Amarga victoria

11 Agosto, 2010 (11:33) | Cinema, Filmes, Obituarios

Teño unha memoria moi boa para lembrar aspectos e detalles moi precisos arredor de certos acontecementos, mesmo algúns sen aparente importancia. Por exemplo, gardo recordo claro de con que persoas e en que circunstancias vin determinados filmes (e como poden imaxinar xa levo ás costas moitos). O capital Juventude em marcha vino en Xixón con Marta Gómez, e logo outras dúas veces no CGAI na compaña de Susana e Paula, que nunca me perdoará que lle recomendara Funny games. Revisei La hamaca paraguaya de Paz Encina con Xabier P. Docampo, uns meses despois de saber dela no Indielisboa, o mesmo espazo onde me marabillei con Profit motive and the whispering wind de John Gianvito xunto a Daniel, un enxeñeiro lugués que coñecín á saída de En la ciudad de Sylvia. Manu Yáñez e máis eu ficamos fascinados por Lunch break de Sharon Lockhart ao mesmo tempo. Do meu admirado James Benning vin Ruhr con Peter Taylor e Ten skies con Oliver Laxe. Con el e co seu irmán Felipe Yuki & Nina, aínda que eles non gostaron nada deste filme balsámico, que fala de curar feridas. A última de Mahamat Saleh-Haroun, Un homme qui crie, en Cannes a carón de Ilse Houghan e Luís Miñarro, poucas horas antes de se converter nun produtor con Palma de Ouro. Miñarro dirixiu Blowhorn, que vin en Xixón con Javier Rebollo e Lola F. Mayo, igual que La pivellina. Con Juan Zapater e Blanca Oria vin moreas de películas en Donostia, as máis delas ben fracas, mais tamén houbo unha obra mestra: Bamako de Abderrahmane Sissako. Imma Merino e máis eu saímos moi contentos do Kursaal despois da proxección de La belle personne, que en xeral non provocara grandes entusiasmos. Con Fanny Brice cantei polo baixo o Tonight de West side story desde a primeira fila dunha das salas dos Cines Príncipe. Compartín moitas sesións con José Luis Losa, aínda que raras veces sentado con el, como si sucedeu no Teatro Principal donostiarra nun pase matutino de Batalla en el cielo. E con Ángel Santos, habitual dos festivais de Xixón e Pamplona, e Gonzalo de Pedro, Elena Oroz, Jaime Pena, José Manuel Sande…

Curiosamente non fun nunca ao cinema coa miña nai, nin sequera de cativo, aínda que si compartimos moitos filmes pola televisión. Recordo na miña mocidade un ciclo Bette Davis os sábados pola tarde en TVE; aínda hoxe é a miña actriz favorita, xunto a Lillian Gish. Os meus irmáns maiores xa traballaban e desas horas na casa só quedabamos miña nai e máis eu. Algúns títulos xa os coñecía, caso de The little foxes; outros descubrinos naquel momento e deixáronme marcado. Imposíbel esquecer o elegante final dun melodrama contundente, Dark victory.

Dark Victory

Nesa precoz cinefilia contei coa súa complicidade. Os sábados e os domingos erguíame ás sete ou sete e media da mañá para ver películas en televisión, cun catálogo moi variado no que collía tanto unha comedia romántica a maior gloria de Ginger Rogers, In person, coma unha deliciosa alfaia de Tay Garnett, Joy of living, e tamén obras fundamentais desas que che cambian para sempre: Vivir de Akira Kurosawa, Contos de Tokyo de Yasujiro Ozu ou Os amantes crucificados de Kenji Mizoguchi. Algúns días contra o final dos filmes a miña nai aparecía pola sala coa bandexa do almorzo, antes de baixar á compra. Non se podía pedir máis!

chimakatsu

O venres 6 de agosto de 2010 morreu a miña nai; a súa saúde, menos fráxil do que ela afirmaba, veuse abaixo cunha rapidez sorprendente e deu paso a unha agonía de tres semanas. Foron días complicados e nalgún momento cheguei a dubidar dos recordos que me quedarían dela: pensei que os malos terían prioridade. Decateime de que non sucedería iso esa mesma noite, ao volver á casa despois de pasar a tarde no tanatorio, cando me viñeron á cabeza estas imaxes en branco e negro, ou a miña primeira viaxe a Portugal, no bacharelato, coa autorización que ela tivo que pedir na comisaría de policía para permitir que un menor cruzase a fronteira (o feito de que miña nai se puidera desenvolver soa pola cidade con plena autonomía esmorecería aos poucos anos, tras os primeiros achaques). E o nacemento dun dos meus sobriños, David; pola madrugada ela veume despertar para que a acompañase ao Materno e alí botamos a noite enteira, de palique, esperando por un neno que aínda tardaría outras dez horas en vir ao mundo. É imprevisíbel a memoria; non temos maneira de controlala. Mellor así.

Comentarios

Comment from ifrit
Date: 11 Agosto 2010, 2:46 p.m.

Unha forte aperta.

Comment from Modesto
Date: 11 Agosto 2010, 5:29 p.m.

As miñas condolencias e moito ánimo.

Comment from Mari
Date: 11 Agosto 2010, 6:58 p.m.

no lo sabía…cuanto lo siento y más no haberte dado un abrazo.

Comment from foucinhos
Date: 11 Agosto 2010, 8:01 p.m.

As veces a memoria agóchase entre os sentimentos, mergullada, e como os sentimentos son tan fortes semella esquecida. Pero un día, sen contalo, rebuscando nun caixón ou no fondo dun armario aperecen… non perda coidado.

Comment from Lizgairo
Date: 12 Agosto 2010, 12:42 p.m.

Eu sí fun moito ao cinema coa miña nai. eran outros tempos. Tamén ela tivo de firmarme a autorización para enttrar en Portugal con un pase de 48 horas. Braga foi o mais lonxe que cheguei
Unha forte aperta. Oxalá manteña sempre a sua lembranza.

Comment from Herr Graf Ferdinand Von Galitzien
Date: 15 Agosto 2010, 1:26 a.m.

Mein lieber Freund Martin:

Unser tiefstes Beileid… As máis sinceiras e aristocráticas condoléncias, Herr Pawley.

Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

Comment from Xoán
Date: 16 Agosto 2010, 2:46 a.m.

Non o sabía. Síntoo moito. Unha forte aperta

Comment from Dores
Date: 16 Agosto 2010, 12:54 p.m.

Moitos ánimos e apertas fortes!

Comment from Dores
Date: 16 Agosto 2010, 1:11 p.m.

Ah! Eu si que vivín esa marabillosa experiencia de ir ao cine con ela pero … títulos inconfesables!!!

Comment from teresaml
Date: 18 Agosto 2010, 6:49 p.m.

Lembro sentir algo semellante cando morreron as miñas avoas: a sensación de que esa última etapa das súas vidas prevalecería sobre todo o demais. No caso dunha delas non pasou de aí, dunha sensación. No caso da outra levou algo máis pero en calquera caso o tempo proporciona a perspectiva necesaria e gardo dela imaxes que sempre me devolven o sorriso.
Unha aperta moi grande e moito ánimo.

Comment from ghanito
Date: 24 Agosto 2010, 12:07 a.m.

Eu era mais optimista ca ti co das lembranzas. Non podía ser doutro xeito.

Unha aperta.