Seis anos e oito días

25 Marzo, 2009 (16:00) | Internet, Vida social

O 27 de outubro de 2004 a sonda Cassini-Huygens executou a primeira das súas aproximacións a Titán, o maior dos satélites de Saturno. Pasei esperto boa parte da madrugada, enganchado á retrasmisión en directo do canal da NASA, e mentres agardaba pola chegada das imaxes falaba nunha xanela do Messenger con Víctor R. Ruiz e noutra con Pedro Lemos. Eu na Coruña e eles dous en Las Palmas e Florianópolis respectivamente, os tres atentos ás novas que viñan desde o barrio de Saturno e preguntándonos igual que Jerome a Vincent en Gattaca «What’s Titan like this time of year?».

Penso que é esta a experiencia persoal que de maneira máis concreta me fixo ver a profunda revolución que supuña Internet. Ademais de ser un espazo libre onde expresármonos e compartirmos información de xeito fluído e non tutelado, a rede revelóuseme aquela noite como a ferramenta definitiva para rebentar o concepto de distancia: o que está lonxe xa non é o que fica a moitos quilómetros de nós, senón aquilo co que non podemos entrar en contacto.

Hai unhas semanas Manuel Jabois preguntoume que me trouxera de bo e de malo o blog. Contesteille que todo o que me aportou fora bo: días estranhos foi a carta de presentación grazas á cal acabei chegando ao Extrarradio da Radio Galega ou agora ás páxinas do Xornal de Galicia, mais sobre todo o blog serviume de maneira directa ou indirecta para coñecer unha chea de xente que hoxe é esencial na miña vida. Debo precisar que en xeral a min a xente me gusta; dalgunhas persoas despois voume quitando, mais en principio interese sempre teño e por iso unha vez que me pediron que dixese a miña ocupación favorita respondín que era falar con outros membros da miña especie (a verdade é que estou moi orgulloso das respostas que dei naquel Cuestionario Proust). Gústame falar, e tamén me gusta moito mirar e escoitar, e penso que o meu tempo non se mide en horas, senón en conversas (preferibelmente demoradas), en bicos, en apertas (e dígoo eu que non sei dalas), en libros, en paseos, en xantares e ceas, en cafés, en chupitos de licor café e ultimamente tamén en gin-tonics, en concertos, en filmes, en infinidade de filmes, en viaxes en tren, en viaxes a secas, aínda que logo nunca me acorde de sacar fotos e facer as visitas importantes, cousa que proba a miña condición de mal turista e concorda coa idea de que eu non quero coñecer Bos Aires, senón coñecer os bonaerenses. E onde pon Bos Aires podería poñer Sarajevo ou Tánxer.

O blog aportoume tantas cousas que non é xusto que sexa tan ingrato con el, que mesmo esquezo darlle os parabéns polo aniversario: foi a semana pasada e non reparei niso até hoxe. Xa van alá seis anos, centos e centos de anotacións e o que é máis importante, unha morea de amigos. Que veñan moitos máis.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Comentarios

Comment from folerpa
Date: 25 Marzo 2009, 5:52 p.m.

Concordo Mr. Pawley, a min o blogue serviume para mesmo, para coñecer a unha chea de xente, hoxe indispensable: entre eles a vostede. Parabéns polo aniversario!!!

Comment from El Hombre Molècula
Date: 25 Marzo 2009, 6:23 p.m.

Desta volta, a culpa polo retraso nas felicitacións corre pola súa conta. Parabéns!

Comment from Tati
Date: 25 Marzo 2009, 8:22 p.m.

Que riquiño es!
Aperta forte XD

Comment from Herr Graf Ferdinand Von Galitzien
Date: 26 Marzo 2009, 7:21 a.m.

Dende logo vostedes, os melenudos, en vez de estar a traballar en ocupacións variadas, buscan calquera excusa pra andar de celebracións e festa, asunto éste máis próprio das clases aristocráticas… en fín, coma a aristocracia xermánica non necesita excusa ningunha pra tomar un «schnaps», que éste brinde teutón sexa á súa saúde e á do seu antro de conspiradores melenudos.

Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

Comment from r.r.
Date: 26 Marzo 2009, 11:27 a.m.

Pois si que leva razón. A única «contra» é que dá traballo. E parabéns polo aniversario (para o bló, non para vostede) ;-)

Comment from xabre
Date: 26 Marzo 2009, 1:59 p.m.

Per molts anys! (que dirían por aquí)

Gustoume moito a súa reflexión blog-histórica

Comment from xurxo
Date: 26 Marzo 2009, 5:58 p.m.

parabens crack!

Comment from Syldavija
Date: 26 Marzo 2009, 7:31 p.m.

Parabéns… Sarajevo está onde está, pero que saiba que espero que coñeza saraievitas pronto.

Comment from jorge
Date: 27 Marzo 2009, 12:28 p.m.

Non sexa egoista, aquí non so se expresa vostede. E teña en conta que agora xa non lle pertenece nun 100%, non sei cal e a porcentaxe, pero dende logo esa non.

Apertas e felicidades, claro, non so a vostede.

Comment from ghanito
Date: 29 Marzo 2009, 1:55 p.m.

Parabéns polo aniversario, chego tarde mais non tanto coma vostede.

E concordo ao 100% co de coñecer xente que de outra maneira nunca tería coñecido. Seguro que de non ter blogue eu sería outra persoa, porque todas esas conversas non fixeron mais que enriquecerme.

E nomeadamente as súas, grazas.

Olark Livehelp