2009, Ano Internacional da Astronomía
Xa saeu do prelo a Guía do ceo 2009 preparada e revisada pola editorial Le Pourquoi Pas. E por ser o Ano Internacional da Astronomía este ano é de balde: nos próximos meses a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña distribuirá gratuitamente dez mil exemplares en galego. A seguir lles deixo o artigo dedicado a Galileo Galilei:
GALILEO GALILEI
Pisa, 1 de febreiro de 1564 – Arcetri, 8 de xaneiro de 1642
En decembro de 2007 a Organización das Nacións Unidas ratificou en sesión plenaria a declaración de 2009 como Ano Internacional da Astronomía, nun acordo que recoñecía de maneira explícita as importantes repercusións que as observacións astronómicas tiveron para o desenvolvemento da ciencia, a filosofía e a cultura. Non foi unha elección ao chou: en 2009 fará catrocentos anos desde a primeira vez que Galileo Galilei apuntou ao ceo cun telescopio. O aparello construiuno el mesmo a partir de imprecisas descricións do instrumento, deseñado poucos meses antes polo holandés Hans Lippershey. O primeiro modelo creado polo científico italiano proporcionaba imaxes con tan só tres aumentos, aínda que axiña mellorou os resultados para multiplicar por dez a potencia das lentes, o cal foi abondo para explorar o firmamento nocturno e transformar para sempre a nosa concepción do universo.
O 7 de xaneiro de 1610 Galileo reparou grazas ao telescopio en “tres estrelas fixas” aliñadas a pouca distancia do planeta Xúpiter. Noite tras noite seguiu a pegada desas “estrelas”, que para a súa sorpresa ían cambiando de posición de maneira inexplicábel. O 10 de xaneiro unha delas quedou fóra da súa vista, do que deduciu que debía ficar oculta polo planeta, e uns días despois viu un cuarto punto luminoso. Como a ubicación deses catro puntos variaba respecto de Xúpiter o astrónomo tivo que admitir que non eran estrelas fixas senón que xiraban arredor do xigante gasoso, e aí tiña unha proba de que non todos os astros se movían arredor da Terra, como sostiña a secular tradición xeocéntrica herdada de Aristóteles. Os seres humanos non eramos, pois, o eixo de xiro do universo, senón os habitantes dun simple planeta, nada máis e nada menos. Eses catro obxectos eran os catro maiores satélites de Xúpiter, Io, Europa, Calisto e Ganímedes; Galileo chamounos “estrelas mediceas”, en honor de quen sería logo o seu mecenas, Cóssimo II de Médici. Despois dun ano e medio de estudo, Galileo mesmo puido facer unha estimación razoabelmente boa dos seus períodos orbitais.
Non foi esa a única achega feita polo fillo do compositor Vincenzo Galilei. Detectou que o planeta Venus amosaba "fases” semellantes ás da Lúa e postulou a existencia de montañas e cráteres no noso satélite a partir dos patróns de luz e sombra que observou nel. Afirmou que a súa superficie non era lisa e pulida, como pretendía a teoría aristotélica das esferas perfectas, senón igual de rugosa e irregular que a da Terra. Tamén o Sol ficaba á marxe desa hipotética perfección celestial: presentaba “manchas” que ademais se desprazaban con ritmo periódico, feito que cadraba moi ben coas predicións que Kepler fixera sobre o movemento de rotación do Sol. E cando mirou a Vía Láctea comprendeu que aquilo que a ollo espido parecía unha rexión nebulosa estaba formado realmente por milleiros de estrelas, tan perto as unhas das outras desde a nosa perspectiva que o noso cerebro non era quen de diferencialas.
As observacións de Galileo rachaban radicalmente cun modelo asentado nas teorías de Aristóteles, aceptado como autoridade incontestábel durante dous mil anos. O cambio de paradigma viña baseado na observación e na análise, os alicerces dun novo método no que se asentaría a ciencia moderna; unha mutación luminosa que dicía adeus a un tempo de superstición e propagación do medo, establecidos como mecanismos de poder, para saúdar a nova era da razón e o coñecemento, as ferramentas necesarias coas cales se constrúe o progreso. A aposta de Galileo
polo heliocentrismo trouxo como consecuencia a oposición frontal da Igrexa Católica, que prohibiu a difusión dos seus libros e acabou xulgándoo por herexía. Condenado polo tribunal da Inquisición, Galileo tivo que negar publicamente as súas ideas, nomeadamente o feito de que a Terra orbitase arredor do Sol, e permaneceu até a súa morte en arresto domiciliario na vila de Arcetri. A lenda asegura que trala súa abxuración Galileo bisbou a frase “Eppur si muove”, “malia todo, móvese”.
Comentarios
Comment de Carlos
Data: 1 xaneiro 2009, 6:25 pm
Anotado o novo enderezo, aínda que non sei por que motivo non me aparece no RSS por máis que o tento…
Feliz ano!
Comment de ghanito
Data: 2 xaneiro 2009, 6:45 pm
Parabéns pola guía do ceo e benvido ao barrio, veciño. Desde hoxe a Blogaliza gaña categoría
Comment de estrelas
Data: 3 xaneiro 2009, 12:17 pm
Parabems polo cambio (de ano e de plataforma!!). Semente colleitada.














Escribe un comentario