Nada novo

21 Marzo, 2010 (22:58) | Sen clasificar

A Ley General de la Comunicación Audiovisual (PDF, 699 KB) responde a dúas necesidades: achegar a normativa aos tempos que corren, marcados pola substitución da tecnoloxía analóxica pola dixital e a consecuente multiplicación da oferta en radio, televisión e Internet coa certeza de que o importante son os contidos e non o sistema que nolos trae ou o aparello a través do cal os consumimos; e crear un marco xeral completo que acabe coa dispersión e os ocos lexislativos dun regulamento cheo de parches, coa pretensión declarada de “dar seguridade xurídica á industria e posibilitar a creación de grupos empresariais capaces de competir no mercado europeo”.

Máis alá das declaracións que a Lei fai en favor do pluralismo ideolóxico, político, cultural e lingüístico e contra toda sorte de discriminación e incitación ao odio -que a programación diaria das diferentes plataformas se esforzará en esquecer-, o que importa dela na práctica son as normas de funcionamento cotiá referidas á protección dos menores, a promoción de contidos accesíbeis para persoas con discapacidade, a fixación de tempos máximos de publicidade (doce minutos por hora), a definición dos acontecementos “de interese xeral”, todos eles deportivos e precisados até extremos ridículos (Roland Garros si, Wimbledon non), a obriga (ma non troppo) de investir na produción de películas cinematográficas ou os límites á participación en máis dunha empresa audiovisual. Nada novo, en suma; o que se pretende é simplemente pasar a limpo o que xa había para poñer en orde o escenario no que operan os grandes “filántropos” da comunicación.

Artigo publicado no número de marzo de 2010 da revista Tempos Novos