Eric Rohmer

13 Xaneiro, 2010 (15:00) | Cinema, Directores, Obituarios

Manolo González, director da Axencia Audiovisual Galega mentres existiu, afirmaba onte que para el o mundo se dividía entre os que amaban a Rohmer e os que o detestaban. Sorprendeume moito lerlle tal frase porque se hai un director cuxa obra dificilmente pode producir animadversións furibundas ese é Eric Rohmer, o alcume co que pasou á historia Jean-Marie Maurice Scherer. Pode gustar máis ou menos, mesmo pode gustar inspirando sentimento de culpa, como confesaba neste mesmo xornal Iago Martínez, incapaz de explicar a súa debilidade pol’A miña noite con Maud; mais odio, o que se di odio, é algo que non pode nacer dun cinema, o de Rohmer, que puxo moito esforzo en non ferir, en non facerse notar. Así xurdiron as súas imaxes limpas e cálidas, sempre afastadas de calquera trampa exhibicionista, sempre empeñadas en eliminar “toda sorte de alardes técnicos innecesarios ou demasiado visíbeis”, como dicía en 2007 a conta do seu xa derradeiro filme, O romance de Astrea e Celadón.

A volta a unha “simplicidade antiga” seguramente era unha esixencia daquel relato cheo de sensualidade e hedonismo ambientado na Galia do século V, mais a simplicidade é realmente unha virtude esencial de toda a súa carreira, longa e coherente como poucas. Para describir os seus case sesenta anos de traballo ininterrompido como director hai que recorrer a unha serie de etiquetas inevitábeis. A sobriedade, por exemplo. O gusto polo cotián, polas experiencias comúns, aparentemente intranscendentes; por un certo naturalismo que non consiste, claro que non, en pousar a cámara e filmar o que pasa diante, pois o que verdadeiramente interesa é capturar “non os acontecementos como tales, senón o relato que alguén fai deles”. O diálogo, alicerce dunhas secuencias que ás veces quedaban totalmente en mans duns actores e actrices (profesionais ou non) aos que deixaba improvisar as conversas, como fixo n’O raio verde. A literatura, fundamental nun home que de cando en cando escapaba do seu tempo con personalísimas adaptacións como Percival o galo, A marquesa de O, Triple axente ou A inglesa e o duque, na que experimentou coas imaxes dixitais demostrando que manterse fiel a un estilo non é o mesmo que ficar ancorado no inmobilismo. O amor e a fidelidade, temas constantes do seu cinema e sempre tratados con sutileza e elegancia.

É por iso que os seus filmes resultan tan acolledores. A exquisita sensibilidade que deitou Eric Rohmer nos seus fotogramas é a razón que explica que dentro deles o espectador se sinta a gusto. Como se estivese entre amigos. En parte é así: está entre amigos. Os personaxes de Rohmer -os que poboan os seus ciclos emblemáticos, os Contos morais, as Comedias e proverbios ou os Contos das catro estacións- sentímolos cercanos porque son donos das nosas mesmas paixóns, medos, ilusións e covardías. A diferenza é que nas nosas vidas non temos a beleza morna das súas composicións, as cores coidadosamente elixidas e recreadas polo mestre. O que nos falta é a luz das súas películas.

Publicado o mércores 13 de xaneiro en Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comentarios

Comment from AZN
Date: 14 Xaneiro 2010, 12:21 a.m.

Excelente artigo, Martin.
Por que?
Tal vez por dar unha luva suave e reversíbel. Ben tallado!

Pingback from maribelúbeda en escaladegrises » Arquivo do blogue » …”sin título”…(anónimo)
Date: 15 Xaneiro 2010, 11:56 a.m.

[...] consecutivas de dos de mis grandes ídolos: Iván Zulueta (Arrebato, una de mis pelis preferidas) y E. Rohmer…(marcó un antes y un después en mi concepción de qué es o puede ser una película…ahí es [...]

Olark Livehelp