Carlos Muguiro

23 Abril, 2009 (01:32) | Sen clasificar

Cando decidín ir en febreiro ao Festival Punto de Vista tiña un único nome na cabeza: James Benning. Foi un privilexio comprobar que en efecto o xenio de Milwaukee é aínda máis grande do que imaxinaba e descubrir unha obra ampla e variada que non pode ser reducida a dez ceos e trece lagos, por máis que eses dez ceos e trece lagos sexan mérito abondo para ocupar un posto de honra na historia do cinema. A visita a Pamplona foi incribelmente produtiva: fun detrás dun nome e voltei cargado deles, algúns de cineastas e outros, os máis importantes, os dos amigos. Un deles é Carlos Muguiro. Carlos foi o director que fixo de Punto de Vista o prodixio que xa é, un festival de referencia en Europa feito cun orzamento minúsculo. Cando escribín isto para a revista AG, agora o comprendo, non estaba falando realmente de Punto de Vista; estaba falando de Muguiro, pois foi el quen impuxo esa personalidade propia ao festival, foi el quen marcou o camiño e quixo avanzar sen medo. Hai unhas semanas Carlos foi cesado como director artístico do Festival; o Goberno de Navarra anunciou onte o seu substituto, Josetxo Cerdán, que con certeza será quen de manter o certame nunha boa liña. Non “a” boa liña, senon “unha”. Unha algo diferente, digo eu, pois se o obxectivo fora seguir exactamente coa mesma o lóxico sería deixar todo como estaba.

Xa non estás no festival así que podo dicilo en voz alta sen que pareza que che estou facendo a pelota: Grazas, Carlos. Seguro que isto cho dixeron moitas veces estes días, non podería ser doutra maneira. Grazas polos espectaculares froitos que deu o teu traballo, pola túa xenerosidade e amplitude de miras, grazas pola túa confianza. Un amigo que quero e admiro adoita dicir que a vida sempre acaba por ser xusta; se a vida é xusta contigo será unha magnífica noticia para todos.

Comentarios

Pingback from Sinais de vida » Blog Archive » Nathaniel Dorsky, en xuño no CGAI
Date: 11 Marzo 2011, 12:08 a.m.

[…] Despois das excepcionais retrospectivas dedicadas a James Benning (2009) e Peter Hutton (2010), o Centro Galego de Artes da Imaxe acollerá o vindeiro mes de xuño un ciclo á obra doutro cineasta experimental estadounidense, Nathaniel Dorsky, que inclúe a maior parte das súas curtametraxes agrupadas en catro sesións. Dorsky e a súa obra visitarán tamén La Casa Encendida de Madrid polas mesmas datas. Unha oportunidade a non perder para descubrirmos os seus filmes en 16mm e proxectados a 18 fotogramas por segundo, a sacred speed. Para abrir boca, nada mellor que a lectura do seu exquisito libro Devotional cinema, unha delicia que me descubriu, como tantas outras cousas, o amigo Carlos Muguiro. […]

Pingback from O estadounidense Ben Russell gaña o festival Punto de Vista |
Date: 10 Decembro 2011, 12:33 p.m.

[…] de Josetxo Cerdán como director despois da espiñenta substitución do anterior responsábel, Carlos Muguiro, estivo marcada pola presenza en Pamplona do cineasta neoiorquino nado en Kābul Jem Cohen, obxecto […]