Andrés Pazos (1945-2010)
Andrés Pazos, o actor galego protagonista de Whisky, a obra mestra de Juan Pablo Rebella e Pablo Stoll, faleceu hoxe en Santiago de Compostela vítima dun cancro.
I don’t mind a reasonable amount of trouble
Andrés Pazos, o actor galego protagonista de Whisky, a obra mestra de Juan Pablo Rebella e Pablo Stoll, faleceu hoxe en Santiago de Compostela vítima dun cancro.
A lenda asegura que non fixera aínda un ano cando Harry Houdini lle puxo o alcume polo que sería coñecido para sempre. Nacido en Kansas canda o cinema, en 1895, o naipelo chamado Joseph Frank Keaton caeu polas escaleiras sen mancarse, un feito insólito que provocou unha resposta inmediata do lendario mago: “Iso si que foi un bo sopapo”, buster no argot empregado por Houdini. Esa estoica resistencia infantil levouno a debutar nos escenarios xunto aos seus pais con apenas tres anos, en números cómicos e circenses nos que o habitual era que o neno Keaton acabase voando polo aire. Antes de dedicarse ao cinema contaba os seus anos de vida por anos de experiencia acrobática no vodevil, mais os accidentes e feridas foron case inexistentes, até o punto de que algúns dos seus espectáculos chegaron a promocionarse coa frase O mozo que non pode facerse dano.
Empezou a facer filmes en 1917, cando coñeceu en Nova York a Roscoe "Fatty” Arbukle, daquela xa unha estrela. Keaton tiña certas reservas cara ao cinema, mais decidiu pedirlle prestada unha cámara e levala para o hotel coa intención de desmontala e volvela montar; levoulle unhas poucas horas dar entendido o seu funcionamento e foi niso que regresou ao estudio de rodaxe para pedir traballo. Non tardou moito en convertirse no axudante de dirección de Fatty e o seu principal fabricante de gags. Na altura de 1920 o produtor Joseph Schenck creou para el unha unidade específica de produción coa que fixo miticas curtas coma One week ou Electric house. O seu éxito permitiu o salto á longametraxe e aí arrincou unha etapa de creatividade incomparábel. Unha detrás doutra viñeron as súas obras mestras: As tres idades, A lei da hospitalidade, O moderno Sherlock Holmes, O navigante, Sete ocasións, O Rei dos cowboys, O último round, O maquinista de La General, O colexial, O heroe do río, O cameraman... Logo chegou o esquecemento. En 1928 fichou pola MGM, unha decisión que lamentaría toda a súa vida; perdeu independencia e viuse obrigado a traballar en filmes que desprezaba no tempo da transformación radical da industria pola aparición do sonoro que coincidiu ademais cun complicado momento persoal. Mantívose nun segundo plano escribindo escenas de humor para películas alleas (entre elas, varias dos Irmáns Marx) e facendo cameos. A televisión deulle nova popularidade a partir dos anos 50; tivo o seu propio show e permitiu a emisión das súas películas pola pequena pantalla, o cal reavivou o interese pola súa obra. Fixo pequenos papeis en filmes de moita sona (Sunset Boulevard, Limelight) e protagonizou pezas de prestixio como The Railrodder ou Film, o único guión que o Premio Nobel Samuel Beckett escribiu directamente para o cinema. Morreu pouco despois, en 1966, vítima dun cancro de pulmón. Era outra vez un mito, unha figura de culto honrada por poetas e ensaístas que viron nel un autor irrepetíbel.
A Sala Fernando Rey rende tributo ao xenial cineasta no ciclo Música para Keaton, que ofrecerá en decembro tres das súas grandes películas, coa música en directo do pianista Jacobo de Miguel como acompañamento de luxo.
MÚSICA PARA KEATON
Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano, decembro de 2009
Xoves 3, venres 4 e sábado 5: Sherlock Jr (O moderno Sherlock Holmes)
Xoves 10, venres 11 e sábado 12: Go west (O Rei dos cowboys)
Xoves 17, venres 18 e sábado 19: Buttling Butler (O último round)
Proxeccións os xoves ás 20.30; venres, ás 20.30 e 23.00; e sábado ás 17.30 e 20.30 h. Os pases dos venres e sábados ás 20:30 contarán con música ao vivo a cargo de Jacobo de Miguel.
A primeira estrela Disney non foi o rato Mickey, senón unha nena chamada Virginia Davis que nos anos vinte encarnou o personaxe de Alice nunha serie de exitosas curtas. Á marxe do seu traballo para Disney, a quen sempre chamou "Tío Walt", a pegada desta actriz no cinema redúcese a unhas poucas aparicións en filmes de escasa importancia. Casou en 1943 cun piloto da Mariña ianqui, Robert McGhee, e incorporou ao seu nome o seu apelido; despois da voda aínda apareceu noutra película, a derradeira, The Harvey Girls, un musical a toda cor dirixido por George Sidney con Judy Garland e Angela Lansbury coma protagonistas e unha canción que se convertiu nun clásico, On the Atchison, Topeka and the Santa Fe.
Virginia Davis McGhee morreu o pasado 15 de agosto aos 90 anos de idade. Se queren máis información, lean o obituario do New York Times e o de The Guardian.
Os seus dous traballos con Elia Kazan e Marlon Brando, A streetcar named desire e On the waterfront, serán seguramente os títulos que máis se repitan mañá nas homenaxes ao gran Karl Malden, mais hai unha morea de filmes polos que poderiamos lembralo. Por Kiss of death (Henry Hathaway, 1947), Ruby Gentry (King Vidor, 1952), I confess (Alfred Hitchcock, 1953), Birdman of Alcatraz (John Frankenheimer, 1962), o biopic sobre Robert Stroud que a Robert Stroud non lle deixaron ver, ou a impagábel elexía á nación india Cheyenne autumn (John Ford, 1964). A comezos dos setenta fixo películas con Dario Argento e co español Antonio Isasi-Isasmendi, e xusto despois a súa popularidade reverdeceu grazas a unha serie de televisión. Acaba de morrer na súa casa de Los Angeles aos 97 anos de idade. Modélico coma sempre o titular do New York Times: Karl Malden, everyman actor.
A edición en galego do libro de memorias de María Casares inspirou o meu artigo do pasado sábado 14 de marzo en Xornal de Galicia: "Nostalxia? Non teño tempo para iso. Non teño tempo tampouco para pensar no futuro”. Isto dicía a actriz galega María Casares nunha entrevista concedida a Manuel Rivas hai cousa de quince anos, dous antes de morrer. Na mesma conversa en que negaba a morriña confesaba a súa incapacidade para regresar a Galicia e “poñerse en orde” co país da súa nenez, a súa verdadeira patria. Tiña medo de perder “ese tesouro da infancia que me nutre sen parar”, de que desaparecese ao tocalo, coma nos contos tristes. [Ler artigo completo]
Morreu Ann Savage, actriz de culto grazas a súa presenza nun clásico do cinema negro, Detour, que poden ver ou descargar de balde en archive.org. O seu derradeiro traballo no cinema foi facer de Nai no delirante exercicio memorialístico que Guy Maddin fixo a conta da súa cidade natal, Winnipeg:
Para non ser exactamente un actor, a listaxe dos cineastas cos que traballou é como mínimo sorprendente: Louis Malle, Agnes Varda, Robert Siodmak, Christian-Jaque, Fred Zinemann, John Schlesinger, Luís García Berlanga e Federico Fellini. Tamén, por suposto, Blake Edwards, nesta alfaia na que compartiu planos coa sublime Audrey Hepburn:
Un dos protagonistas da serie de Antena 3 El internado é un mozo galego chamado Martín Rivas. De pequeno os pais puxéronlle Martiño, pero agora é maior e decidiu que o nome artístico quedaba mellor desoutra maneira. Falou diso nunha entrevista en El País na que apunta a anécdota dos seus desencontros cos camareiros no Starbucks, frase que en verdade non é moi afortunada (o enfoque da reportaxe tampouco é precisamente o máis oportuno). Sobre o affaire Martiño/Martín escribe o columnista de prensa máis brillante do universo, un home sempre divertido e lúcido, máis aínda cando visita San Simón.
Non serei eu quen lle reproche a ninguén que se poña como pseudónimo Martin, á marxe de onde lle coloque o acento (é preferíbel no "a", como é ben sabido). A produción de Globomedia na que traballa Martiño/Martín Rivas está tendo un enorme éxito; el mesmo acadou xa unha certa sona e hai ducias de fans que queren falar con el polo messenger e que as visite se é que algún día pasa por Valencia. Eu case non vexo televisión na televisión, así que de El internado non tiña máis noticia que o que dá de si o zapping, pero hoxe levado pola curiosidade púxenme a ver anacos dun episodio en Internet. A experiencia serviume para constatar dúas cousas que realmente xa sabía. A primeira, que Luis Merlo é un gran actor e que Amparo Baró está sempre perfecta en calquera papel que lle boten. A segunda, que a serie esa non está feita para min, senón para o meu afillado, que vai na ESO e desfruta moitísimo con toda esa intriga boscosa.
"Andrés Dobarro, aún teniendo calidad como cantante y compositor, era un producto del marketing que viajaba con una tropa de ayudantes, representantes, secretarios y otros elementos que, a fuerza de alabar al muchacho, habían conseguido que se creyese una especie de Sinatra nacional. El caso es que era impuntual y puede que fuera muy profesional en la canción, pero el cine se lo tomó algo así como si nos hiciera un favor a todo el equipo. Un día estábamos citados en el tejado de la catedral de Santiago donde debíamos rodar unas escenas con Concha Velasco. Dos horas se retrasó Andrés, lo que hizo que, a su llegada, nos bajásemos todos a tomar un café dejándolo allí arriba una hora para que se diera cuenta de lo poco agradable que es el que tus compañeros te den un buen plantón (...)".
"Estoy muy satisfecho de tres canciones que rodamos en esta película (...) La tercera, al atardecer, en una playa desierta sin más personajes que Dobarro y nuestra perra Trapos que, adiestrada por mi mujer, acompañó al cantante caminando ambos al borde del mar. Como cantante era mejor Dobarro, pero como intérprete fue mejor la Trapos (...)".
Isto é que di Mariano Ozores no seu libro "Respetable público. Cómo hice casi cien películas" (Ed. Planeta), citado en Rodado en Galicia, de Miguel Anxo Fernández. Aquí teñen, vía o regueifeiro, a escena protagonizada por Andrés do Barro coa excelsa cadela como partenaire:
Coida, Señor, dos cativos. Vergoña debera darlle ao mundo dedicar un día coma o de Nadal a un só deles, para logo deixar que todo siga igual ca sempre. A miña alma conmóvese cando vexo a maneira en que os pequenos aceptan a súa sorte. Coida, Señor, dos cativos. O vento sopra e a chuvia é fría. Pero eles todo o soportan..."
Non deixa de resultar curioso que un actor británico que detestaba cordialmente aos nenos optase para o seu debut na dirección pola adaptación dun texto profundamente americano e con protagonistas infantís. É algo sorprendente, pero por outra parte toda a película é de seu ben estraña. The night of the hunter é unha obra insólita dentro dos convencionais parámetros de produción do Hollywood dos anos cincuenta, que amosaba unha certa preferencia polos grandes orzamentos e o delirio kitsch do cine de tetas e togas.
The night of the hunter é, para empezar, unha excelente novela de Davis Grubb que inexplicabelmente non se editou en España até hai uns poucos anos. A novela contén realmente todas as boas ideas que aparecen na película, na que permanecen frases intactas, e isto debemos atribuílo ao talento do home encargado da adaptación, James Agee, el mesmo un soberbio novelista. Dubido moito que siga en catálogo Unha morte na familia, libro polo que obtivo postumamente en 1957 o Premio Pulitzer e que retrata con prodixiosa minuciosidade a unha familia sacudida pola morte do pai en accidente. Quen teña a posibilidade de ler esa estupenda novela decatarase de que Agee era a persoa adecuada para traspasar á linguaxe do cine a prosa emocionada de Davis Grubb.
A película ten unha forte carga alegórica e alude de forma directa ou metafórica a múltiples pasaxes da Biblia, pero ao mesmo tempo por ela pasea o espírito de Charles Dickens e de toda a narrativa victoriana, cun exquisito toque de elegancia gótica. The night of the hunter é o mellor achegamento que o cine fixo ao universo infantil; non deixa de ser unha revisión dos mitos máis clásicos, con ogros malvados e fadas benéficas aos que se lles deu unha cruel volta de parafuso. De fondo, a paisaxe da América profunda desangrada pola crise do 29, coa estampa demoledora dos nenos pedindo para comer á porta das casas, como se mesturásemos a picaresca bucólica de Mark Twain co discurso incendiario de John Steinbeck.
As referencias multiplícanse no plano visual. Poucas películas na historia ocupáronse con tanto detalle e de forma tan intencionada de crear unha imaxinería que deixa ao espectador conmocionado na súa butaca. A clave está sen dúbida en que The night of the hunter fusiona a pracer elementos estéticos e puramente emocionais, xogando cos nosos sentimentos máis primarios como só pasaba nas mellores obras de Frank Capra. É moi representativa toda a secuencia do río, chea de imaxes fortemente simbólicas. Os nenos foxen do predicador encarnado por Robert Mitchum, que evoca nos seus esaxerados movementos ao mesmísimo monstro de Frankenstein; esa persecución ten un ritmo moi vivo, pero no momento en que os cativos chegan ao río o tempo ralentízase e alcánzanse intres de absoluta paz, reforzada pola voz que entoa unha canción infantil. Ao longo dese abraiante paseo en barca iremos vendo en primeiro plano ras, tartarugas, lebres ou mouchos, que converten cada plano nunha imaxe dun libro infantil, no punto intermedio entre a inocencia e a perversidade. Cando finalmente paran nunha casa na beira do río dentro da cal óese a unha nai cantando unha nana para o seu fillo a emoción desbórdase definitivamente. A casa é unha simple forma recortada e nela non vemos máis que a sombra dunha gaiola que contén un paxaro. Confeso a miña absoluta incapacidade para ver ese momento sen chorar.
The night of the hunter xoga constantemente coa idea do enfrontamento entre o mal absoluto e a sufrida bondade. Robert Mitchum é a encarnación física da corrupción moral, sen ningunha clase de matices, pero a poderosa presenza do xenial actor, que gozou abondo co seu personaxe, fai del un ser maliciosamente atractivo. Enfronte está Lillian Gish, figura maternal á que é imposíbel resistirse; é unha árbore firme con ramas para moitos paxaros, bondadosa e cunha inacabábel capacidade de entrega. O personaxe de Shelley Winters, pola contra, carece de vontade e niso radica a súa perdición. O plano do seu asasinato é fermoso, xeométrico e abstracto, aínda que sen discusión é preferíbel a belísima imaxe do seu corpo no coche baixo o río, quizá o momento estéticamente máis deslumbrante de toda a metraxe. Nada disto funcionaría sen o excepcional traballo fotográfico de Stanley Cortez, que arrinca ao branco e negro todas as súas posibilidades.
É fundamental nesta película a banda sonora, repleta de cantos infantís e relixiosos que engaden poder alegórico á fita. A música de Walter Schumann é evocadora e potente e subliña con exquisitez os momentos máis emotivos. Non podo esquecer aos dous nenos protagonistas, Billy Chapin e Sally Jean Bruce, de cuxa actuación ocupouse especialmente Robert Mitchum dada a escasa capacidade manifestada a ese respecto polo director. Transmiten á perfección todas as emocións, case sempre interiorizadas, dos seus personaxes.
Pouco máis queda por dicir. Só me resta recoñecer que esta é a película que eu prefiro entre todas cantas se rodaron. Iso, e renderme unha vez máis á súa escena final, con ese monólogo memorábel de Lillian Gish mirando a cámara mentres prepara a comida e reparte os agasallos de Nadal.
Lord, save little children. You'd think the world would be ashamed to name such a day as Christmas for one of them and then go on in the same old way. My soul is humble when I see the way little ones accept their lot. Lord, save little children. The wind blows and the rain's a-cold. Yet they abide...