Carlos Luís Rodríguez contra Carlos Callón
Acabo de ver a estarrecedora entrevista perpetrada o pasado luns por Carlos Luís Rodríguez contra Carlos Callón. Sentín vergoña; vergoña polo preguntador, claro está. O que fixo Carlos Luis Rodríguez é a negación do xornalismo, un atentado contra os principios elementais que deberan guiar unha televisión pública. Non lle nego a Carlos o seu dereito a exercer a profesión xornalística como mellor lle pete, nin lle nego o dereito (e mesmo a utilidade) de amosar contra Callón (dixen ben: "contra", non "con") un estilo duro e agresivo en lugar da xenerosa brandura que a outros lle dedica este homiño que sabe ben a quen lle reparte a pólvora e a quen as magnolias; o que me parece indignante é a súa pésima educación, o seu empeño ao longo de dez minutos de conversa por non deixar falar ao seu interlocutor, por dispararlle frases estúpidas sen outorgarlle o máis elemental dereito de réplica. Nun medio público debe haber espazo para todas as opinións que cumplan uns requisitos elementais; mais ceder espazo é moito máis que poñerlles unhas cadeiras aos convidados e darlles unha garrafiña de auga para que non pasen sede. É preciso permitir que se expresen con liberdade, que teñan un tempo razoábel para expresaren as súas ideas cunha mínima argumentación. Que haxa comunicación, en suma: que un fale e o outro escoite a súa mensaxe, e logo que discutan o que for preciso. O luns Carlos Luís Rodríguez substituiu o partido de tenis dialéctico polo tiro con arco: o único que importaba era o ruído das frechas. Gañou Carlos Callón, que exerceu con abraiante serenidade de diana. Agardo que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tamén se pronuncie, e con razón, sobre este tema: o honor da profesión queda máis lixado polo mal comportamento dun dos membros da tribo que polos berros dun manifestante airado.
Comentarios
Comment de albixoi
Data: 21 outubro 2009, 9:16 am
A entrevista do luns debería pasar aos anais dos métodos interrogatorios goelbelsianos. CLR cesamento.
Comment de mariveh
Data: 21 outubro 2009, 9:47 am
Carlos Luís Rodríguez parecía moi imiparcial…non me parece un presentador, senon un tertuliano mais…Non era o seu posto, dende logo…Un “presentador” debe ser invisibel, non?. Iso si…elevó a temperatura da entrevista…querrán mais cuotas de pantallazo??
Comment de X.L.
Data: 21 outubro 2009, 10:16 am
Dase o paradoxo de que este señor (Carlos Luís Rodríguez) que amosa tal agrasividade contra o galego e os que o defenden coherentemente está tamén nese grupiño (reducido) de persoas ( presentadores, tertulianos, etc) que máis proveito tira do seu uso público. A TVG paga moi ben estes traballiños.
Comment de Alfredo Ferreiro
Data: 21 outubro 2009, 10:45 am
Supoño que se un entrevistado lle dixese ao CLR que se deixe de falar galego na tele, que sabemos de toda a vida da súa galegofobia, etc… quedaría de pedra ou caería da mesa. Por que un xornalista pode atacar persoalmente e non ser contestado na mesma?
Comment de Cesare
Data: 21 outubro 2009, 10:57 am
Completamente en desacordo. Teño que recoñecer que non a vin de forma sistemática, pero os trozos que vin foron dunha entrevista agresiva e correcta. Entendo que iso sexa sorprendente nun sitio onde as entrevistas son substitutos de discursos, feitas ad maiorem gloriam do entrevistado, pero este, este é o camiño.
A entrevista comeza cando o entrevistador lle pregunta a Callón se cre que o número de manifestantes é importante na toma de decisións dun goberno, e que pense na mani do aborto. E que contesta Callón? Nada. Sae pola tanxente.
O que tería que ter feito o entrevistador é o mesmo que se fai nesta illa na que vivo: “señor entrevistado, é a terceira vez que lle pregunto o mesmo e a terceira vez que non me responde. Á seguinte aquí se acaba a entrevista”.
O que hai que protestar son as outras 99.999 entrevistas da televisión pública. Non esta.
Comment de Grial
Data: 21 outubro 2009, 11:30 am
Don Cesare, estou dacordo con vostede en case todo. A única pega é que o entrevistado non deixa contestar.
Comment de Cabanas
Data: 21 outubro 2009, 12:23 pm
Para min Carlos Luís Rodríguez só merece un nome: pluma mercenaria
Comment de forxas
Data: 21 outubro 2009, 12:35 pm
O CLR fixo exercizo estilístico na Voz. Alén diso, a entrevista contrasta co habitual tono miñaxoia que emprega a TVG conoutros persoeiros. A asimetria recorda a empregada por Gabilondo e J.Cruz noutros intres.
Comment de forxas
Data: 21 outubro 2009, 12:36 pm
O CLR fixo exercizo estilístico na Voz. Alén diso, a entrevista contrasta co habitual tono miñaxoia que emprega a TVG conoutros persoeiros. A asimetria lembra a empregada por Gabilondo e J.Cruz noutros intres.
Comment de Chousa da Alcandra
Data: 21 outubro 2009, 2:08 pm
Unha auténtica vergoña. Cóstame dar asimilado que un profesional do xornalismo (ou de calquera outro eido) se preste a este tipo de barbaridades. O malo de todo isto é que estes métodos calan en certos sectores sociais e obteñen resultados. O poder mediático xa se sabe…
Comment de berto
Data: 21 outubro 2009, 2:24 pm
Cesare, simplemente me parece unha provocación a súa. Se ben comparto que unha entrevista non pode ser un camiño de rosas para un entrevistado, sobre todo cando non é unha entrevista de perfil senón sobre temas sociais e políticos, deberías ter en conta os antecedentes do propio programa e o contexto. O CLR non entrevistou ninguén desta maneira, evidencia o seu posicionamento nun programa que se presenta na súa web como plural e abertoa todas as posicións, etc. valoro o seu papel como provocador en múltiples ocasións, nestas penso que só quere provocar por provocar.
Comment de Sergio
Data: 21 outubro 2009, 2:40 pm
O tema do aborto e da pirula postcoital na TVG xa cheira, ata o meten na entrevista a Carlos Callón. Ás veces pregúntome se estou a ver a TVG ou a televisión estatal rusa. Paréceme moi ben que o Colexio de Xornalistas proteste por \intimidacións\ aos xornalistas da TVG na manifestación do domingo, pero tamén deberían protestar polo emprego con fins partidistas da televisión que pagamos TODOS os galeg@s (exemplo: debates do Bos Dïas, Carlos Luís Rodríguez ou a cobertura da manifestación de \Queremos galego\). Iso si que debe de ser un escándalo nunha democracia moderna como debe ser a nosa.
PD: CLR=cipayo
Comment de Martin Pawley
Data: 21 outubro 2009, 3:04 pm
Cesare, contra a agresividade non teño nada, como pode comprobar lendo o meu post, se é que o entendeu; o que me parece avergoñante é, como di Grial, que nin sequera deixe tempo para contestar ao seu interlocutor. Non lle interesa un pemento a resposta, só a pregunta: a esa clase de entrevistas tamén estamos moi afeitos nesta parte do universo.
Comment de odemo
Data: 21 outubro 2009, 4:04 pm
Cesare, já sabemos que o seu papel de enfant terrible wannabe obriga a esse tipo de comentários, mas deveria meditar mais as suas imposturas disfarçadas de opinions heterodoxas.
Nada contra um jornalismo agressivo, que confronte o entrevistado com argumentos em contra e temas polémicos. Mas para realizar esse tipo de entrevista com dignidade é necessária umha qualidade ética é jornalística da que carece por completo CLR. Polo demais esse tipo de entrevistas só podem ser abordadas com credibilidade por entrevistadores que tenhem bem assentada a sua reputaçom, e que podem defender ante acusaçons de parcialidade. Mais umha vez CLR nom cumpre essa condiçom.
O vídeo mostra a um pseudojornalista dominado por umha mistura de nervos e pomposidade. De saber que “joga na casa” e que a sua labor será recompensada, sem nenhumha consequência negativa para a sua carreira dentro do ente público, mas também ultrapassado polos requisitos do seu rol. Nom pode fazer outra cousa que alçar a voz, interromper ao entrevistado, lançar sistemáticamente as mesmas perguntas vazias e acossar verbalmente. Porque lá é onde está a profunda diferença com umha entrevista agressiva: A incomodidade (ou reto) para o entrevistado tem que vir na natureza e conteúdo da entrevista, nom do tom da mesma.
Comment de Xosé M. González
Data: 21 outubro 2009, 4:22 pm
De calquera maneira: se o condutor do programa lle pregunta ao presidente da MNL pola manifestación do aborto, é para establecer un precedente de cara á súa argumentación ulterior: é, logo, unha operación retórica. Se o presidente d’ A Mesa retruca desde tal condición e levando o foco ao motivo da entrevista, usa tamén da retórica para eludir o evidente lazo. Ningún deles atenta contra as regras elementais do xogo; e se o primeiro suspendese a entrevista, non só renxería senón que resultaría notoriamente prepotente: nin a TVG é del nin de quen lle paga, como principio que teoricamente non se discute.
Coidado: CLR, neste tema, non é testemuña ou actor desinteresado. As súas columnas e a participación nalgún espazo de Hai debate! sitúano sen ambaxes dun lado que non é o de Carlos Callón. En atención a esa dimensión publicamente patente, e ao papel que supostamente lle correspondería no programa que actualmente conduce, de facela posiblemente debeu deseñar unha entrevista con algún osíxeno para o entrevistado cuxa posición acaba de recibir obvio e popular referendo; ou, cando menos, empezar con xeito máis elegante ou transitorio. Unha cousa é incisión e outra parcialidade. Nomeadamente se o programa non leva o nome dun nin constitúe unha columna: en suma, se non é a ‘casa’ do entrevistador.
Que conste: eu probablemente lle tería contestado. Que, con iso, tampouco non lle daba a chave das noces.
Comment de Lupín
Data: 21 outubro 2009, 5:28 pm
Aparte do pésimo estilo do entrevistador, discútese tamén a súa falta de ética. Para min, isto quedou patente no continuo intento de forzar as respostas de Carlos Callón e levalas a un terreo acoutado que lle facilitara a persistente imputación ao Ministro Caamaño (persoeiro ausente do programa e polo tanto sen posibilidade de expresarse) de estar manipulado polo Bloque e participar nunha manifestación contra o goberno lexítimo da Xunta.
A estratexia era clara e estaba preestablecida:
1- Nunha sociedade democrática a manifestación da libertade de expresión na rúa non ten ningún valor diante dos resultados das urnas.
2- Callón forma parte do BNG e segue as súas consignas.
3- As consignas do Bloque van contra o goberno lexítimo da Xunta ao non asumir plenamente a súa lexitimidade.
4- O PSdeG carece de dirección política e vai a remolque do BNG.
5- Nese contexto, o ministro Caamaño é un títere que se deixa arrastrar polas consignas dun partido nacionalista extremista.
6- Como Consecuencia, o goberno de Madrid carece de ideario político e está en mans de partidos e grupos seudodemocráticos e radicais.
Calquera que analize minimamente a entrevista, darase conta que esa é a estratexia.
Pregúntome eu: que diferencia hai entre os principios éticos de CLR e os do periodismo da extrema dereita española (Intereconomia, Cope, etc.)?
Comment de signatus
Data: 21 outubro 2009, 5:44 pm
Carlos Luis Rodríguez comportou-se como um advogado (de película) estadounidense, procurando forçar as respostas que queria escuitar e interrompendo continuamente ao entrevistado. A sua agressividade talvez seria desculpável se esse for sempre o seu modo de entrevistar e se as suas argumentações fossem coerentes, mas resulta que este indivíduo é agressivo segundo com quem e defende umha postura ou outra segundo lhe convenha à sua causa. Mais um jornalista-predicador ao jeito do Carlos Dávila.
Polo demais, o Carlos Callón nom é santo da minha devoçom e A Mesa parece-me mui criticável (e o CRL soubo bem onde golpear).
Comment de GalizacapitalBraga
Data: 21 outubro 2009, 8:14 pm
Diz Cesare: “A entrevista comeza cando o entrevistador lle pregunta a Callón se cre que o número de manifestantes é importante na toma de decisións dun goberno, e que pense na mani do aborto. E que contesta Callón? Nada. Sae pola tanxente.”
O que sai pola tangente és tu: cita a(s) pergunta(s) EXATAMENTE e logo falamos.
Comment de Cerpa
Data: 22 outubro 2009, 12:15 am
Para min unha “entrevista” non ten por que ser agresiva nin asoballante. O CLR non fixo, ao meu ver, unha entrevista senón un monólogo. O “entrevistado” só serviu de saco para o ilustre xornalista poder descargar as súas fobias inveteradas. “Entrevista” significa comunicación presencial entre dúas ou máis persoas, na que unha delas propón un tema e coordena as preguntas. Que se supón que é unha entrevista “agresiva”? Que o chamado entrevistador ou entrevistadora berre máis que a parte entrevistada? Que use un ton máis cortante? Que suplante a opinión da outra parte coa súa propia cando aquela se lle va das mans? Tampouco entendo por que o xornalista aludiu a unha manifestación que nada tiña a ver co tema. Que pretendía? Indispor o entrevistado ante corifeos estilo Cesare e algúns outros para producir sangue no estrado? O CLR é un típico produto da manipulación e da ambigüidade. O duplo sentido é o seu forte. Unha boa fichaxe para unha televisión de crocodilos, na que unha boa parte non son máis que bandullos agradecidos.
Comment de airadasenra
Data: 22 outubro 2009, 12:40 am
cl ten unha notábel pexa ideolóxica máis diso xa tiña que estar avisado carlos callón e abofé que soubo traballar o intercambio verbal… agora ben, a entrevista estivo dentro da corrección, non me pareceu tan destructiva…
Comment de Reimone
Data: 22 outubro 2009, 1:53 am
Teremos que agardar a que o gran periodista entreviste a Feijoo, Rueda e Cía, cando veñan as municipais…a ver si lle pregunta polo Gurtel, as Derogacións varias, o antigaleguismo do PP, etc….a ver si se pon tan “periodistaautonomolibrepensadorquesolobuscalaverdadylainformación”…
Pingback de ferradura en tránsito » do lixo (CLR e CRTVG) a grande aforística de Dieste ( en Rosa Aneiros)
Data: 22 outubro 2009, 9:19 am
[...] e procurar coa vista indicios de humanidade que devolvan a fe. Non me abonda o cualificativo de Martin Pawley. Abrín conta no feisbuk para sumarme á campaña. Nin tampouco que o Colexio lle tire das orellas. [...]
Comment de Alfredo Ferreiro
Data: 22 outubro 2009, 10:28 am
Cesare:
Nada máis lonxe da miña intención que valorar calquera aspecto dos métodos xornalísticos!
O que pretendía apuntar é que moitos coruñeses sabemos que CLR é un deses eternos cidadáns que nunca poideron aceptar a posbilidade de que “vaya yo a un banco y me hablen en gallego, por Dios” (mágoa que aquel día non tivésemos unha gravadora). Sabendo como sabemos quen é o fulano e velo despois usando o galego para chupar cámara e darlle leña ao Callón sen deixalo falar, creo que a crítica pola nosa parte ten certo fundamento.
Iso si, nada sei dos estándares universais do xornalismo, en que ti nadas cada día e que non entro a valorar.
Comment de Estralampa
Data: 22 outubro 2009, 2:18 pm
CLR tinha programada uma desligitimação indireita dos argumentos de Queremos Galego, A Mesa, A Academía Galega da Língua Portuguessa… e um longo etc, sem debatelos direitamente, recorrendo aos tópicos demagógicos de sempre: nacionalismo, violência, maioria “obsoleta”,… Nada que objectar se: permitisse a resposta do entrevistado e empregasse sempre a mesma estratégia com tódolos convidados.
Comment de Cerpa
Data: 22 outubro 2009, 4:01 pm
Os “métodos xornalísticos” hai que valoralos como calquer outra acrtividade humana. Non todo é válido. Cando os métodos se transforman en violencia, en asoballamento, en portavocías ocultas, deben ser criticados. Por iso, o feito de que o infatuado monologuista CLR se portase como un energúmeno nunha “entrevista”, -e dalle coa palabriña!-, na TVG, nunca o poderei encaixar nunha actuación xornalisticamente correcta. Que pretendía? Procuraba a verdade? Ocorreríaselle algunha vez tal propósito? Que sacamos en limpo os que escoitamos e vimos a refrega? Eu só percibín unha afán desmesurado de protagonismo. A verdade, neste caso, a opinión do outro, importáballe un carallo. E algúns aínda falan de actitude “agresiva” como se iso lle dese á liorta máis seriedade, máis profundidade, máis amor á verdade, máis coñecemento do tema. Magnífico “moétodo xornalístico”. Enguedella que algo queda, aínda que só sexa confusión.
Comment de Cerpa
Data: 22 outubro 2009, 4:10 pm
Grallas: acrtividade = actividade
unha afán = un afán
moétodo = método
Perdón
Comment de Luís Gonçales Blasco “Foz”
Data: 22 outubro 2009, 6:54 pm
Não há nada pior do que um renegado e Carlos Luís começou militando no PSG…
Comment de Luís Gonçales Blasco “Foz”
Data: 22 outubro 2009, 6:57 pm
Carlos Luís Rodríguez começou sendo membro do PSG, não há nada pior do que um renegado…
Comment de María
Data: 22 outubro 2009, 8:10 pm
O problema de toda a entrevista, para min, é a absoluta mala educación e o cabreo do entrevistador, que vai medrando ó ver que non é capaz de facer que Carlos Callón monte en cólera, ou se levante da cadeira e marche. Foi un insolente, por momentos, estábase a rir do que lle contestaba o entrevistado. Con outra actitude, pódese preguntar calquera cousa, por estúpida que sexa, e pódese repreguntar e incluso dicirlle ó entrevistado que o que está a contar non é certo (en caso de que fose así). Pero sempre con fins informativos, coa intención de aclarar o que pasa, e non coa de castigar ou desfogar a propia rabia. Señor Cesare, quere vostede comparar o que fixo este presentador cos xornalistas desa illa na que vive? Paréceme moito.
Comment de lmta
Data: 23 outubro 2009, 12:02 am
Frente a estupidez, mala educación e cretina intencionalidade de intentar deixar en ridículo ó entrevistado o xornalista Carlos Luis Rodriguez atópase cunha persoa como Carlos Callón respetuosa co entrevistador, muito mais educada , locuaz e intelixente que o periodista.E inconcebible que os amantes da lengua galega e castelan teñamos que soportar a xente tan indesexable nunhos medios de comunicación como Carlos Luis Rodriguez traballando por unhos intereses oscuros que o unico que fan é ensombrecer a cultura e riqueza cultural dun pobo.E lamentable. Dende aqui quero solidarizarme con todos aqueles que piden a dimisión de Carlos Luis Rodriguez da TVG por incapacidade e incompetencia para poder levar un programa televisivo de forma moderada e relaxada.
Comment de KanKodrilo
Data: 24 outubro 2009, 10:58 am
Alguen sabe a opinion do “afectado” sr. Callon?















Escribe un comentario