Punto de Vista

7 Abril, 2009 (16:00) | Sen clasificar

O meu artigo sobre o Festival Punto de Vista de Pamplona no número 8 da Revista do Audiovisual Galego:

Punto de Vista

Un festival non debe ser só unha suma ordenada de filmes que non chegaremos a ver nunca nas salas de cinema nin nos andeis dos centros comerciais. Un festival ten que ser algo máis; ten que acadar unha personalidade propia, marcar un camiño de seu e avanzar por el sen medo. Un festival debe aspirar a convertirse nun punto de referencia, un lugar no que poidan convivir afeccionados de moi diferente signo, os esixentes e os conformistas, os enterados e os despistados, os que viven alí e os que están dispostos a facer moitos quilómetros a cambio de bos filmes e bos (re)encontros. Iso é un festival e o demais son lerias. O Festival Internacional de Cine Documental de Navarra encaixa perfectamente dentro desa definición. “Punto de Vista” é un festival inmenso feito cos medios dun festival pequeno. Un certame audaz que se atreve con ciclos tan radicais e sublimes coma o que este ano dedicaron a James Benning e que pasou en versión corrixida e aumentada polo CGAI; unha oportunidade única para gozar en pantalla grande coa obra dun cineasta imprescindíbel, autor de filmes coma 11×14, 13 Lakes ou Casting a glance que che deixan a sensación de que non precisas ver nunca nada máis, que con iso xa é abondo.

Aínda que calquera ciclo parece menor comparado co que lle dedicaron ao cineasta de Milwaukee, sería inxusto ignorar as homenaxes tributadas ao documentalista canadense Peter Lynch, coa proxección entre outras películas de Project Grizzly e A whale of a tale, e ao inglés Ben Rivers, que despertou o interese dos cinéfilos tralo premio recibido en Rotterdam en 2008 coa curta Ah, Liberty!. Heterodocsias, a parcela reservada para os proxectos máis singulares do documental español, ocupouse este ano dos filmes inacabados, con Encuentros 1972, Pamplona de José Antonio Sistiaga como peza máis apetecíbel. O ciclo comisariado por Antonio Weinrichter, La segunda vida de las imágenes, repasou a historia do documental de apropiación, desde os clásicos coma Rose Hobart (Joseph Cornell, 1939) ou Tom, Tom, the piper’s son (Ken Jacobs, 1969) até os máis recentes Human remains (Jay Rosenblatt, 1998) ou Must read after my death (Morgan Dews, 2007).

Nunha Sección Oficial que tiña dentro títulos de enorme interese (Dust de Hartmut Bitomsky, Iraki short films de Mauro Andrizzi ou Line de Kotani Tadasuke) o xurado acabou optando por Alicia en el país de Esteban Larrain, que levou o Gran Premio Punto de Vista dotado con 10000 €. Olivier Dury recibiu o premio á mellor dirección por Mirages, Gyulia Nemes o de mellor curtametraxe con Lost world, e Intimidades de Shakespeare y Víctor Hugo de Yulene Olaizola recibiu unha mención especial e tamén o premio do público. A obra mestra desta edición, en calquera caso, estaba fóra de competición: Lunch break de Sharon Lockhart, cun único plano-secuencia ralentizado até ocupar oitenta minutos absolutamente fascinantes.

Comentarios

Pingback from días estranhos » Carlos Muguiro
Date: 23 Abril 2009, 1:32 a.m.

[…] que xa é, un festival de referencia en Europa feito cun orzamento minúsculo. Cando escribín isto para a revista AG, agora o comprendo, non estaba falando realmente de Punto de Vista; estaba […]