Agustín, Xabier

12 Febreiro, 2010 (11:53) | Sen clasificar

Ao abeiro do I Congreso Iberoamericano de Lingua e Literatura Infantil e Xuvenil que se desenvolverá en Chile a finais de mes un grupo de expertos acordou algo que eu xa sabía: que a obra de Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo forma parte do canon imprescindíbel da literatura para nenos e mozos feita no século XX en España. Dos once títulos destacados dous son deles; unha proporción que non parece a esperábel nun sistema literario “ensimesmado e acomplexado”, os desafortunados adxectivos que perseguirán mentres siga no cargo ao conselleiro imprudente e pouco diplomático que os soltou. Os libros elixidos son os máis célebres, Contos por palabras e Cando petan na porta pola noite; mais teño para min que podería valer calquera outro: dunha banda Bolboretas, Víchela, víchela? ou O libro das viaxes imaxinarias no caso de Xabier, e da outra O único que queda é o amor, o recentísimo Valados ou mesmo Fantasmas de luz, a vindeira novela do mestre vilalbés, unha lección de amor ao cinema e de amor á vida.

Na listaxe de referencias que cita a miúdo Agustín hai un filme que eu detesto, A vida é bela. O curioso é que ese filme de Roberto Benigni inaugurou a miña amizade con Xabier, que ten un punto de inicio ben concreto: a mañá do domingo 21 de marzo de 1999, unhas horas antes de que o histrión italiano acadase a súa consagración con dous Oscars desmedidos. Desde aquel día e ao longo destes case once anos Xabier e máis eu compartimos infinidade de cafés, libros e películas, un feito favorecido pola nosa condición de veciños.

A miña relación con Agustín é cento sesenta kilómetros menos fluída, mais igual de intensa e emocionante. A falta de cafés houbo un feixe de correos electrónicos e chamadas de teléfono. De maneira moi especial lembro as ocasións que falamos el desde Vigo e eu en Xixón, no seu para min xa irrenunciábel festival de cinema. Cantas veces lle dixen a Agustín que algún ano quería velo no festival, paseando pola cidade que marcou a súa adolescencia, a cidade na que agromou de verdade a súa cinefilia?

Agustín, Xabier: sinto coma un privilexio cada minuto que pasei con vós os dous, e os que seguirei pasando no futuro. E aínda que sei que ningunha cousa que diga estará nunca á altura da vosa xenerosidade, do voso mérito como escritores e do voso compromiso co país e coa lingua, non por iso vou deixar de intentalo.

Texto publicado na portada de Blogaliza

Comentarios

Pingback from Sinais de vida » Blog Archive » Agustín Fernández Paz, Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil
Date: 13 Setembro 2011, 12:07 a.m.

[…] son xente que non cansa nunca, que non se resigna, que se nega a vivir sen esperanza. Para min Agustín e Xabier son a principal razón -estou por dicir a única- pola cal sigo convencido de que existe algo que […]

Pingback from Agustín Fernández Paz, Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil |
Date: 2 Decembro 2011, 1:09 p.m.

[…] outros disimulan. Admíroos porque son xente que non cansa nunca, que non se resigna; para min Agustín e Xabier son a principal razón -estou por dicir a única- pola cal sigo convencido de que existe algo que […]