Consello da Cultura Galega: Proposta institucional sobre a lingua galega ao Parlamento de Galicia
"O debate sobre as linguas en Galicia foise intensificando nos últimos anos e acabou derivando nunha controversia política e social envolveita nunha excesiva virulencia, e polo mesmo, ao noso entender, seriamente prexudicial para os intereses xerais do país. Sen dúbida, as discusións públicas son benvidas, como síntoma tanto da vitalidade da nosa democracia canto da preocupación, amplamente espallada na nosa sociedade, sobre os camiños máis acaídos para ordenar a nosa convivencia, procurando un estatus de normalidade á lingua propia de Galicia, sen mingua dos dereitos dos cidadáns e cidadás que teñen como lingua habitual o castelán.
O que resulta negativo e ata pernicioso para o clima social, e particularmente para o idioma galego, é que os ditos debates dexeneren en polémicas irracionais, nas cales se chegan a poñer en cuestión as bases sobre as que se sustenta a nosa identidade e cohesión social, e incluso a propia lexitimidade das políticas de promoción do galego. En concreto, a asociación entre o idioma galego e a imposición, dunha banda, e o idioma castelán e a liberdade, da outra, resulta unha groseira falsificación da realidade que carece de toda base na historia, remota e recente, do noso país.
Estamos cabalmente convencidos de que o obxectivo de arranxar unha organización equitativa da nosa convivencia lingüística, claramente sinalado na nosa lexislación, non só é compatible cun esforzo sostido a prol da promoción do idioma galego como lingua propia de Galicia (tal como sinala o Estatuto de Autonomía), senón que o esixe, pois esta (a lingua galega) precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe, resultado do maltrato que recibiu no pasado. Aínda máis, temos a certeza de que a convivencia das dúas linguas oficiais de Galicia, galego e castelán, non é unha fonte de problemas e complicacións, senón un potencial de fortaleza e de riqueza da nosa sociedade.
O galego e o castelán son recursos valiosísimos para Galicia, e a igualdade plena entre eles constitúe un reto de futuro que debemos saber afrontar. Un reto inseparable da necesaria capacitación da poboación galega en linguas de difusión internacional, nomeadamente o inglés e o portugués, isto é, na difusión da competencia plurilingüe que vén esixida polas novas tendencias do mundo contemporáneo.
O documento completo, aquí. Tamén o podedes descargar na web do CCG.














Escribe un comentario