuestión da representación da muller na pantalla chegou polas mesmas datas ás Nacións Unidas dentro dos debates a prol da igualdade de xénero, un dos “obxectivos do milenio”. Nunha sesión especial tomou a palabra a actriz Geena Davis, impulsora dun instituto de análise sobre os xéneros nos medios de comunicación, que denunciou os tópicos e a visión hipersexualizada da muller no cinema actual. Informes elaborados no seu instituto proban que non houbo cambios esenciais co andar do tempo: a proporción típica é unha muller en pantalla por cada tres homes ao longo dos últimos sesenta anos, un ratio que aínda empeora nas escenas de masas (até cinco homes por cada muller).

Con estes datos calquera esforzo en favor da visibilidade segue a ser extremadamente pertinente. Esa é a intención do Fórum Metropolitano ao presentar un ano máis o ciclo Retallos de Muller, con catro filmes que ofrecen unha mirada afastada de estereotipos.

Sala Marilyn Monroe
Xoves 4, venres 5 e sábado 6: A voda de Tuya (Quanan Wang, 2006)
Xoves 11, venres 12 e sábado 13: Wolke 9 (Andreas Dresen, 2008)
Xoves 18, venres 19 e sábado 20: The princess of Nebraska (Wayne Wang, 2007)
Xoves 25, venres 26 e sábado 27: Calle Santa Fe (Carmen Castillo, 2007)