Cinema no Fórum: Alén mar

10 Xaneiro, 2010 (00:27) | Sen clasificar

A América Latina é desde hai anos un dos focos de interese prioritario da programación cinematográfica do Fórum Metropolitano, e así o demostra unha vez máis a Sala Marilyn Monroe este mes de xaneiro co ciclo Alén mar. A primeira escala desta viaxe transoceánica lévanos a Uruguai co filme Gigante, dirixido por Adrián Biniez e gañador do Gran Premio do Xurado no Festival de Berlín de 2009. O austero e conmovedor relato do (enorme) garda de seguridade namorado dunha limpadora é o penúltimo froito de Control Z, unha pequena e modélica produtora que conta no seu historial con media ducia de películas de amplo percorrido internacional, como La perrera ou Acné, sen esquecer as dúas películas da parella creativa que formaron Pablo Stoll e o prematuramente desaparecido Juan Pablo Rebella, 25 watts e a extraordinaria Whisky, un dos títulos de referencia da última década.

Despois de dirixir a prescindíbel Un año sin amor, a bonaerense Anahí Berneri presentou no Festival de Donostia de 2007 a maxistral Encarnación, con Silvia Pérez na pel da súa impagábel protagonista, Erni Levier, unha starlette cuxo mellor momento xa pasou. Á espera de que lle cheguen bos papeis traballa facendo anuncios publicitarios e promociónase en Internet co desexo de manterse en activo. Ernie recibe o convite para asistir á festa de aniversario da súa sobriña Ana, feito que a obriga a regresar á súa vila natal para reencontrarse cunha familia conservadora que despreza o seu modo de vida. A relación entre Ernie e Ana, unha adolescente fascinada polo glamour que cre ver na profesión e actitude da súa tía, é o eixo desta alfaia a medio camiño entre a comedia e o drama na que Anahí e os seus coguionistas -entre eles, Sergio Wolf, actual director do BAFICI- acertaron a construír un dos retratos femininos máis potentes e menos convencionais do cinema recente.

Filla do director Luís Puenzo, o de Gringo viejo, Lucía Puenzo deuse a coñecer en todo o mundo con XXY, delicado e elegante retrato dunha adolescente hermafrodita (Inés Efron) que medrou cos seus pais (Ricardo Darín e Valeria Bertucelli) nunha cabana illada do mundo para manterse á marxe dos prexuízos sociais. Un filme exhibido e premiado na Semana da Crítica do Festival de Cannes 2007 e que acabou levando tamén o Goya ao mellor filme de fala hispana. Pecha o ciclo e o mes El Otro, de Ariel Rotter, Gran Premio do Xurado e Premio ao mellor actor (o excelente Julio Chávez) na Berlinale de 2007. Unha película minimalista cun protagonista en crise que decide suplantar a personalidade dun home morto na procura de novos camiños que lle axuden a entender o sentido da súa existencia.

Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano (A Coruña)
7, 8 e 9 de xaneiro: Gigante (Adrian Biniez, 2009)
14, 15 e 16 de xaneiro: Encarnación (Anahí Berneri, 2007)
21, 22 e 23 de xaneiro: XXY (Lucía Puenzo, 2007)
28, 29 e 30 de xaneiro: El otro (Ariel Rotter, 2007)