Libros que nos fan mellores (I): Mal de escola

15 Marzo, 2009 (15:56) | Libros

Unha muller case centenaria contempla na televisión un documental sobre un escritor francés, ao cal amosa na vida cotiá, rodeado de libros na súa biblioteca, falando do oficio literario e do seu pasado como mestre. O escritor chámase Daniel Pennac e a muller que mira o documental é a súa anciá nai. Ela sabe que Daniel é unha figura respectada e está ao tanto do seu éxito profesional, mais dentro dela ficou para sempre o recordo da tristeza e a preocupación polo fi llo que de mozo respondía ao prototipo de mal estudante. Un mozo que cada anoitecer regresaba á casa “perseguido pola escola”, angustiado polas súas dificultades aparentemente insalvábeis para memorizar as leccións e manexarse con algo de fortuna coa lingua e as matemáticas. Un adolescente “sen porvir”, un “problema” para calquera familia que antes ou despois acabará por preguntarse “que vai ser do noso rapaz?” Por iso, nunha altura na que a cabeza da nai se move mellor polo pasado que polo presente, a inquietude polo fillo, obviamente xa innecesaria, rexorde unha e outra vez en forma de pregunta: “Ti cres que chegará a algo?”.

A calculada contención emocional das primeiras páxinas de Mal de escola, publicado hai pouco pola editorial Xerais, marca con precisión o ton do libro, que mestura de maneira eficacísima o recordo autobiográfico e o rexistro ensaístico para abordar cuestións referidas á pedagoxía e ás institucións educativas. Pennac explora a súa experiencia nos dous lados da fronte, como (mal) alumno primeiro e logo como profesor de instituto durante vinte e cinco anos, para compoñer un discurso esperanzado sobre o papel revolucionario da educación, entendida non como transmisión robotizada de coñecementos senón como ferramenta formadora e transformadora que actúa un a un sobre cada individuo para facer del un ser máis libre e independente. O autor repara nos malos estudantes desde a certeza de que son eles os que verdadeiramente xustifican a necesidade do profesor; achégase ao seu illamento, ao seu desexo de saber combinado coa “dor de non comprender”, sentimentos que el tamén viviu, e sobre todo á súa vontade de salvación, de ser rescatados por alguén que veña buscalos e os leve da man guiado pola paixón por comunicar e por algo que está por riba de toda sorte de métodos, teorías e prácticas docentes: o amor. Un termo subversivo “que non podes nin tan sequera pronunciar nunha escola, nun instituto, nunha facultade ou en calquera lugar semellante” e que ten dentro de si o potencial para cambiar o mundo. O peor que lle podería pasar a este texto excepcional, editado por Xerais nunha espléndida versión de Xavier Senín e Isabel Soto –autores tamén da tradución d’A clase de François Begaudeau, obra tan diferente coma complementaria desta, e que merecerá comentario á parte– é ficar sepultado baixo a etiqueta de manual de autoaxuda para ensinantes. Porque Mal de escola deben lelo todos os profesores, claro, mais tamén todas as nais e pais, e todos os fillos; debería lelo todo o mundo, como corresponde aos grandes libros, os que nos fan mellores.

(Artigo publicado o sábado 14 de marzo en Nós, suplemento de cultura de Xornal de Galicia. Poden descargar o exemplar en PDF neste enderezo)

Comentarios

Pingback from «Mal de Escola», crítica en «Nós» « Xerais blog
Date: 15 Marzo 2009, 5:52 p.m.

[...] de Escola», crítica en «Nós» By xerais Martin Pawley publicou onte no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica de Mal de escola de Daniel [...]

Comment from Herr Graf Ferdinand Von Galitzien
Date: 15 Marzo 2009, 8:24 p.m.

Este seu Herr Von puido lér hoxe a súa “review” do libro de Herr Pennac nese xornal melenudo de magníficos suplementos culturais; dende logo, agora xa non hai excusa aristocrática pra rescatar do esquecemento no andel da biblioteca do Schloss, ese interesantísimo libro que agardaba impaciente a graza lectora deste Herr Graf.

Pingback from «Mal de escola» « Xerais blog
Date: 29 Marzo 2009, 4:57 p.m.

[...] di Pennac, e na falta de autocrítica, que é outra vertente da falta de amor. Mal de escola é poliédrico, embarullado e marabilloso, anque Pennac é fondamente conservador: de aí a súa teima nos [...]

Pingback from A irmandade dos contadores de estrelas | días estranhos
Date: 10 Setembro 2010, 12:44 p.m.

[...] coñecemento, cando é eficaz, é sempre un acto de amor. Así o expresa Daniel Pennac ao final de Mal de escola, e iso que lle levou 250 páxinas atreverse cunha “palabrota” que “non podes nin sequera [...]