Cinema no Fórum: Retallos de muller

4 Marzo, 2010 (18:30) | Sen clasificar

A finais de febreiro a University of Southern California presentou un estudo sobre a presenza de personaxes femininas no cinema actual, cuns resultados tan demoledores como previsíbeis. O equipo liderado pola profesora Stacy L. Smith colleu como referencia os cen filmes de máis éxito de 2007 -o ano de Spider-Man 3, No country for old men ou There will be blood– para descubrir que non só o equipo creativo que hai detrás deles é maioritariamente masculino (o 83% dos directores, guionistas e produtores son homes), senón que dos 4379 personaxes con frase que hai neses filmes só o 29,9% eran mulleres.

A proporción cambia radicalmente cando as mulleres teñen un papel destacado na produción do filme. Nas películas dirixidas ou co-dirixidas por unha muller a porcentaxe de actrices medra quince puntos até acadar un 44,6%; un dato non concluínte por seren contados os exemplos de películas de directoras que acadan un percorrido exitoso nas billeteiras (só tres nesa serie de cen), mais que coincide co resultado dun informe anterior elaborado polo mesmo equipo de investigadores que revisaba as películas candidatas ao Oscar no período 1977-2006. O progreso percíbese tamén nos casos de mulleres guionistas (a porcentaxe de personaxes femininas avanza case sete puntos, até un 34,9%) e produtoras (un 30,8% de actrices fronte ao 26,4% das películas producidas por homes).

A cuestión da representación da muller na pantalla chegou polas mesmas datas ás Nacións Unidas dentro dos debates a prol da igualdade de xénero, un dos “obxectivos do milenio”. Nunha sesión especial tomou a palabra a actriz Geena Davis, impulsora dun instituto de análise sobre os xéneros nos medios de comunicación, que denunciou os tópicos e a visión hipersexualizada da muller no cinema actual. Informes elaborados no seu instituto proban que non houbo cambios esenciais co andar do tempo: a proporción típica é unha muller en pantalla por cada tres homes ao longo dos últimos sesenta anos, un ratio que aínda empeora nas escenas de masas (até cinco homes por cada muller).

Con estes datos calquera esforzo en favor da visibilidade segue a ser extremadamente pertinente. Esa é a intención do Fórum Metropolitano ao presentar un ano máis o ciclo Retallos de Muller, con catro filmes que ofrecen unha mirada afastada de estereotipos.

Sala Marilyn Monroe
Xoves 4, venres 5 e sábado 6: A voda de Tuya (Quanan Wang, 2006)
Xoves 11, venres 12 e sábado 13: Wolke 9 (Andreas Dresen, 2008)
Xoves 18, venres 19 e sábado 20: The princess of Nebraska (Wayne Wang, 2007)
Xoves 25, venres 26 e sábado 27: Calle Santa Fe (Carmen Castillo, 2007)