O amigo Pedro Ramos García solicita no seu espazo en Facebook ideas para a Feira do Libro da Coruña do ano que vén. Aquí van algunhas:
-Información actualizada en Internet. Para iso é abondo con abrir un blog da Feira no que se suban a diario fotos, vídeos e entrevistas cos escritores participantes, combinado con outro tipo de recursos (espazo en Facebook e YouTube, Twitter, etc)
-Diversificar a oferta de actividades. Non só presentacións + sinaturas, senón tamén coloquios, mesas redondas, etc, sobre asuntos xerais vencellados co libro e a lectura: o libro electrónico, a edición independente, o apoio institucional ao libro e á lectura, a promoción da lectura na escola... Tamén pequenos cursos e seminarios dunhas poucas horas de duración (mellor con inscrición previa).
-Fomentar a participación dos espectadores nos actos. Iso implica ter a tecnoloxía axeitada, por exemplo un micrófono de man que poida circular entre os asistentes.
-Poden presentarse outras cousas que non sexan "obras literarias". Antes apuntaba o do libro electrónico: sería xenial podermos descubrir grazas á Feira algún(s) dos sistemas xa presentes no mercado, pero que resultan aínda descoñecidos para a maior parte de nós. Unha posibilidade é organizar unha ou varias sesións dedicadas ao tema para un número de asistentes reducido que tivera que inscribirse previamente; propoño un número de asistentes limitado para darlle a esas sesións o carácter máis práctico posíbel, é dicir, que todos os que acudan saian de alí coa experiencia de ter nas mans un lector electrónico.
-Libros libres na Feira. Facer da Feira un punto de intercambio de libros dispoñendo unha zona na que a xente poida deixar exemplares dos que se queira desprender e levar outros de balde.
-Wifi de balde na Feira. Acceso libre e sen fíos a Internet na carpa da Feira e zona de secretaría, de xeito que os paseantes poidan enviar mensaxes, fotos e vídeos sobre o que está a acontecer alí. Premiar a actividade dos usuarios nos espazos web da Feira (blog, páxina de Facebook, Twitter, etc) con sorteos, libros de agasallo, etc.
-Mellorar a listaxe de escritores convidados. A representación galega en xeral non ten queixa, mais a nómina de autores do resto do estado deixa sempre moito que desexar. Cada ano deberían vir polo menos un par de escritores/as "de verdade", non só ex-gañadores/as de Premios Planeta e paridas polo estilo. Dramaturgos coma Fernando Arrabal, Agustín García Calvo, Francisco Nieva, José Sanchis Sinisterra ou Alfonso Sastre; poetas coma Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, José Manuel Caballero Bonald ou Leopoldo María Panero; prosistas coma Francisco Ayala, Bernardo Atxaga, Juan Marsé, Luis Mateo Díez, Gustavo Martín Garzo, Juan Goytisolo, Ana María Matute, Rafael Sánchez Ferlosio; autores de LIX coma Juan Farias, Mariasun Landa, Vicente Muñoz Puelles... Esta listaxe podería medrar moito con autores hispanoamericanos, algúns deles moi accesíbeis, e por suposto con autores do país veciño: Antonio Lobo Antunes, José Luandino Vieira, José Saramago ou Gonçalo Tavares. E por que non Auster, Berger, Coetzee, Grass, Le Clézio, Lessing, Pamuk, Tahar Ben Jelloun, Fatima Mernissi, Etgar Keret, Wole Soyinka...?