En defensa do ceo nocturno
Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrellas (Declaración da Palma)
Os participantes na Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito a Observar as Estrelas, reunidos na Palma, Illas Canarias, España, do 19 ao 20 de Abril de 2007, conscientes de que a visión da luz das estrelas foi e é unha inspiración para toda a Humanidade e que a súa observación representou un elemento esencial no desenvolvemento de todas as culturas e civilizacións.
Guiados polos principios enunciados no preámbulo da Declaración do 2009 como Ano Internacional da Astronomía que define o ceo como unha herdanza común e universal, e unha parte integrante do ambiente percibido pola humanidade.
Lembrando que a Humanidade observou sempre o firmamento para interpretalo e para entender as leis físicas que gobernan o universo, e que este interese na astronomía tivo implicacións profundas na ciencia, a filosofía, os costumes, a cultura e sobre o noso concepto xeral do mundo.
Lembrando que a contemplación do firmamento sustentou ao longo da historia moitos dos avances científicos e técnicos que definen o progreso e unha parte fundamental da nosa identidade actual.
Recoñecendo que a calidade do ceo nocturno e, polo tanto, o acceso á luz das estrelas, e de cantos obxectos enchen o universo, estase deteriorando en moitas zonas, que a súa contemplación se fai cada vez máis difícil, e que este proceso nos enfronta á perda xeneralizada dun recurso cultural, científico e natural con consecuencias imprevisíbeis.
Recoñecendo que o deterioración da nitidez da noite comeza a representar un serio risco para a continuidade das observacións astronómicas, sendo unha rama da ciencia que produce na actualidade un caudal de beneficios directos e indirectos cada vez máis apreciados.
Lembrando que na Conferencia de Río de 1992 proclamouse a necesaria defensa “da natureza integral e interdependiente da Terra", e de que esta defensa inclúe naturalmente a dimensión dos ceos nocturnos e a calidade da atmosfera.
Lembrando que a Declaración Universal dos dereitos Humanos das Xeracións Futuras afirma que as persoas pertencentes ás xeracións vindeiras teñen dereito a unha terra indemne e non contaminada, incluíndo o dereito a un ceo limpo, e teñen dereito a gozar desta Terra que é o soporte da historia da humanidade, da cultura e dos lazos sociais, o que asegura a cada xeración e a cada individuo a súa pertenza á gran familia humana.
Lembrando a vixencia da Declaración Universal dos dereitos Humanos, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, e as diversas declaracións internacionais sobre o desenvolvemento sostíbel, así como os convenios e protocolos sobre medio ambiente, salvagarda da diversidade cultural, a diversidade biolóxica e a paisaxe, incluíndo igualmente os relativos á conservación do patrimonio cultural e ao freo do cambio climático, e que directa ou indirectamente todos eles inciden sobre a necesidade de salvagardar a nitidez dos ceos nocturnos.
Considerando a urxente prioridade de protexer e recuperar as propiedades naturais dos ceos nocturnos como medio excepcional para o desenvolvemento da ciencia, a cultura e o entendemento común. Conscientes da necesidade de establecer alianzas eficaces e urxentes entre os principais actores que poden influír coas súas decisións a inverter o proceso de degradación da calidade da noite, co fin de forxar a esperanza de recuperar e garantir a pervivencia deste patrimonio.
APELAN á comunidade internacional, e en particular INSTAN aos gobernos, ás demais autoridades e institucións públicas, aos decisores, planificadores e profesionais, ás asociacións e institucións privadas concernidas, ao mundo da ciencia e da cultura, e a todos os cidadáns a título individual, a adoptar os seguintes principios e obxectivos desta declaración:
1. O dereito a un ceo nocturno nítido e á capacidade de observar o firmamento debe considerarse como un dereito equiparábel ao resto dos dereitos medioambientais, sociais e culturais, atendendo á súa incidencia no desenvolvemento dos pobos e na conservación da biodiversidade. A progresiva degradación do ceo nocturno debe considerarse un risco inminente que hai que afrontar, da mesma maneira que se abordan os principais problemas relativos aos recursos e ao medio ambiente.
2. A conservación, a protección e a posta en valor do patrimonio natural e cultural asociado ás paisaxes nocturnos e á observación do firmamento, representa un ámbito privilexiado para a cooperación na salvagarda da calidade de vida. Por parte de todos os responsábeis, esta actitude implica un auténtico reto de innovación cultural, tecnolóxica, científica e profesional, que esixe realizar un gran esforzo concertado para permitir redescubrir a presenza do ceo nocturno no noso legado patrimonial.
3. A educación constitúe un poderoso vector capaz de inverter o divorcio crecente entre a cultura actual e a apreciación do ceo estrelado como fiestra ao universo. A educación e difusión da astronomía, así como dos valores científicos e culturais asociados á contemplación do universo, deberían considerarse como contidos básicos a incluír na actividade educativa en todos os ámbitos. A posta en marcha de experiencias que permitan actuar como referentes e a formación das educadores nestas materias, é hoxe en día un desafío urxente e ineludíbel.
4. Os efectos negativos derivados da mala xestión e intrusión da luz artificial excesiva, esta levando á degradación da calidade atmosférica e lumínica dos ceos nocturnos sobre as especies, hábitats e ecosistemas naturais, representando un factor ata agora pouco valorado no mantemento dos sistemas naturais. Xa que logo, urxe integrar, na súa xusta medida, a dimensión da noite e a calidade dos ceos nocturnos nas políticas de conservación da natureza e fortalecer decididamente a investigación científica neste ámbito.
5. Tendo en conta que o ceo nocturno forma parte integrante da paisaxe que a poboación de cada territorio percibe, considérase necesario que as políticas de paisaxe desenvolvidas nos diferentes ordenamentos xurídicos incorporen as normas correspondentes para garantir a preservación da calidade do ceo nocturno e o dereito á contemplación do firmamento.
6. Defender unha iluminación intelixente que evite a contaminación e o impacto visual e non compita coa luz das estrelas, constitúe un auténtico reto para as administracións públicas, a industria da iluminación, os decisores en materia de enerxía, e para todos os usuarios da luz artificial. En tal sentido, a redución da contaminación lumínica deberá integrarse nas políticas enerxéticas e nos compromisos sobre o cambio climático, xa que unha iluminación que respecta o ceo nocturno é unha iluminación máis racional e máis eficiente enerxeticamente, e moito máis de se utilizaren fontes de enerxía renovábeis.
7. Os ámbitos privilexiados para a observación astronómica dos ceos, constitúen un ben escaso no planeta, e a súa conservación representa un esforzo mínimo en comparanza cos beneficios que aportan ao coñecemento e ao desenvolvemento científico e tecnolóxico. A protección da calidade e transparencia dos ceos nestes lugares senlleiros, que inclúen os emprazamentos de observatorios actuais e potenciais, deberá constituír unha prioridade nas políticas rexionais e nacionais. Deberán extremarse as medidas e disposicións que permitan protexer tales espazos dos efectos nocivos da contaminación lumínica, radioeléctrica e atmosférica.
8. A actividade turística na súa máis ampla acepción debe converterse nun vector dunha nova alianza en favor da calidade do ceo na noite. O turismo responsábel pode e debe integrar o ceo nocturno como un recurso a resgardar e valorar en cada destino. A xeración de novos produtos turísticos baseados na observación das estrelas e os fenómenos da noite, nas rutas do coñecemento estelar, ou no patrimonio cultural e natural asociado á astronomía, abre posibilidades insospeitadas de cooperación entre os actores turísticos, as comunidades locais e as institucións científicas.
9. Os lugares de referencia especial relacionados coa conservación e o desenvolvemento sostíbel, que inclúen entre outros á Rede Mundial de Reservas de Biosfera, os sitios Ramsar ou os declarados Patrimonio da Humanidade, así como as áreas protexidas e os lugares de especial interese para a observación astronómica, representan lugares de especial interese para a promoción de iniciativas orientadas á protección do ceo nocturno e a redución dos efectos negativos da contaminación lumínica.
10 Deberán poñerse en práctica todas as medidas necesarias co fin de sensibilizar e informar ao conxunto de implicados na protección do ceo nocturno, xa sexa a nivel local, nacional, rexional ou internacional, sobre o contido e os obxectivos da Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito a Observar as Estrelas celebrada na Illa da Palma.












Pingback from Como de limpo está o teu ceo? · Opaco
Date: 18 Xaneiro 2009, 11:23 p.m.
[...] visitas á de pawley xa sabía da existencia da Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o [...]