Flocos.tv

7 Abril, 2009 (15:00) | Cinema, Internet, Revista AG

O meu artigo sobre blogs e Internet no número 8 da Revista do Audiovisual Galego:

Flocos.tv

Máis de mil usuarios rexistrados en tan só dous meses dan idea do rotundo éxito que é Flocos.tv, a plataforma en Internet creada pola Axencia Audiovisual Galega para promocionar e exhibir o patrimonio cinematográfico do noso país. O portal acolle polo de agora case duascentas pezas para o seu visionado online con moi alta calidade, agrupadas en catro categorías básicas -ficción, documental, animación e experimental- e case todas elas curtametraxes, aínda que xa dispoñemos dunha longa, Cartas italianas de Mario Iglesias. Mais Flocos non quere ser unicamente un almacén de producións audiovisuais (obxectivo valioso de seu), senón que pretende convertirse nun punto de encontro para creadores e espectadores, que poden intercambiar opinións a través dos comentarios ou por medio das mensaxes ao «muro» de cada persoa que se deu de alta e nos ten agregado como «amigo». É xustamente esta condición de rede social unha das claves da popularidade da plataforma, e por esa liña van algunhas das súas inminentes reformas. Na versión 2.0 Flocos transformarase nunha ferramenta «á carta» totalmente personalizábel polo usuario, que poderá subir fotos, vídeos e documentos e participar nos foros de debate. Aparecerán novas categorías, coma os videoclips e as bandas sonoras, e iniciarase un plan de internacionalización da web coa incorporación do subtitulado dos vídeos ao castelán e o inglés.

Alén da rechamante apariencia da páxina e da súa innegábel usabilidade, o que verdadeiramente importa, coma sempre, son os contidos. A variada selección de obras disponíbeis en Flocos debuxa un valiosísimo panorama do que deu de si o cinema galego desde as súas orixes, co traballo dos pioneiros Miguel Castelo (O pai de Migueliño, 1977), Antonio Simón (Fendetestas, 1975), Enrique Rodríguez Baixeras (O cadaleito, 1976) e Miguel Gato Luaces (O herdeiro, 1976) que podemos ver no Especial anos 70, e outras pezas nacidas nesa mesma década coma El emigrante, escrita e producida por Olegario Sotelo Blanco; o documental reivindicativo O monte é noso de Llorenç Soler ou A romería da morte de Alberto Estévez Piña. A videocreación galega dos 80 ocupa un espazo destacado que nos permite revisar a obra de Xavier Villaverde, Antón Caeiro, Antón Reixa e nomeadamente a de Ignacio Pardo, que merece sección específica. Non podía faltar o clásico rodado por Antonio Román en 1941 O carro e o home, e tampouco Mamasunción de Chano Piñeiro, unha curta da que a estas alturas xa resulta ocioso falar (ben ou mal).

En Flocos hai tamén sitio para traballos recentes de grande calidade, coma JEDN de Marcos Nine, Cousas do Kulechov de Susana Rei, Berberecho de Xosé Manuel Bazarra «Sepi», Os señores do vento de Xurxo González ou Pó de estrelas de Alberte Pagán. Deixo para o final os dous directores galegos actuais para min máis interesantes: Ángel Santos, de quen podemos ver a súa primeira curta, A. e un teaser da súa primeira longa, Dous fragmentos/Eva, e Oliver Laxe, que puxo ao noso dispor a fermosa e perturbadora As chemineas decidiron escapar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comentarios

Comment from Anónimo
Date: 8 Abril 2009, 11:04 a.m.

Non sei se viu «Yuriavlov» en flocos. Paréceme -a pesares do seu evidente amateurismo- a única peza verdadeiramente orixinal.

Comment from Martin Pawley
Date: 8 Abril 2009, 8:27 p.m.

Si, si que a coñezo. Se a única peza digna de mérito fose unha de hai dezaseis anos mal iría a cousa, non lle parece?

Pingback from Aprendo en galego » Blog Archive » flocos.tv
Date: 24 Abril 2009, 8:51 p.m.

[...] Máis información en Días estranhos. [...]

Olark Livehelp