A verdade como mal menor: Mentiras arriscadas
Tralos premios outorgados nas súas dúas primeiras edicións ás novelas de Miguel Sande e Anxos Sumai o Repsol YPF de Narrativa deu en 2008 un inesperado xiro ao destacar como mellor obra entre as presentadas unha de Xosé Luís Martínez Pereiro que desafia calquera esforzo de clasificación. A verdade como mal menor é unha compilación de corenta e cinco textos breves aos que case resulta difícil chamar relatos; un dos membros do xuri, Anxo Tarrío, dixo que encaixaba “no xénero clásico da facecia”, cultismo que cadra ben coa erudición retranqueira que segundo a presentación editorial caracteriza o volume e que quizá explique a presenza de frases enteiras en francés (páxinas 32, 33 ou 41) e italiano (páxinas 45 e 46) sen a correspondente tradución ao noso idioma. Martínez Pereiro calificouno en A Nosa Terra de “divertimento” para logo advertir que el escribe “para pasalo ben” e “compartir eses bos momentos cos que me queiran ler”. A declaración revela a esixencia dun lector cómplice disposto a aceptar o enredo literario que o escritor propón, complicidade que é condición necesaria mais non suficiente para poñer en valor o libro e experimentar satisfacción coa súa lectura.
De duración variábel e apenas ligadas entre si, as pezas que compoñen A verdade como mal menor camiñan entre a reflexión de matices paródicos e esperpénticos e a chiscadela cultureta, alimentada por infinidade de referencias nalgúns casos documentadas e noutros nacidas da imaxinación do autor, un exercicio que en mans de grandes escritores -por exemplo, Cunqueiro ou Vila-Matas- leva producido magníficos resultados. Personaxes históricos como San Agustín de Hipona e a raíña Marie-Antoinette desfilan por unha obra que cita ademais moitos intelectuais contemporáneos, nomeadamente franceses, caso de Georges Bataille ou Alphonse Boudard, introducidos dentro do xogo creativo con intencións moitas veces desmitificadoras. Martínez Pereiro recoñece o seu gusto por humanizar os personaxes a forza de recordarnos que cometían erros e tiñan vida sexual. “Nietzsche non só filosofaba, tamén comía e tiña fantasías eróticas”, contaba hai unhas semanas nunha entrevista, e de feito é Nietzsche unha das vítimas da pulsión burlesca do escritor coruñés, que afirma do alemán que “igual non se masturbaba, pero está fóra de toda dúbida que (...) facía pallas mentais”, no que debe ser un exemplo da “fina ironía” que anuncia a contracapa. O sexo está moi presente de principio a fin e así iremos tendo noticia dos 758 amantes que tivo Pauline Bonaparte, a irmá pequena e favorita de Napoleón; do tamaño do membro viril de Louis XIV “Le Grand” e dos preservativos de intestino de ovella “que lle provocaban reacción” porque “os lavaba para dárenlles varios usos”, ou da excitación do psicólogo Havelock Ellis cando vía mexar a unha muller. O libro disque está cheo de desinhibición, atrevido erotismo e humor, mais eu non fun capaz de atopar nada diso por ningures. “Dun tempo a esta parte é moi doado dicir conachadas en literatura”, asegura o autor nas páxinas finais; con iso, pola contra, si que estou completamente de acordo.
(Publicado en PROTEXTA, Suplemento de libros da revista TEMPOS NOVOS, nº 9, inverno 2009. Descarga os números anteriores aquí)
Comentarios
Comment de Xosé Luís Martínez Pereiro
Data: 27 xullo 2009, 11:55 am
Agradezo a crítica, o importante é que falen dun aínda que sexa moi mal, de todos xeitos e con todo o agarimo que poda vostede entender (a filiación británica pode que sexa unha limitación, ainda que a dicir verdade e como mal maior, tanto me ten), direille que o humor é algo individual e depende da capacidade de cadaquén para entendelo. Podería permitirme a licencia de escribir, benquerido Martin Pawley, vaia tomar polo cu, pero non o vou facer, porque son un escritor elegante, que admite as críticas razoadas e benintencionadas…, así que, espero que non me entenda mal, é simplesmente unha brincadeira de escritor sen sentido do humor que di moitas conachadas literarias. Por favor, perdóeme a vida, non mo teña en conta e excuse a intromisión na súa vida normal ou anormal que critica.
Que saiba que mandei o enlace á AELG para que a poñan íntegra, ignoro porqué tardan en poñela. Tamen mandei outras que son positivas, todas menos a súa e non coñezo aos outros críticos. Unha pergunta que se me ocorre, a crítica é susceptíbel de dicir conachadas cando lle sae da minga? Faga o favor de reflectir sobre o que lle digo, e non me entenda mal, podo ser máis demoledor, pero só se quero. Eu escribo para ser lido e non par ser insultado de balde.
Un saúdo do escritor e humorista gráfico
Xosé Luís Martínez Pereiro
Comment de M.B.
Data: 27 xullo 2009, 2:19 pm
Encántame o sentido do humor deste home. Menos mal que esta é a única crítica non positiva que recibe, porque se non, abriría as veas mínimo. É un bo exemplo do que esperan moitos escritores galegos hoxe da crítica: non lles vale nada que non sexa unha entrega absoluta. Nin sequera son capaces de calar a boca ante unha crítica contida e educada coma esta.
Comment de Xabier Cid
Data: 27 xullo 2009, 3:21 pm
lol lol lol lol lol lol
Prezado Martínez Pereiro: acaba vostede de perder non só un lector, tamén un comprador. Normalmente coincido pouco con Pawley, pero o que non coincido en absoluto é coa mala educación.
Comment de Xosé Luís Martínez Pereiro
Data: 27 xullo 2009, 4:50 pm
Prezado Xabier Cid, o campeador, ignoraba que vostede se chamaba Martin Pawley! Agora, o que si sei é que podo vivir sen a súa leitura e (im)posíbel merca e, de todos xeitos permítame un pequeno apuntamento, sei soportar as críticas, pero con educación, fundamento, e sobre todo, coñecemento, isto é, razonadas. Ah! Por se logo se me esquece, o primeiro que faltou á educación non fun eu, son o ofendido, paréceme, pero se cadra ao ser parte interesada non fun quen de decatarme, como son tan prepotente!
Agur, Campeador.
Xosé Luís Martínez Pereiro,
escritor, aceptador de críticas positivas e negativas,
ademais de humorista gráfico.
Comment de Xosé Luís Martínez Pereiro
Data: 27 xullo 2009, 5:02 pm
Descoñecido M.B, o da CRÍTICA CONTIDA ten o seu aquel, ate pareces imparcial e todo. Muito Bon. Tes nome de verdade ou preferes xogas ás agachadas? Vou conterme eu tamén e, mira, MB, MA, ou o curmán de Zumosol, non teñas medo pola miña saúde, as veas non penso cortalas, de momento. Son un ser racional, de verdade! E non me oculto para opinar.
Xosé Luís Martínez Pereiro,
escritor visíbel cando lle peta.
Comment de ghanito
Data: 27 xullo 2009, 6:29 pm
É curioso que o descoñecemento do comportamento da rede ainda estea tan espallado.
O que non deixaría de ser unha crítica literaria mais pola que eu pasaría sen moito detemento (nin atención, confeso) convirtese, grazas a este mini-flame nun divertidísimo momento co que rir.
Retrucar a alguén na rede é coma tentar quitar unha mancha de graxa frotando. O que fas é espallar a mancha e dificultar a súa limpeza, nomeadamente cando o que fas é atacar á persoa que fai a crítica e non respostar dando argumentos.
Naturalmente, nada podo dicir da obra, que non tiven ocasión de ler.
Comment de tino santiago
Data: 27 xullo 2009, 7:30 pm
¿Onde está o insulto de Pawley?, ¿En “Dun tempo a esta parte é moi doado dicir conachadas en literatura”?. O cambio climático ten eléctrico ao persoal
Comment de odemo
Data: 27 xullo 2009, 7:42 pm
Sim, dum tempo a esta parte é mui fázil dizer conachadas na literatura… e muito mais fazil fazer o conas e o ridículo em internet contestando coma um neno a umha crítica bem formal. Martínez Pereiro, ralha e ralha XD
Comment de Cesare
Data: 27 xullo 2009, 7:55 pm
Ghanito, xenial!
Comment de Galeguzo
Data: 27 xullo 2009, 7:59 pm
Podería permitirme a licencia de escribir, benquerido Martin Pawley, vaia tomar polo cu, pero non o vou facer, porque son un escritor elegante, que admite as críticas razoadas e benintencionadas…
Pois esta é a forma mais velha de insultar (fazendo ver como que não se insulta) que conheço. Poderia dizer que nos quer tomar o pêlo, mas não o vou dizer porque sou bem-pensante
Comment de odemo
Data: 27 xullo 2009, 10:04 pm
Esta enrtada (e a perrencha do autor criticado) já é capa de chuza (uns quantos milheiros de leitores mais) e está bem esparegida por algumha rede social com Twitter ou Facebook. Se a intençom era desprestigiar ao crítico e assim minimizar o efeito da crítica EPIC FAIL
Comment de Elaine
Data: 27 xullo 2009, 10:26 pm
Sr. Martínez, defina por favor a palabra “elegancia”.
Gracias e boa sorte.
Comment de Xosé Luís Martínez Pereiro
Data: 28 xullo 2009, 7:35 am
Sr. Elaine ou Sra. sen apelido, e sen favor, a definición aparece en calquera dicionario dos de palabras.
Xosé Luís Martínez Pereiro,
escritor e humorista gráfico da Galiza
Comment de Xosé Luís Martínez Pereiro
Data: 28 xullo 2009, 8:03 am
Amigo GHANITO, grazas polo paternal consello, se tes interese polo produto literario do que se está a falar, podes encontrar a miña verdade argumental non só nas librarías, tamén en determinadas gasolineiras onde dispoñen de trapos a manta por se te enches de graxa.
Un saúdo de
Xosé Luís Martínez Pereiro,
o escritor ignorante que ataca persoas, animais e cousas
Comment de Xosé Luís Martínez Pereiro
Data: 28 xullo 2009, 8:32 am
Amigo ODEMO, se é que ese é o teu verdadeiro nome, facer o ridículo depende de min, o de facer o conas se cadra vai máis contigo e a túa condición de criatura infernal; xa sabes onde se pringaban as mulleres para ir ao aquelarre, verdade? Canto ao da “crítica bem formal”, como son un neno, non distingo entre fondo e forma e, ademais, tampouco sei que queres dicir coa despedida “ralhada”, enterareime cando medre.
Un saúdo con cheiro a xofre para a criatura do Averno,
Xosé Luís Martínez Pereiro,
un escritor que ten rabo, nada máis.
Comment de xurxo glez
Data: 28 xullo 2009, 8:45 am
ola martin… facía tempo que o teu blog non estaba tan animado! parabens! vivan as conachadas!
Comment de Xosé Luís Martínez Pereiro
Data: 28 xullo 2009, 10:17 am
Amigo TINO SANTIAGO, o seu é de mirar e con tino. Con independencia da electricidade estática, estética ou atávica que parece sofrer, eu preocuparíame un chisquiño se non soubese ler entre liñas.
Un saúdo óptico e optimista de
Xosé Luís Martínez Pereiro,
escritor especialista en ver o que non hai
Comment de O Rato
Data: 28 xullo 2009, 12:22 pm
Flipo con este paisiño e a súa literatura. A unha crítica, máis ou menos afortunada dunha obra, séguelle a resposta airada do autor en pretendida forma burlesca. Que penoso, Xosé Luís! Vostede é profesor, non? Deus colla confesados aos seus alumnos, calquera deles ousa levarlle a contraria!
Comment de beatnik
Data: 28 xullo 2009, 4:12 pm
Non acho tan estraño que a un escritor lle pareza mal unha crítica; coido que non é a primeira vez. Agora, a última frase (na que cita ó propio autor) non é precisamente unha lindeza.
Non me gusta o que escribe Martínez Pereiro nin o que escriben moitos críticos. Non sei para quen escribe Martínez Pereiro. E moitos críticos semellan crer que os escritores escriben para eles. Éche raro.
Comment de folerpa
Data: 28 xullo 2009, 4:59 pm
Xa estabamos coas maletas feitas e outro escritor aldraxado resucita o agoniante blogomilo. Parabéns Martin!!!!
Pingback de aliciacrece » Lameira
Data: 29 xullo 2009, 11:47 am
[...] lle envíe a miña opinión sobre o conflito máis quente do morredeiro blogomillo; é que alá, na casa de Pawley, está todo xa un pouco enlamado e tampouco quero poñerme do lado de George Custer Martínez [...]
Comment de Heraclio Fournier
Data: 29 xullo 2009, 10:27 pm
Realmente penoso, Martínez Pereiro. Descalifícase vostede mesmo cada vez que preme o teclado para escribir . Mellor era calar a boca, home, parece un parviño que non entende nada.
Comment de behaved 64
Data: 30 xullo 2009, 4:20 pm
Digo o mesmo ca na Lameira: Podes baterlle a alguén nos fuciños, pero se pretendes que ese alguén non ten o dereito a mandarche o couce de volta, es capaz de peores cousas.















Escribe un comentario