Facer festivais de cine en Galicia é fácil

31 Agosto, 2010 (20:25) | Ciencia, Cinema, Divulgación, Festivais, Xornal de Galicia

A rúa da Coruña na que vivo, noutrora chamada Avenida Francisco Ferrer e hoxe –igual que hai sete décadas– coñecida polo nome que lle puxo a ditadura franquista, leva un par de meses en obras. Cando rematen quedará máis bonita, con máis superficie para pasear, algúns bancos e mesmo árbores, supoño que poucas e fracas tal e como nesta cidade adoita ser común. A foto que ilustra este artigo foi tomada na entrada principal do Fórum Metropolitano, o centro cívico do barrio, que estivo a experimentar importantes reformas durante o verán. Non deixa de ser curioso que o espazo físico que me rodea estea en obras porque eu mesmo, por razóns persoais e profesionais, tamén o estou.

Está en obras Le Pourquoi Pas, unha editorial de divulgación científica que puxo en marcha en 2007 un bo amigo, Julio Casal, e á cal estou vencellado desde o principio. Despois de termos publicado catro libros e dúas guías do ceo, a un ritmo ben máis baixo do que inicialmente imaxinabamos, e de ir aprendendo en carne propia algúns pros e contras do fermoso oficio da edición, do que son mestres xente benquerida coma Manuel Bragado ou Nacho Chao, decidimos que chegara o momento de dar pasos máis valentes, de facer que as cousas acontezan en vez de preguntarnos se será posíbel que acontezan. Na altura do mes de decembro teremos dous novos libros nas tendas, un deles escrito por un gran científico galego que fai boa ciencia e é quen de contala aínda mellor.

Igualmente en obras, pendente apenas dos últimos retoques, está a Mostra de Ciencia e Cinema, unha criatura que inventamos na Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e de cuxa programación son responsábel guiado por dous principios básicos de actuación. Un, que non serve de nada queixarse polos recursos que non se teñen, e que hai que tirar o máximo partido posíbel dos medios de que se dispón, sexan os que sexan. Dous, que non hai éxito sen risco, e que a obriga dun programador é mirar moito (e mirar sen medo) na procura de obras que doutra maneira ficarían fóra do alcance da maior parte das persoas, persoas coas que queremos compartir aquilo que nos gusta. Non hai boa programación se non crea espectadores, se non forma novas miradas, e por iso o debate non debería estar en se hai moitos festivais de cinema, senón en se os que hai serven para algo. E créanme, organizar festivais en Galicia é moi doado: hai infinidade de obras interesantes que en condicións normais non chegan nunca a estrearse, así que a pouco que un se esforce atopará material de sobra para elixir. Mesmo nun ámbito tan específico coma o da mostra é sinxelo armar un programa como mínimo xeitoso, e apuntarnos tantos como o de traer en 2009 a Barbara Hammer, magnífica e insuficientemente recoñecida cineasta da que falará o ano que vén a conta da retrospectiva que lle dedicará o Reina Sofía a mesma prensa que a ignorou durante a súa estadía na Coruña. A min sempre me quedará a ledicia das horas compartidas con ela e o recordo da estimulante conferencia que impartiu, na que a cuarta parte do público eran alumnas do obradoiro de cinema que desde hai ano e medio imparto no xa citado Fórum –e que quizá non saben que aprendo tanto con elas como elas comigo–.

Este ano teremos outros dous convidados de luxo: Lucien Castaing-Taylor, do Departamento de Antropoloxía Visual da Universidade de Harvard, e a súa compañeira Ilisa Barbash, do Peabody Museum, autores dun fermoso docu-western, Sweetgrass, que prepararon para nós unha pequena escolma de filmes nacidos ao abeiro do prestixioso Film Study Center. Iso será a finais de outubro, do luns 25 ao sábado 30; e despois virá novembro, e con el Cineuropa en Santiago, e por aí andarei tamén, atendendo o convite que me fixo José Luis Losa para (pre)ocuparme da sección galega do certame.

Outro proxecto en construción é Zeitun Films, a produtora que crearon hai uns meses os irmáns Laxe, Oliver e Felipe, e que polo de agora é o último tren ao que me subín en marcha. Nesta viaxe, que tivo como primeira parada o Festival de Cannes, fica case todo por facer: aínda estamos a tempo de equivocarnos moitas veces. Posto que a mellor maneira de non equivocarse é non intentar nada que non fixeran outros, benvidos sexan os erros: cómpre non seguir as indicacións dos mapas para atopar vieiros alternativos. Aquí até agora case todos os camiños levaban a San Marcos; hai outros, e levan máis lonxe. Camiñando por eles, como deixou dito Werner Herzog, quizais algún día poidamos voar.

Artigo publicado en Xornal de Galicia o domingo 29 de agosto de 2010

Comentarios

Comment from ghanito
Date: 23 Setembro 2010, 6:21 a.m.

Sorte, en todo, sempre!