Festival de Xixón 2009: Mentiras e gordas

27 novembro, 2009 (11:08) | Cinema, Festivais, Política audiovisual, Xornal de Galicia

Polas diferentes seccións do festival hai varios filmes con comentario pendente, entre eles a primeira gran favorita para os premios, La pivellina, mais en verdade a actualidade das proxeccións ficou nun segundo plano trala feliz noticia que soubemos o martes pola noite: a decisión da Comisión Europea de tramitar de maneira ordinaria e non con carácter de urxencia a Orde Ministerial que desenvolve a Lei do Cinema. Unha orde cociñada por Ignasi Guardans coa intención confesa de reducir o número de producións españolas recortando por onde máis doe ao introducir como criterio esencial á hora de adxudicar subvencións o orzamento dos proxectos e deixar fóra das axudas automáticas aquelas que non son suficientemente caras segundo a mentalidade liberalona do ex-eurodeputado de CiU.

O problema é que na UE parecen ter claro que en favor da libre competencia a única xustificación para as axudas públicas son os criterios de corte cultural e non as razóns industriais, e dentro delas deben ser prioritarios os aspectos que admiten ser avaliados de maneira obxectiva. Disto pode falarlles moito e ben Manolo González, responsábel durante o bipartito da Axencia Audiovisual Galega, que tivo que negociar o modelo galego de subvencións practicamente liña a liña. Un amigo que participou nunha das comisións que valorou este ano proxectos para o AGADIC queixábase de que as bases eran tan ríxidas que apenas había espazo para desmarcarse delas e promover obras á marxe de que se axustasen ou non ao rigorosísimo mandato da Consellería, que premia as adaptacións literarias, as rodaxes en territorio europeo e a pertenza dos cineastas a calquera dos estados membros da UE. Un guión orixinal dun cineasta galego ambientado en Marrocos pode optar ás axudas, mais recibirá con seguridade menos puntos que unha adaptación dun conto de Rafael Dieste rodado en Berlín por unha directora francesa. Isto pode gustarnos máis ou menos, mais esa é a tendencia que impón a Comisión Europea e se é de obrigado cumprimento para as axudas ao audiovisual na Alemaña ou no noso país, tamén debe aterse a ela o Ministerio de Cultura español.

Mais no Ministerio actuaron con soberbia e con precipitación, como se ter anos de experiencia nos despachos de Bruxelas lle dese a calquera carta branca para facer o que lle pete. Ignasi Guardans e a ministra Ángeles González-Sinde cometeron a ousadía de publicar a orde sen agardar polo visto e prace comunitario, e agora fican sen marco legal de ningunha clase para convocar subvencións, cousa que pon dos nervos a xente como Gerardo Herrero, que nunhas obscenas declaracións a El País -matizadas e corrixidas ao longo da tarde, mais sen mudar o esencial do seu discurso- califica de idiotas a “algúns” dos Cineastas contra la Orden, plataforma de cidadáns que se opoñen a esta demencial reforma, moitos dos cales -e reproduzo textualmente as súas palabras- “lo único que saben es chupar del bote y hacer películas que no interesan a nadie”. Por se non o sabían, quen di iso é un produtor cuxas longametraxes recibiron millón e medio de euros do goberno galego entre 2000 e 2006.

Publicado o xoves 26 de novembro en Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Comentarios

Comment de marcosnine
Data: 27 novembro 2009, 4:30 pm

Resulta totalmente obsceno que se culpe dunha decisión tomada en Bruxelas a un colectivo que desde o inicio o que fixo foi manifestar a súa opinión.
É mais aínda que desde tódolos medios de comunicación se diga que quenes representan a este sector e os que defenden o interese xeral son “exclusivamente” os productores.
Que pasa cos miles de persoas que viven do cine sen ser productores? Non teñen dereito a abrir a boca? Pódese admitir que quenes poidan decidir cara onde vai o futuro dunha industria sexan unicamente un colectivo?

Escribe un comentario